1.4. CELEBRACIÓNS EN CAPELAS DE PAZOS E/OU CASAS SOLARIEGAS
A celebración do matrimonio canónico terá lugar de modo ordinario nos templos parroquiais como determina a vixente lexislación canónica contida no c. 1.118 en relación co c. 1.115 e concordantes. O mesmo afecta á celebración doutros sacramentos.
Dada a frecuencia con que chegan peticións de parellas que solicitan celebrar a cerimonia relixiosa en capelas privadas, sexan ou non anexas a pazos, casas solariegas de turismo rural, etc. recórdase o apartado 3º das normas vixentes na Diocese desde o un de xaneiro de dous mil cinco: “se algún familiar do titular da capela, en grado de parentesco ata o cuarto grado de consanguinidade, desexa ter algunha desas celebracións en capela de titularidade familiar, deberá: 1) solicitar o pertinente permiso á Curia diocesana, facéndoo coa debida antelación que permita estudar as circunstancias que concorran nese caso e acreditar que algún dos contraentes é familiar directo ata o cuarto grado do propietario do pazo ou casa; ou que sexa o propio titular; 2) que teña en vigor o indulto ou licenza de oratorio; 3) que ese pazo ou casa solariega sexa anterior ó século XVIII. Finalmente, tanto os titulares do pazo ou casa coma os beneficiarios da concesión deberán estar en plena comuñón coa Igrexa Católica”. A capela deberá estar debidamente restaurada e ter a amplitude suficiente. Esta disposición ten carácter temporal, xa que o principio de igualdade dos fieis ante as normas canónicas oponse ó chamado principio de singularidade, que se trataría de impor coas continuas excepcións e dispensas do dereito común. Esta limitación afecta de igual modo a outros actos de culto. Esta normativa é igualmente aplicable ás peticións para outros actos familiares (p.e.: Bodas de Prata, de Ouro,…).
1.5. CELEBRACIÓNS EN IGREXAS CONVENTUALES E/O DE RELIXIOSAS
As celebracións de bautismos e de vodas nas igrexas referenciadas soamente serán autorizadas cando tales actos afecten a irmás ou sobriñas de relixiosas que estean nesa comunidade. Deste xeito trátase de respectar o carácter específico deses lugares de culto en beneficio da comunidade relixiosa.
1.6. SACRAMENTO DO MATRIMONIO
“A alianza matrimonial, pola que o varón e a muller constitúen entre si un consorcio de toda a vida, ordenado pola súa mesma índole natural ao ben dos cónxuxes e á xeración e educación da prole, foi elevada por Cristo Noso Señor á dignidade de sacramento entre bautizados" (c. 1055 e Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1061).
“A Sagrada Escritura ábrese co relato da creación do home e da muller a imaxe e semellanza de Deus (Xn 1,26- 27) e péchase coa visión das "vodas do Cordeiro" (Ap 19,7.9). Dun extremo a outro a Escritura fala do matrimonio e do seu "misterio", da súa institución e do sentido que Deus lle deu, da súa orixe e do seu fin, das súas realizacións diversas ao longo da historia da salvación, das súas dificultades nacidas do pecado e da súa renovación "no Señor" (1 Co 7,39) todo iso na perspectiva da Nova Alianza de Cristo e da Igrexa (cf. Ef 5,31-32)” (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1062).
Preparación.- A preparación é de todo punto necesaria. Noutros tempos considerábase que a preparación ao matrimonio estaba suficientemente garantida polo ambiente, a orixe cristiá da familia, a educación e a catequese recibidas. Apenas se dubidaba de que todo bautizado era un crente efectivo.
Hoxe, en cambio, a Igrexa, respectando sempre aqueles casos especiais dunha esmerada preparación ambiental, cultural e relixiosa, considera que as condicións reais en que moitos noivos chegan ao matrimonio non son suficientes, e, polo tanto, se require unha axeitada preparación.
¿En que consiste esta preparación? Fundamentalmente consiste en: acoller os noivos e axudarlles a buscar na sinceridade e o diálogo o camiño a seguir; descubrirlles os valores humanos e transcendentais do amor, de maneira que sexa estable, permanente, indisoluble non só como “proxecto de vida” senón tamén “de por vida”; espertar, alimentar e madurar a súa fe; facer o posible para que se movan dentro dunha opción libre, consciente e sincera; poñelos en contacto con outras persoas para compartir outras experiencias con encontros a nivel persoal e comunitario; axudar a comprender e a vivir o rito da celebración sacramental.
En xeral, trátase dunha catequese prematrimonial segundo as distintas situacións persoais dos contraentes e segundo os distintos niveis en que se queira insistir:
– Catequeses básicas sobre as verdades relixiosas fundamentais.
– Catequese ou curso prematrimonial sobre aspectos teolóxicos e morais do Matrimonio.
– Catequeses litúrxicas sobre o Ritual do Sacramento do Matrimonio.
A preparación inmediata ao matrimonio. A preparación ao matrimonio é un proceso gradual e continuo que ten unha etapa remota (na infancia e adolescencia), outra próxima (o período de noivado) e unha inmediata (para os que están a punto de casarse). Mediante os cursos prematrimoniais preténdese espertar, alimentar e madurar a fe dos noivos para que reciban o sacramento do matrimonio de xeito consciente, voluntario e libre.
En calquera caso, non poden faltar nunca encontros persoais do sacerdote responsable cos contraentes para considerar os diferentes aspectos deste sacramento e da vida en familia.
Débese urxir, cada día máis, unha coidadosa preparación para o matrimonio. Porque as relacións interpersoais son nel complexas e profundas. Por outra parte, se se queren previr tantas situacións irregulares como hoxe se dan na vida matrimonial, non hai mellor camiño que este. Ademais, como lograr doutro modo aquela madureza humana e de fe que é necesaria para afrontar as responsabilidades familiares e sociais que comporta o matrimonio?
A preparación para o matrimonio non é só un período de tempo, senón un proceso gradual e continuo. Debe comezar no seo da familia e da Igrexa, coa mesma iniciación cristiá. Adquirir unha maior intensidade, mesmo con certa programación sistemática, nos anos de noivado. E culminar coa preparación inmediata e o Curso de preparación para o matrimonio. (do Directorio de Pastoral Familiar – Diocese de Santiago de Compostela), ou ben a preparación específica impartida polo párroco e/ou outros axentes de pastoral.
1.- Incorporación da certificación de bautismo no expediente matrimonial.- Vixiando pola necesaria seguridade xurídica da documentación que debe aportarse á tramitación do expediente previo ó matrimonio canónico, lémbrase ós Rvdos. Sres. Curas Párrocos e responsables de parroquias, que o noso dereito particular ten disposto que a partida ou certificación do bautismo debe axuntarse ó expediente matrimonial, cando este non queda arquivado na parroquia propia na que conste inscrito o bautismo ou cando os expedientes se remitan desde a parroquia de orixe a outra. A devandita certificación debe incluír as notas marxinais preceptuadas polo dereito, e a data da súa expedición debe estar dentro do semestre previo, segundo disposición da Sagrada Congregación de Sacramentos na “Instrucción sobre expedientes matrimoniais”, de 29 de xuño de 1941 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, de 10 e 25 de novembro de 1941, pp. 173-193 e 197-217).
2.- Apertura do expediente.- Corresponde ó párroco de cada un dos contraentes (cfr. cc. 1066-1070) a preparación do expediente do seu fregués ou freguesa, así coma velar para que os noivos reciban a conveniente preparación pastoral. Cada contraente fará o seu medio expediente na parroquia onde teña o seu domicilio, ou cuasi-domicilio ou ó menos a residencia dun mes (c.1115).
O párroco da noiva, unha vez teña o expediente completo, será o que se relacione coa sección correspondente da Curia Diocesana. Cando a documentación matrimonial deba ser remitida a outra diocese, serán previamente enviados a este Arcebispado de Santiago de Compostela os expedientes matrimoniais orixinais e os documentos alí aportados.
Recórdase tamén que o noso dereito particular segue outorgando certa preferencia á freguesía da noiva para abri-lo expediente matrimonial e/ou para que a voda se celebre nela, aplicada esta preferencia dentro do contexto da lexislación común que contempla o c. 1115, quedando arquivados os expedientes orixinais na parroquia da noiva. Se algunha parella opta por celebra-la voda noutra parroquia distinta á da noiva, o párroco desta poderá remitir ó párroco en cuxa freguesía se celebre o chamado ATESTADILLO (cf. BOA de Santiago, ano 1941, pp. 211-213), ou ben pasa-los devanditos expedientes, debidamente dilixenciados, para que sexan arquivados alí. Cando os expedientes saian da parroquia na que deberían ser conservados, estímase procedente que o sacerdote encargado dese arquivo deixe unha constancia de tal feito dentro do cartafol dos expedientes coa seguinte nota: “Os expedientes matrimoniais de Don … e Dona … foron remesados á parroquia de … porque alí tivo lugar a celebración da voda”, subliñando data, mes e ano.
3.- Outros aspectos a ter en conta.- Canto queda disposto da partida de bautismo, servatis servandis, debe aplicarse á partida de defunción, no caso de viuvos/as que pasan a novas nupcias.
Coiden os Sres. Curas ser dilixentes, unha vez tivo lugar a celebración canónica da voda, para efectua-las comunicacións pertinentes que prevé a normativa vixente. Cando a comunicación sexa do matrimonio dun viúvo/a ou dun matrimonio declarado nulo polo competente Tribunal Eclesiástico en sentenza firme, de cara a evitar ulteriores investigacións, cómpre que esa circunstancia sexa referenciada na comunicación.
Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias doutras Dioceses como as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelá.
Notas importantes: De cara a evitar dificultades ós contraentes cómpre cumprir por parte dos reitores de parroquias as seguintes indicacións:
a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de solteiría sen seren legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están sendo devoltos eses documentos para a debida tramitación. Igual cabe aplicar na xurisdición castrense.
Lembrar que as certificacións ou documentacións que se expidan para a xurisdición castrense desde as parroquias deben ir legalizadas. Con mais frecuencia da desexada as mesmas están a ser reenviadas a esta Vigairía Xeral para o seu debido cumprimento.
b) Os expedientes matrimoniais non deben ser remesados ás outras dioceses; logo de ser tramitados na parroquia preséntanse no Arcebispado para proceder a face-lo pertinente ATESTADO, que terá de ser enviado a diocese na que será celebrado o matrimonio, agás que así o teña disposto esa diocese.
c) Os pais, os irmáns e os parentes próximos non deben ser admitidos como testemuñas para cumprimenta-lo expediente matrimonial. Outra cousa é cando se tramita o expediente de solteiría por ausencias do domicilio.
d) Procede que os expedientes e a documentación unida sexa estendida e presentada de forma correcta, ben sexa escrita a máquina ou a ordenador, ou ben sexa escrita a man, en cuxo caso convén facelo con caligrafía clara e intelixible.
4.- Arquivo e custodia do expediente matrimonial
a) Custodia do expediente. O responsable directo da garda e custodia do expediente será o párroco da noiva a tenor do dereito consuetudinario vixente na nosa diocese; a el ten que ser remitido o expediente orixinal do noivo coa debida antelación, é dicir, un mes antes da voda. Cando o matrimonio se celebre noutra parroquia, o párroco autorizante poderá enviar os expedientes orixinais a esa parroquia ou ben enviar o atestadillo, coma xa se mencionou no apartado anterior. Nada obsta para que o párroco do noivo deixe no seu arquivo unha copia do expediente do seu fregués.
b) Documentación para outras dioceses. Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias doutras Dioceses coma as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelá.
Para evitar dificultades aos contraentes fai falta cumprir por parte dos reitores de parroquias as seguintes indicacións:
a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de solteiría sen ser legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están a ser devoltos eses documentos para a debida tramitación.
b) Polo que respecta ao envío da documentación matrimonial a outras dioceses, a Conferencia Episcopal dispuxo: “As copias dos expedientes matrimoniais destinados a outras Dioceses enviaranse a través da propia Curia diocesana, que será quen os transmita á Curia de destino”. (Cf. CEE, Instrución/Orientacións acerca dos libros sacramentais parroquiais, de 18 de febreiro de 2010, en BOA de Santiago de Compostela, abril 2010, especialmente páx. 343 e o número 22).
Seguindo a tradición da nosa Diocese de Santiago de Compostela, mentres a disposición anterior non se vaia xeneralizando, dende a Curia poderase preparar o Atestado, que será enviado á Curia de destino.
5.- Certificacións civís nos expedientes matrimoniais
Coa finalidade de prever situacións delicadas que están aparecendo na tramitación das documentacións matrimoniais no intre de prepara-los expedientes canónicos, ou, o que aínda é máis conflitivo, cando o matrimonio xa foi celebrado, cómpre que os encargados da tramitación soliciten coa debida antelación dos noivos que incorporen ós respectivos expedientes a certificación literal de nacemento expedida polo Rexistro Civil con data recente.
Cando as dúas partes, ou unha delas, tivera celebrado un matrimonio anterior, que fora declarado nulo ou houbo dispensa pontificia de matrimonio rato e non consumado se é matrimonio canónico, ou obtivo o divorcio se é matrimonio civil, os contraentes aportarán a certificación literal de nacemento e a certificación literal do matrimonio anterior, de cara a verificar se foron incorporadas as notas marxinais que prevé a vixente lexislación. Estas certificacións deberán ter unha data recente.
Asemade cómpre solicita-la presentación do informe de Fe de Vida e Estado para que conste no expediente matrimonial, ademais de face-la tramitación do expediente canónico de liberdade e solteiría cando sexa procedente.
6.- Celebración do matrimonio canónico de parte española con parte estranxeira
6.1.- Situacións delicadas atendendo á RESIDENCIA OU NON en España da parte estranxeira.
Todas elas necesitan unha tramitación especial que levará a cabo desde Vigairía Xeral, polo que o párroco respectivo non aceptará a fixación de data para a voda ata que os expedientes se atopen completos.
a) Cando a parte española pretenda casar con parte estranxeira que leve residindo en España máis de dous anos. Pode estar nalgunha destas situacións:
• Pertencer a un país da Unión Europea;
• Pertencer a algún país de fóra da unión Europea;
• Que a parte estranxeira estea bautizada na Igrexa católica;
• Que estea bautizada noutra Igrexa ou nunha Confesión proveniente da Reforma;
• Que non estea bautizada.
b) Que a parte estranxeira leve menos de dous anos de residencia en España. As figuras situacionais serían similares ás do apartado precedente.
c) Que a parte católica española pretenda casar con parte estranxeira non residente en España. Os casos situacionais serían do tenor do apartado a).
d) Que sexan dous estranxeiros que, tendo a documentación canónica e a civil do seu país respectivo, pretendan casar canonicamente en España.
Notas.-
Primeira: En cada un dos casos, o párroco da parte española solicitará instrucións concretas de Vigairía Xeral para a tramitación da documentación.
Segunda: Prestarase especial atención á documentación matrimonial de estranxeiros provenientes de fóra da Unión Europea.
6.2.- Situacións delicadas cando houbo un matrimonio anterior da parte estranxeira, seguido de divorcio.
Hai que prestar atención ao caso en que a parte non católica contraese un matrimonio anterior sexa civil ou relixioso porque, en principio este matrimonio é válido e non poden volver casar mentres subsista esa situación. Como é sabido, a Igrexa católica recoñece como válido o matrimonio civil celebrado polos bautizados non católicos occidentais ou por dous non bautizados. Para acceder ao matrimonio canónico deberán tramitar a declaración de nulidade ante os Tribunais da Igrexa Católica. Caso diferente sería o matrimonio de dous acatólicos de rito oriental, que deberá ser analizado desde outras referencias canónicas.
Antes de proceder á apertura do expediente matrimonial da parte católica, o sacerdote informaralles que deben presentar en Vigairía xeral do Arcebispado a documentación seguinte:
A).- Documentación eclesial para bautizados: Se a parte estranxeira está validamente bautizada: (sexa na Igrexa católica ou nunha Igrexa non Católica ou ben nalgunha Confesión proveniente da Reforma):
* Certificación actualizada do bautismo, legalizada pola correspondente Autoridade da súa Igrexa ou Confesión. Deberá presentarse acompañada da tradución ao castelán ou ao galego, por tradutor xurado.
* Certificación de liberdade, solteiría e capacidade para contraer matrimonio canónico expedida pola competente Autoridade relixiosa, traducida ao castelán ou ao galego por tradutor xurado. A devandita certificación non será de data anterior a seis meses. Convén recordar que algunhas Igrexas e/ou Confesións da Reforma remiten aos testemuños emanados das Autoridades civís, non expedíndoas o Pastor.
* Para os non católicos: prestar as caucións que norma a lexislación canónica, previa á concesión da licenza que outorgará o Ordinario para proceder a este Matrimonio Mixto. Caucións que tamén deberán prestar as partes cando unha non estea bautizada para dispénsaa do impedimento de disparidade de cultos.
* Para deixar constancia das circunstancias, tramitaráselle na parroquia da parte católica o expediente supletorio.
B).- Documentación civil.- O estranxeiro/a debe presentar a seguinte documentación para que sexa recoñecida en Vigairía Xeral antes de sinalar data para a voda:
* Certificación literal de nacemento, debidamente legalizada pola autoridade competente. Entregarase a certificación orixinal e a tradución ao castelán ou ao galego, por tradutor xurado; non anterior a tres meses.
* Certificación de requisitos de capacidade para contraer matrimonio segundo a lexislación dese Estado, expedida polo Consulado ou Embaixada do seu País en España. Traducida como no caso anterior.
* Certificación de liberdade e solteiría expedida pola Autoridade competente. Se o promotor residise no seu País dentro dos dous últimos anos, deberá presentar Certificación do Consulado ou da Embaixada que manifeste “se conforme á lexislación do seu País é necesaria ou non a publicación de Edictos, anunciando a pretensión de celebrar matrimonio”. Traducido como nos casos anteriores.
* Fotocopia do Pasaporte ou documento identificativo actualizados.
* Tarxeta actualizado de residente en España.
* Certificado de empadroamento actual do concello dos dous últimos anos, así como fe de vida e estado.
* No caso de que haxa divorcio e de que a sentenza estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar obter o exequatur pola Sala 1ª do Tribunal Supremo, ou do Xulgado que teña a competencia obxectiva e territorial.
NOTA: No Boletín Oficial de novembro de 2006 contéñense outras aclaracións, pp. 643-644. Así como no Boletín Oficial deste Arcebispado do mes de decembro de 2007 referente ás chamadas “vodas de conveniencia ou de compracencia”. Tamén hai disposicións nos Boletíns Oficiais dos meses de xaneiro e febreiro de 2008 e anos sucesivos.
7.- Resumen dos documentos necesarios para o expediente matrimonial
A) Para o expediente matrimonial de cidadáns españois:
1.- Documentación canónica:
• Partida de bautismo, non anterior a seis meses
• Solteiría e liberdade, de data recente
• Testemuño acreditativo de preparación catequética
• Dispensa de impedimentos, caso de existir.
2.- Documentación civil:
• Certificado literal de nacemento, de data recente
• Certificado de empadroamento dos DOUS últimos anos
• Fe de vida e estado, de data recente
• Fotocopia do DNI.
B) Para o expediente matrimonial de cidadáns estranxeiros:
• Certificado de nacemento legalizado ou apostillado e, no seu caso, traducido por tradutor oficial. A data dentro dos tres meses anteriores.
• Certificado de empadroamento que xustifique os dous últimos anos de residencia
• Certificado de estado civil
• Certificado de capacidade matrimonial segundo a lexislación do seu Estado, con expresión de se é necesario ou non a publicación de Edictos
• Fotocopia do pasaporte
• Tarxeta de residencia.
NOTA.— Para a documentación canónica, se a parte está bautizada na Igrexa Católica, debe presentar a documentación referida máis arriba, debidamente legalizada ou apostillada, e, no seu caso, traducida ó castelán ou galego por tradutor oficial.
Se a parte está bautizada noutra Igrexa ou Confesión non católica, solicitará a documentación na súa Igrexa e/ou Confesión, debidamente legalizada ou apostillada, e, no seu caso, traducida ó castelán ou galego.
C) Documentación civil para persoas divorciadas que desexan casarse pola Igrexa:
a) Se só houbo matrimonio civil, ademais do sinalado no apartado A, deberán presentar: Certificado literal do matrimonio anterior no que conste a disolución do mesmo por anotación á marxe do asento matrimonial.
No caso de que a sentenza de divorcio estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar que obtivo o execuatur da Sala l.ª do Tribunal Supremo (ou do Xulgado de l.ª Instancia competente).
b) Se houbo matrimonio canónico recordar que o divorcio civil non o disolve, senón que será necesaria a declaración de nulidade con dúas sentenzas conformes dos Tribunais Eclesiásticos. Cómpre prestar atención ao determinado neste punto polo Motu Proprio Mitis Iures Dominus Iesus do Papa Francisco, de data 15 de agosto de 2015. Nestas situacións convén consultar ao Tribunal Eclesiástico. A tenor do art. 80 do Código civil y 778 da Lei de Enxuizamento Civil, as resolucións ditadas polos Tribunais eclesiásticos sobre nulidade do matrimonio canónico ou as decisións pontificias sobre matrimonio rato e non consumado terán eficacia na orde civil se se declaran axustadas ó Dereito do Estado mediante resolución ditada polo Xuíz Civil competente.
8.- Presentación de documentación civil esixida polo Estado español cando os expedientes veñen do estranxeiro.
1) As parroquias e Curias diocesanas de fóra de España tramitarán o concernente ao ATESTADO MATRIMONIAL (ou documentación canónica).
2) A DOCUMENTACIÓN CIVIL será esixida polo sacerdote responsable da parroquia na que se celebrará o matrimonio canónico solicitado. Por esta circunstancia, ese sacerdote non poderá comprometer a data da voda ata tanto non teña no seu poder a documentación que esixe o Estado Español.
3) En España, o matrimonio canónico ten efectos civís (a diferenza doutras nacións). Polo cal, desde a Igrexa católica debemos ser respectuosos con esta lexislación.
4) Recibida a documentación civil (o mesmo que a canónica) na parroquia, a devandita documentación será recoñecida pola Vigairía Xeral do Arcebispado, máxime ao haberse acrecentado o fenómeno sociolóxico das chamadas “vodas de conveniencia”.
5) A documentación civil requirida debe ser achegada tanto pola parte española como pola parte estranxeira e esta virá debidamente traducida por tradutor oficial e legalizada.
6) O estranxeiro que vén a España para casar canonicamente con parte desta nacionalidade ten que tramitar a documentación civil que esixe a lexislación española: partida literal do nacemento de data recente; certificado de requisitos de capacidade conforme á lexislación dese país para contraer matrimonio no estranxeiro; informe de liberdade e solteiría así como da necesidade ou non da publicación de edictos para o matrimonio; certificación de empadroamento (ou similar) dos dous últimos anos; fotocopia compulsada do pasaporte ou do D.N.I.
Estes documentos presentaranse legalizados e traducidos ao castelán ou ao galego por tradutor oficial. Para maior facilidade solicitarán a información na Embaixada de España nese país ou no Consulado.
7) Matrimonio canónico de dous estranxeiros en España: polo que respecta á lexislación civil poderán acollerse á lexislación vixente en España ou á lexislación propia do seu país (isto é á súa Lei persoal). Neste sentido exprésase o artigo 50 do Código Civil Español.
9.- Comunicación ao xulgado.
Con data 7 de xullo de 2008, Prot. N223/08, o Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española comunicaba ás Dioceses de España o Acordo alcanzado co Instituto Nacional de Estatística polo que se regula a comunicación de datos estatísticos sobre matrimonios canónicos.
O Encargado do Rexistro Civil solicitará aos contraentes os datos estatísticos que pide a lexislación cando acudan a inscribir o matrimonio no Xulgado.
Polo cal, ata que se elaboren novos impresos, os Párrocos, ao comunicar a celebración do matrimonio canónico ao Rexistro Civil, eliminarán a segunda folla, de cor verde, destinada ao Instituto Nacional de Estatística. Isto é, farase como na actualidade.
Nota importante: os rexistros civís están a devolver aos Sres. Párrocos certificacións de matrimonios por conter datos incompletos ou erróneos en apelidos, ou en algún número do DNI, tachaduras, enmendas, datas, etc. Faise unha chamada a evitar todas estas situacións.