DECRETO 151/2014, de 20 de noviembre, de sanidadE mortuoria de Galicia.
Para facilidade de consulta polos Sres. Sacerdotes incorpóranse os capítulos VII, VIII, IX, X, así como as disposicións que contempla o Decreto da Consellería de Sanidade 151/2014, de 20 de novembro de Sanidade Mortuoria de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia o 11 de decembro de 2014.
CAPÍTULO VII: NORMAS SANITARIAS DOS CEMITERIOS
Artigo 24. Número e localización
Cada concello, independentemente ou asociado con outras entidades locais, disporá dun cemiterio con capacidade adecuada ás características da súa poboación.
Artigo 25. Localización de cemiterios de nova construción
1. O emprazamento dos cemiterios de nova construción virá determinado nos instrumentos de planeamento municipais. No caso de que non exista planeamento, a entidade local recadará o parecer das consellerías con competencias en ordenación do territorio e patrimonio cultural, respectivamente.
2. Arredor do solo destinado á construción dun novo cemiterio establécese un perímetro de 50 metros de largo totalmente libre de todo tipo de construción, medida a partir do peche exterior do cemiterio. Para os efectos previstos neste artigo, poderán situarse dentro dese perímetro os edificios e instalacións de carácter relixioso ou destinados a servizos funerarios.
3. Os concellos poderán establecer, motivadamente, nas súas ordenanzas e instrumentos de planeamento un perímetro maior do indicado no parágrafo precedente, en función das circunstancias e características de patrimonio cultural, urbanísticas e de desenvolvemento no seu ámbito territorial. Así mesmo, os concellos, sen prexuízo do disposto nas normas e plans urbanísticos ou de patrimonio cultural aplicables, poderán, excepcionalmente e motivadamente, permitir a ampliación de cemiterios xa autorizados sen o cumprimento do requisito relativo ao perímetro citado anteriormente.
Artigo 26. Instalacións mínimas
Sen menoscabo das instalacións esixidas por outras normativas aplicables, todo novo emiterio ou ampliación doutro existente deberá contar, ademais do número de sepulturas previsto no proxecto, coas seguintes instalacións:
1. Un osario xeral destinado a recoller os restos procedentes das exhumacións de restos cadavéricos.
2. Un forno incinerador. Esta instalación non será precisa cando se conte cun xestor autorizado para a eliminación de roupas e útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou da limpeza dos cemiterios.
3. Instalación de auga apta para o consumo humano e servizos hixiénicos.
4. Un sector destinado a depositar as cinzas procedentes das incineracións ou un columbario.
5. Un peche perimetral que garanta a seguridade da instalación.
Artigo 27. Condicións construtivas das sepulturas
As sepulturas deberán reunir como mínimo as condicións seguintes:
1. Fosas. As medidas do oco interior das sepulturas serán as seguintes: a profundidade das fosas será como mínimo de dous metros, o seu largo de 0,85 metros e a súa lonxitude, como mínimo, de 2,40 metros, cun espazo de 0,50 metros de separación entre unhas e outras.
2. Nichos.
a) As medidas do oco interior dos nichos serán as seguintes: terá, como mínimo, 0,85 metros de largo por 0,70 metros de alto e 2,40 metros de profundidade.
b) Os materiais utilizados na construción de nichos serán impermeables. Cada unidade de enterramento e o sistema no seu conxunto será permeable, asegurándose unha drenaxe adecuada e unha expansión dos gases en condicións de inocuidade e saída ao exterior pola parte máis elevada.
c) No caso de que se utilicen sistemas prefabricados, reunirán as mesmas características que as esixidas para os nichos neste artigo, e a separación vertical e horizontal das sepulturas virá dada polas características técnicas de cada sistema construtivo. Non obstante, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade do mercado, poderán utilizarse sistemas legalmente fabricados ao abeiro da normativa dun lugar do territorio español.
3. Cinceiros: terán como mínimo 0,80 metros de largo, 0,80 metros de alto e 0,80 metros de profundidade.
Artigo 28. Expedientes de nova construción e ampliación de cemiterios
1. Os expedientes de construción ou ampliación de cemiterios serán instruídos e resoltos polos concellos en que estean situados, aos cales lles corresponderá o outorgamento da licenza correspondente.
2. Os ditos expedientes contarán coa seguinte documentación:
a) Instancia da entidade propietaria. Nos cemiterios municipais a instancia será substituída pola certificación de acordo polo órgano competente para acordar a construción ou ampliación.
b) Memoria asinada por técnico competente en que se fará constar o seguinte:
1º. Localización, superficie e capacidade prevista.
2º. Planos de distribución das instalacións e dependencias.
3º. Construcións existentes máis próximas ou o terreo urbanístico apto para ela e vías de comunicación.
4º. Clase de obra e materiais que se empregarán nos muros de cerramento e nas edificacións.
5º. Tipos de enterramentos e as súas características construtivas.
c) Estudo hidroxeolóxico do terreo con indicación da permeabilidade, variación anual do nivel freático da zona e no cal expresamente se faga constar que non existe risco de contaminación de captacións de auga para abastecemento.
d) Informe favorable do organismo de bacía competente.
e) Informe urbanístico emitido polo órgano competente do concello, no referente a que a zona en que se pretende construír o cemiterio ou ampliar o existente estea prevista para eses usos no planeamento urbanístico vixente. No caso de que non exista planeamento, a entidade local pedirá o parecer das consellerías con competencias en ordenación do territorio e patrimonio cultural, respectivamente.
f) Autorización da consellería competente en ordenación do territorio, nos supostos en que sexa preceptiva.
g) Autorización previa da consellería con competencia en materia de patrimonio cultural para os proxectos de construción de novos cemiterios e ampliación dos existentes no caso de afectaren bens protexidos do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e os seus contornos e memoria sucinta sobre os elementos do patrimonio cultural que se poidan ver afectados polo proxecto.
h) Informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a situación do cemiterio. Coa petición do dito informe achegarase copia da documentación prevista nas alíneas b), c) e d) do presente artigo. Este informe terá carácter preceptivo e non vinculante, e emitirase no prazo máximo dun mes.
i) Informes, autorizacións ou permisos esixidos segundo a normativa sectorial específica.
Artigo 29. Suspensión de enterramentos
1. Procederá a suspensión de enterramentos por parte dos concellos, de oficio ou por instancia de parte, cando concorra calquera das seguintes circunstancias:
a) Cando se pretenda destinar o seu terreo ou parte del a outros usos.
b) Por esgotamento transitorio ou definitivo da súa capacidade.
c) Por razóns sanitarias ou de salubridade.
2. Antes de proceder á suspensión de enterramentos, o concello solicitará informe da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, que deberá emitilo no prazo máximo de dez días. O dito informe terá carácter de preceptivo e non vinculante, polo que, transcorrido o prazo sen que se teña emitido, entenderase que é favorable.
Artigo 30. Actuacións para os efectos da declaración de ruína
1. Para os efectos deste artigo, considérase como sepultura en estado de ruína aquela que cumpra os parámetros definidos na normativa urbanística de aplicación.
2. O concello, de oficio ou por petición de parte, e mediante un expediente contraditorio previsto na normativa urbanística, declarará o estado de ruína dunha sepultura, e tales efectos consideraranse como parte interesada as persoas titulares do dereito sobre as sepulturas, así como, se procede, o titular do cemiterio, agás inminente perigo que o impida.
Non obstante, para poder derrubar unha sepultura ou calquera outro elemento integrante dun cemiterio que forme parte ou estea situado no contorno dun ben protexido do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, será preciso que a consellería con competencia en materia de patrimonio cultural autorice previamente a demolición pretendida.
3. O concello farallo saber á entidade propietaria e ao público cunha antelación de tres meses, mediante a publicación nos boletíns e diarios oficiais e os xornais de maior circulación no concello, a fin de que as familias dos inhumados poidan adoptar as medidas que o ordenamento xurídico lles permita.
4. A declaración do estado de ruína dunha sepultura requirirá que a entidade propietaria, logo da autorización da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, dispoña a exhumación dos cadáveres existentes para a súa inmediata reinhumación no lugar que o titular do dereito sobre a sepultura dispuxese; se non consta o dito acto de disposición, a reinhumación efectuarase nun osario xeral.
5. Rematada a exhumación dos cadáveres, as sepulturas declaradas en estado de ruína serán derrubadas pola entidade titular ou, de non facelo, procederá o concello con cargo aos obrigados a través dos mecanismos previstos no parágrafo 3 do artigo 201 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
6. A declaración do estado de ruína dunha sepultura comporta a extinción do dereito do seu titular. En consecuencia, tanto a exhumación para a inmediata reinhumación como a derruba das sepulturas non darán por si mesmas lugar a ningún tipo de indemnización.
Artigo 31. Clausura de cemiterios
1. O concello, de oficio ou por instancia de parte, iniciará o expediente de clausura dun cemiterio, unha vez declarada a suspensión de enterramentos.
Non se poderá acordar a clausura dun cemiterio nin cambiar o seu destino sen acreditar previamente o transcurso de 10 anos desde a última inhumación, agás que razóns de interese público o aconsellen.
2. Iniciado o expediente, someterase a información pública cunha antelación de tres meses, mediante a publicación nos boletíns e diarios oficiais en un dos xornais de maior circulación no municipio, co obxecto de que as persoas interesadas poidan exercer os dereitos que as leis lles recoñezan.
3. Con carácter previo á proposta de resolución, o concello remitirá o expediente á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, que informará con carácter vinculante. O prazo para a emisión do informe será de dous meses.
4. O concello, á vista da documentación, alegacións e informes, resolverá sobre a procedencia ou non da clausura.
5. Os restos que se retiren por petición dos familiares ou persoas con dereito ou interese lexítimo serán inhumados noutro cemiterio ou cremados logo de autorización da persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade.
En defecto do anterior, a recollida e traslado, por petición da entidade propietaria, será autorizada pola persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade. Os restos que se retiren poderán ser inhumados noutro cemiterio, cremados ou depositados nun osario xeral.
Artigo 32. Enterramentos en lugares especiais
1. A consellería competente en materia de sanidade poderá autorizar enterramentos en lugares de culto e recintos institucionais de especial relevancia histórica e/ou artística, logo de informe favorable do órgano competente en materia de patrimonio cultural e da información pública practicada por prazo de vinte días, sempre que non se aprecie a concorrencia de factores de risco obxectivos que o impidan e que se farán constar no acordo denegatorio, se for o caso.
2. No caso de lugares especiais de enterramento de nova construción, o promotor do expediente presentará a seguinte documentación:
a) Solicitude da entidade propietaria segundo o modelo recollido no anexo IV (SA439A).
b) Memoria asinada por técnico competente en que se fará constar o seguinte:
1º. Localización, superficie e capacidade prevista.
2º. Planos de distribución das instalacións e dependencias.
3º. Clase de obra e materiais que se empregarán nos muros e edificacións.
4º. Tipos de enterramentos e as súas características construtivas.
5º. Identificación precisa dos elementos de valor cultural.
c) Informe urbanístico emitido polo órgano competente do concello.
d) Autorización da consellería competente en ordenación do territorio, nos supostos en que sexa preceptiva, de conformidade co disposto na Lei 9/2002, de 30 do decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
3. Finalizadas as obras de construción, a entidade propietaria comunicarao á persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, quen ordenará a realización da visita de inspección de fin de obra co obxecto de comprobar o cumprimento das condicións sanitarias aplicables ao caso.
CAPÍTULO VIII: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 33. Infraccións
1. As infraccións cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo aos criterios de risco para a saúde, a contía do eventual beneficio obtido, o grao de intencionalidade, a gravidade da alteración sanitaria e social producida, a xeneralización da infracción e a reincidencia.
2. Terán a consideración de infraccións, de acordo co disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as seguintes accións e omisións.
3. Infraccións leves:
a) O incumprimento da obriga das empresas funerarias de comunicar os traslados de cadáveres á xefatura territorial da Consellería de Sanidade, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.
b) O incumprimento do mantemento dos rexistros establecidos no artigo 36, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.
c) O incumprimento por simple neglixencia do establecido para os vehículos funerarios no artigo 14, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.
d) O incumprimento por simple neglixencia dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas neste decreto que, en razón dos criterios recollidos neste artigo, merezan a cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou moi graves, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.
e) Carecer dos libros oficiais de rexistro establecidos no artigo 36, sempre que se deba a simple neglixencia e a alteración ou risco sanitario sexa de escasa incidencia.
f) A obstrución ao labor inspector mediante calquera acción ou omisión que a perturbe ou atrase, de conformidade co artigo 41.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
4. Infraccións graves:
a) O incumprimento, por neglixencia grave, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto, así como calquera outro incumprimento e comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade, de conformidade co previsto no artigo 42.e) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Tamén terá a consideración de infracción grave o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falla dos controis ou precaucións exixibles na actividade, servizo ou instalación de que se trate.
b) Carencia, por neglixencia grave, dos libros oficiais de rexistro establecidos no artigo 36, cando a dita carencia produza alteración ou risco sanitario, aínda que sexa de escasa entidade.
c) Impedir a actuación dos inspectores, debidamente acreditados, nos establecementos ou instalacións regulados neste decreto.
d) O incumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 10, 11 e 18 respectivamente para as empresas funerarias, tanatorios, velorios, crematorios e licenzas de enterramento, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E os mesmos incumprimentos e comportamentos cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falla dos controis ou precaucións esixibles na actividade, servizo ou instalación.
e) O incumprimento dos requisitos establecidos no presente decreto para cemiterios e crematorios, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E os mesmos incumprimentos e comportamentos cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste punto, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falla dos controis ou precaucións exixibles na actividade, servizo ou instalación.
f) Non respectar nos tanatorios e velorios as condicións de temperatura ou ventilación e refrixeración establecidas para as zonas de exposición de cadáveres ou salas de tanatopraxia recollidas no artigo 11.
g) O enterramento de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos antes dos prazos establecidos.
h) A exposición dun cadáver nun lugar público distinto dos previstos neste decreto sen a autorización correspondente.
i) O incumprimento do establecido para a exhumación de cadáveres ou restos cadavéricos.
j) A condución e traslado de cadáveres en medios distintos dos recollidos no artigo 13.
k) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses, de conformidade co previsto no artigo 42.j) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
l) A negativa a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios e investigacións epidemiolóxicas de abrochos ou situacións de especial risco para a saúde da poboación, de conformidade co previsto no artigo 42.d) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
m) As que, en razón dos elementos recollidos neste artigo, merezan a cualificación de graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.
5. Infraccións moi graves.
a) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación co enterramento de cadáveres, restos humanos ou restos cadavéricos ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
b) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa realización de prácticas de tanatopraxia ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
c) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidas no presente decreto en relación coa condución, traslado e enterramento de cadáveres sen o correspondente féretro, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave, de conformidade co previsto no artigo 43.c) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
d) As actuacións que, a teor do grao de concorrencia dos elementos a que se refire o artigo 40 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, merezan a cualificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.
e) A resistencia, coacción, ameaza ou represalia, desacato ou calquera outra forma de presión exercida sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes, de conformidade co previsto no artigo 43.b) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
f) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos, de conformidade co previsto no artigo 43.h) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Artigo 34. Sancións
1. As accións ou omisións constitutivas de infraccións, segundo o previsto no artigo 33 deste decreto, serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo de instrución do oportuno procedemento, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan ocorrer. O procedemento para a imposición de sancións axustarase aos principios establecidos no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. As infraccións a que se refire o artigo 33 do presente decreto serán sancionadas con multa de acordo coa gradación establecida no artigo 44 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Nos supostos de infraccións moi graves, poderá ser acordado, no seo do expediente sancionador, polo Consello da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 44 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o peche temporal do establecemento, instalación ou servizo por un prazo máximo de cinco anos.
3. Non terá carácter de sanción a clausura ou peche do establecemento ou instalacións que non conten cos requisitos previstos ou a suspensión do seu funcionamento ata que se emenden os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade.
Artigo 35. Órganos competentes para a imposición de sancións
Os órganos competentes para a imposición de sancións e medidas a que se refire o presente regulamento, sen prexuízo das facultades que lle sexan conferidas por outras disposicións, son:
1. Os titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.
2. O/a director/a xeral con competencia en materia de saúde pública para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.
3. A persoa titular da Consellería de Sanidade pola comisión de infraccións moi graves.
4. O Consello da Xunta de Galicia para a imposición de sancións cando a súa contía sexa igual ou superior a cento vinte mil douscentos dous euros con corenta e tres céntimos (120.202,43 euros) e a clausura ou peche temporal de establecementos.
5. Os concellos da comunidade autónoma, ao abeiro das súas respectivas ordenanzas municipais, poderán sancionar as infraccións previstas no presente decreto, sempre que as ditas infraccións afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario.
CAPÍTULO IX: REXISTROS, SOLICITUDES E COMUNICACIÓNS
Artigo 36. Libro oficial de rexistro
1. As entidades propietarias dos tanatorios, velorios e empresas funerarias, crematorios e cemiterios disporán dun libro oficial de rexistro de acordo co formato e cos datos que se especifican nos anexos VI a X respectivamente.
2. Os libros oficiais de rexistro serán dilixenciados pola xefatura territorial da Consellería de Sanidade da provincia correspondente. Para tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo V (SA442A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da Consellería de Sanidade, achegando o libro oficial de rexistro e o xustificante do pagamento das taxas.
3. Os libros oficiais de rexistro permanecerán custodiados baixo a responsabilidade do titular do establecemento ou persoa designada por este.
4. Os libros oficiais de rexistro poderán ser controlados, en calquera momento, por requirimento das autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.
5. As entidades propietarias estarán obrigadas a inscribir cada servizo que presten nos libros oficiais, cubrindo na súa totalidade os datos especificados en cada un dos seus puntos.
Artigo 37. Follas en soporte informático
As entidades propietarias dos tanatorios, velorios e empresas funerarias, crematorios e cemiterios poderán utilizar follas en soporte informático, que terán que ser posteriormente dilixenciadas pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Sanidade da provincia correspondente, en substitución dos libros oficiais de rexistro citados no artigo anterior, ao rematar o exercicio correspondente.
Artigo 38. Comunicacións e protección de datos
1. As solicitudes e comunicacións deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes e comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes e comunicacións en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
3. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos regulados no presente decreto, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes ou comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «Sistema de información e vixilancia de puntos de risco para a saúde pública» creado por Orde do 14 de xuño do 2007. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
CAPÍTULO X: RECURSOS
Artigo 39. Órgano competente
Contra as resolucións que ao abeiro do presente regulamento diten os/as xefes/as territoriais da Consellería de Sanidade e o/a director/a xeral con competencia en saúde pública poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, conforme o disposto nos artigos 107.1º e 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Disposición adicional primeira. Regularización de cemiterios
Os titulares dos cemiterios preexistentes que á entrada en vigor do presente decreto non conten co autorización sanitaria e desexen regularizar a súa situación de conformidade con el poderán obtela acolléndose ao seguinte procedemento extraordinario:
1. A entidade titular do cemiterio solicitará do concello a tramitación do correspondente expediente, ao cal se incorporará a documentación técnica necesaria para a constatación dos seguintes aspectos:
a) Instancia da entidade propietaria. Nos cemiterios municipais a instancia será substituída pola certificación de acordo polo órgano competente.
b) Localización, superficie e capacidade.
c) Instalacións, dependencias e tipos de enterramento.
d) Declaración da antigüidade estimada do cemiterio segundo os documentos dispoñibles.
e) Identificación de bens protexidos do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e os seus contornos, se é o caso, e informe da consellería competente en materia de patrimonio cultural.
2. Nestes expedientes non resultará de aplicación o previsto nos artigos 25 e 27, relativos ás distancias mínimas e ás condicións construtivas das sepulturas, respectivamente.
3. Terminada a instrución, o expediente remitirase, xunto coas reclamacións que puideren ser presentadas, co debido informe dos concellos, á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade que podería ordenar a realización de visita de inspección.
4. No caso de non existir obxeccións desde o punto de vista sanitario, a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade comunicarao ao concello tramitador, que ditará a resolución que proceda.
Disposición adicional segunda. Cadáveres e restos contaminados por produtos radioactivos
Os cadáveres e restos humanos contaminados por produtos radioactivos deberán ser manexados e darlles un destino final de acordo coas instrucións do organismo competente en materia de protección radiolóxica.
Disposición transitoria única
As empresas e establecementos de servizos funerarios existentes na actualidade deberán axustarse ao establecido neste decreto no prazo de seis meses a partir da data de entrada en vigor deste.
De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2013, do 19 de decembro, de emprendemento e competitividade de Galicia, todas as solicitudes de licenzas e de autorizacións presentadas antes da entrada en vigor do presente decreto rexeranse pola normativa de aplicación no momento en que se solicitaron, sen prexuízo do cumprimento en todo momento das condicións técnicas que poidan afectar a seguridade e saúde das persoas. Os interesados e interesadas poderán optar entre a continuación do procedemento ou a desistencia deste, acolléndose ao previsto no presente decreto.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que contradigan o disposto no presente decreto e, en particular, as seguintes disposicións: o Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria, o Decreto 3/1999, do 7 de xaneiro, que modifica o anterior, e a Orde do 12 de maio de 1998 pola que se regulan os libros oficiais de rexistro en materia de policía sanitaria mortuoria.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento
1. Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, de conformidade co previsto no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
2. Os anexos ao presente decreto poderanse modificar mediante orde da consellería competente en materia de sanidade.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil catorce
Alberto Núñez Feijóo
Presidente