ANEXO 1. “VODAS DE CONVENIENCIA OU DE COMPRACENCIA”.
Enténdese por “vodas de conveniencia ou de compracencia” o fenómeno sociolóxico polo cal inmigrantes chegados a España programan (ben eles directamente ou ben pola intermediación de grupos dedicados a estes mesteres) a celebración dunha voda con parte española, coa finalidade de obter o permiso de residencia e/ou de amplialo, accedendo así máis facilmente a un contrato de traballo e a unha estancia prolongada.
Ante varias situacións irregulares que se están producindo segundo informacións provenientes doutras dioceses e as propias experiencias ocurridas no noso Arcebispado de Santiago de Compostela, estímase necesario comunicar aos Sres. curas párrocos e encargados de freguesías:
Primeiro.- Detectouse a falsificación de certificacións de bautismo e de testemuños de solteiría. Ante estas circunstancias procede actuar con extrema cautela. Por iso é polo que soamente admitirase a documentación matrimonial que veña de Bispado a Bispado.
Segundo.- A xeneralización do fenómeno referido obriga a ser moi cautos na tramitación de expedientes matrimoniais daqueles inmigrantes que non teñan o domicilio ou permanencia estable na parroquia á que acoden para casar. Esta permanencia deberá ser acreditada mediante certificación do censo municipal. Constatáronse casos de inmigrantes que andaron “peregrinando” de parroquia en parroquia tratando de buscar un sacerdote que fóra “comprensivo e menos esixente”. A parte española deberá tramitar o expediente na parroquia do seu domicilio e desde o seu Bispado será reenviado ao Arcebispado de Santiago de Compostela o pertinente atestado canónico.
Terceiro.- A documentación civil da parte estranxeira deberá comprender: a) certificación literal, debidamente legalizada e traducida ao castelán ou ao galego por tradutor xurado; b) constancia dos requisitos de capacidade e testemuño da necesidade ou non de publicitar Edictos anunciando a pretensión de celebrar matrimonio, expedidos polo Consulado ou a Embaixada do respectivo Estado, tamén traducidos ao español ou ao galego por tradutor xurado, e que sexan de data recente; c) fotocopia compulsada do pasaporte e do permiso de residencia en España.
Esta documentación civil da parte estranxeira deberá ser presentada nas Oficinas da Policía, Sección de Estranxeiría, para verificar se os datos achegados son correctos e que non existe fraude de lei.
Cuarto.- Se a parte estranxeira está bautizada na Igrexa católica: a petición da documentación canónica actualizada farase desde o Arcebispado de Santiago de Compostela ao Bispado desa parte.
Se a parte estranxeira foi bautizada noutra Igrexa ou Confesión cristiá, unha vez recoñecida esa documentación en Vigairía Xeral, concretarase o procedemento a seguir. Pode consultarse: Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela: xaneiro de 2007, pp. 54-55; febreiro 2007, pp. 173-174 e 192-193.
Quinto.- Coas disposicións precedentes non se trata de “sancionar” á inmensa maioría dos inmigrantes que, neste fluxo histórico das correntes migratorias, aflúen a España, como multitude de compatriotas nosos, e ata de familiares, desprazáronse a outras partes do mundo en tempos non afastados. Trátase de defender a propia dignidade do inmigrante e de evitar a extorsión de grupos de presión.
Os inmigrantes seguirán atopando nas institucións da nosa Diocese as atencións humanas, pastorais e relixiosas que sexan propias da Igrexa católica.
Sexto.- Encarécese aos sacerdotes encargados da pastoral parroquial o fiel cumprimento das disposicións canónicas e da lexislación civil no referente ao matrimonio canónico, ao ter este efectos civís en España.
Sétimo.- Cando un cidadán/a estranxeiro/a solicite recibir o Sacramento do Bautismo na Igrexa católica, faise necesario aplicar as disposicións canónicas vixentes na nosa Diocese para procurarlle a debida preparación relixiosa e pastoral, tal como se contén no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela do mes de febreiro do ano 2003.
ANEXO 2. SÍNTESE DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA
PARA O MATRIMONIO CIVIL
Documentación necesaria para iniciar o expediente:
1.- SOLTEIROS, MAIORES DE IDADE E ESPAÑOIS
a)- Certificación literal de nacemento (solicítase no Rexistro Civil do lugar de nacemento).
b)- Fe de vida e estado (solicítase no Rexistro Civil do lugar de residencia).
c)- Certificación de empadroamento da poboación onde residisen os dous últimos años (solicítase nos Concellos correspondentes).
2.- DIVORCIADOS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal de matrimonio onde conste a anotación marxinal do Divorcio (solicítase no Rexistro Civil do lugar de matrimonio).
b) Testemuño da Sentencia de Divorcio, en onde conste a firmeza da mesma (solicítase Xulgado no que se promoveu o Divorcio).
3.- VIÚVOS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal do matrimonio (solicítase no Rexistro Civil do lugar do matrimonio).
b)- Certificación literal de Defunción doutro cónxuxe (solicítase no Rexistro Civil do lugar da defunción).
4.- ESTRANXEIROS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal de nacemento, debidamente legalizada e traducida ó castelán, polas autoridades competentes.
b)- Certificación do Consulado ou Embaixada do seu país en España, na que se especifiquen cales son os requisitos de capacidade para contraer matrimonio, segundo a lexislación actual.
c)- Se o promotor residise no seu país dentro dos dous últimos anos, deberá presentar certificación do Consulado ou Embaixada que determine se conforme á lexislación do seu país é necesario ou non a publicación de Edictos, anunciando a pretensión de celebrar matrimonio.
d)- Fotocopia do DNI ou do Pasaporte.
e)- Testemuño actualizado de residencia en España ou tarxeta de residencia.
f)- Fe de vida e estado ou equivalente.
g)- Certificado de empadroamento dos dous últimos anos.
OBSERVACIÓNS
No suposto de que a sentencia de Divorcio estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar ter obtido o execuatur pola Sala 1ª do Tribunal Supremo ou do Xulgado que teña a competencia obxectiva e territorial.
1.7. CELEBRACIÓNS CULTUAIS E LITÚRXICAS EN LINGUA GALEGA
Para xeral coñecemento, relaciónanse seguidamente o estado das edicións litúrxicas en galego:
Misal Romano
Misal Romano (Edición en tamaño máis manual)
Misal Romano. Propio das dioceses de Galicia.
Ritual do Bautismo de nenos.
Ritual da Confirmación.
Ritual das Exequias.
Cantoral para a celebración das Exequias.
Ritual para os ministerios do Lector e do Acólito.
Ritual do Matrimonio.
Ritual das Ordenacións.
Directorio e ritual para os Ministros Extraordinarios da Eucaristía.
Cantoral Litúrxico Galego. Dez anos de encontros de música relixiosa en Pontevedra. (Casettes, Partituras, Letras).
Leccionario I. Ciclo A.
Leccionario I. Ciclo B.
Leccionario I. Ciclo C.
Leccionario II (*). Feiras de Advento, Coresma e Pascua.
Leccionario II.(**) Feiras do tempo ordinario.
Leccionario III. (*) Propio dos Santos.
Leccionario III (**) Misas rituais, votivas e por algunhas necesidades
Diurnal.
Oración dos fieis.
Oracional Galego
A Santa Misa (tríptico para os fieis coas respostas da Misa).
1.8. ABANDONO DA IGREXA CATÓLICA.
a) Procedemento.- Principia por unha instancia que esa persoa envía ao Excmo. Sr. Arcebispo, ou ben a dirixe ao sacerdote encargado da parroquia do domicilio, para que a faga chegar ás instancias diocesanas.
b) Tramitación do expediente.- O procedemento tramitarase ante o Ordinario propio do ou da solicitante, que é o lugar do seu domicilio, do cuasidomicilio (c. 107), para facilitar o encontro co fiel e establecer o necesario diálogo pastoral.
c) Finalizado o expediente, a resolución comunicarase directamente á persoa do solicitante.
Convén lembrar que “un dos dereitos recoñecidos a todos os fieis é o dereito á protección da súa propia intimidade2 (cfr. c. 220). Por iso a Igrexa sempre procurou que os datos persoais dos fieis que obran no seu poder a través dos diversos libros parroquiais, fosen dilixentemente custodiados e só se puidesen proporcionar a quen tivese un interese lexítimo no seu coñecemento”. (Orientacións acerca dos libros sacramentais Parroquiais, CEE, 23 de abril de 2010, parte introdutoria).
2.- PARTE ADMINISTRATIVA
2.1.- Visita arciprestal
Disponse que os Sres. Arciprestes fagan a Visita Arciprestal ás parroquias do seu distrito ó longo do ano 2020, remesando á respectiva Vigairía Territorial un informe do estado do arquivo parroquial e da vida pastoral de cada unha das freguesías. As parroquias das que son titulares os Sres. Arciprestes serán visitadas polo Sr. Vigairo Episcopal Territorial respectivo. Preténdese que a visita vaia máis alá dun mero formulismo; para iso tratarase de coñece-la vivencia pastoral da parroquia e a súa inserción no Plano Pastoral Diocesano. No vixente Estatuto do Arcipreste incorpórase un ANEXO co esquema dos puntos que debe ter en conta a devandita visita.
A administración económica das parroquias e entidades afectadas será contrastada anualmente polo arcipreste, a quen corresponde o deber e o dereito de que se cumprimenten e garden convenientemente os libros parroquiais, se administren con dilixencia os bens eclesiásticos e se conserve a casa parroquial coa debida atención (c. 555,1.3º e Estatuto do Arcipreste da Diocese de Santiago).
2.2.- Atención ás parroquias vacantes
Perante moitos séculos á atención urxente canónico-pastoral as parroquias vacantes ou a aquelas que a imposibilidade do sacerdote non lle permitía actuar estivo prestada pola benemérita institución do “Sacerdote Sacramentario” polo que respecta a nosa Diocese con gratitude queda constancia das seguintes disposicións: Circulares de 30 de outubro de 1902; 10 de decembro de 1908; 28 de febreiro de 1919, e apartado 4 das Normas para a provisión do Oficio Parroquial na Arquidiocese de Santiago de Compostela do B.O.A. de abril de 1993, pp. 247 e 259.
A modificación substancial das circunstancias históricas, a carencia de sacerdotes, a necesidade de agrupar varias freguesías nunha unidade parroquial (aínda que conservando cada unha a súa personalidade xurídica) conlevan a necesidade de modificar o réxime desa atención dispoñendo que nesas situacións de urxencia asuma inicialmente o Arcipreste á atención canónico-pastoral, ata tanto o Prelado Diocesano non proceda a nomear Administrador Parroquial, en caso de haber Vigairo parroquial, por disposición canónica este asume a devandita atención. O apartado 2.3 do Estatuto do Arcipreste concreta estas atribucións.
2.3.- Presentación das contas parroquiais
Para que a economía da diocese teña a transparencia necesaria e tamén para lograr que a Administración diocesana poida presentar uns balances e presupostos debidamente consolidados de toda a diocese, cómpre que tódalas e cada unha das institucións eclesiásticas que teñan personalidade xurídica pública e estean baixo a xurisdición do Bispo diocesano cumpran coa obriga de presentar anualmente as contas, segundo determina o c. 1287. Neste sentido, é xa práctica diocesana que nos comezos de cada ano a Delegación Diocesana de Economía solicite o cumprimento desta obrigación, cada vez de máis obrigado cumprimento dadas as esixencias das autoridades civís.
Así mesmo, os administradores deben render contas ós fieis acerca dos bens que estes entregan á Igrexa (c. 1287.2).
2.4.- Libretas bancarias co CIF do Arcebispado
As contas bancarias que conteñen os fondos parroquiais terán o CIF do Arcebispado de Santiago de Compostela e non un número do DNI do sacerdote ou doutra persoa. Nesta libreta deberán ser anotados tódolos ingresos e gastos da entidade. Con esta disposición trátase:
a) de diferenciar o que é propio da entidade do que é propio do sacerdote;
b) e, polo mesmo, evitar diferenzas de interpretación cos familiares do sacerdote en caso de falecemento e/ou de incapacidade dispositiva. A titularidade dos depósitos e contas da Igrexa ou do Santuario debe ser sustentada por esa persoa xurídica, e, en ningún caso, por outras persoas físicas, sexan estes fondos conservados en cartillas de aforro, contas correntes, valores do Estado, etc..
2.5.- Depósitos en Parroquias
En orde a unha mellor administración do patrimonio financeiro, cada entidade poderá ter na súa conta bancaria corrente unha cantidade que será concretada anualmente polo Sr. Ecónomo diocesano. Os depósitos financeiros que sobrepasen o importe sinalado, serán ingresados na Administración Diocesana ó nome da Parroquia ou do Santuario, coas garantías necesarias de rendibilidade a favor da entidade titular. Caso de ser necesario, a entidade titular poderá dispoñer destes fondos, total ou parcialmente, se os necesita, previo escrito dirixido ó Sr. Arcebispo.
Co visto bo da Comsión Diocesana de Economía e do Consello de Asuntos Económicos, para este ano 2020, fixouse a cantidade máxima que pode figurar na/s conta/s bancaria/s da/s parroquia/s, no que se indica:
• Parroquias ata 500 habitantes: 3.000 €
• Parroquias de 500 a 1.000 habitantes: 6.000 €
• Parroquias de 1.000 habitantes en adiante: 12.000 €
2.6.- Concesións de axudas e subvencións
Non se tomará ningún acordo de concesión de subvencións sen dispoñer da información segundo o seguinte procedemento:
1.- solicitude, onde consten os datos do solicitante, se xustifique a solicitude de subvención e o importe total do proxecto explicado que se pretende acometer.
2.- proposta de financiamento do citado proxecto a acometer.
Criterios a aplicar na concesión:
1.- Non se concederán subvencións ás parroquias que non estean ao día na presentación das contas e na contribución ao ISC.
2.- Tampouco se concederá subvención para as obras que foron realizadas sen ser previamente aprobadas, sen menoscabo das responsabilidades nas que se puido incorrer.
3.- As subvencións ordinarias serán dun 25% para as igrexas (retablos, imaxes) e un 50% para as casas reitorais.
4.- A diocese poderá facer préstamos ás parroquias que o soliciten e poidan reembolsalo por urxente necesidade, pero establecéndose un prazo de reembolso e nunca a fondo perdido. Será necesario documentar por escrito calquera préstamo que se conceda.
5.- Requirirase informe do párroco, do arcipreste e da administración diocesana, previos ao proceso de concesión. Se é o párroco o que fai a solicitude, non será necesario solicitarlle informe.
6.- Para poder proceder ao abono da subvención, deberase xustificar pola parroquia a obra realizada, achegando as facturas correspondentes.
7.- Concederanse axudas do 50% do custo para a limpeza de leiras. Poderán aumentarse en casos de urxente necesidade.
8.- Para as plantacións de leiras, procurarase presentar expedientes de solicitude de axudas ás administracións competentes, financiando a diocese a diferenza que puidese existir. No caso de curta dunha leira, procurarase a súa replantado, financiándoo co importe da súa venda.
9.- Os alugueres de vivendas, en caso de necesidade e puntualmente, financiaranse ao 100%, debendo achegar o contrato e o xustificante de pago no momento en que sexan requiridos pola administración diocesana.
2.7. Arquivos parroquiais
Encaréceselles ós encargados e responsables dos arquivos parroquiais que se esmeren en prestárlle-los coidados axeitados para evita-la perda ou destrución dos libros ou documentos obrantes nos mesmos, así como ter ó día as anotacións e asentos.
No ano 1977 dispúxose que se fosen concentrando no Arquivo Histórico Diocesano os arquivos parroquiais cos libros e documentos anteriores ó ano 1.900. (cfr. BOA de Santiago de Compostela 1975, pp. 225-226; ano 1976, pp. 435-437; ano 1977, p. 536).
É de todos coñecido que cada vez son máis as parroquias que non teñen sacerdote residente e que, por unha parte as reitorais deshabitadas carecen das necesarias medidas de seguridade, e por outra as reitorais habitadas non sempre dispoñen de espazos apropiados para concentrar alí os diversos arquivos que ten ó seu cargo o sacerdote. Para remediar esta situación, proseguirase a campaña de recolle-los arquivos parroquiais coa finalidade de incorporar ó Arquivo Histórico Diocesano os libros e documentos anteriores ó ano 1900 existentes nos arquivos parroquiais. Nestes testemuños documentais temos un patrimonio que prioritariamente é do pobo cristián, pero que tamén ten a súa incidencia na sociedade civil. Axudando a conserva-lo recibido, seguimos facendo presente a memoria histórica.
Nos arquivos parroquiais, a tenor do c. 535, procurarase coidar con esmero os libros parroquiais de bautizados, de matrimonios e de defuntos, debendo o párroco ou encargado do arquivo facer con dilixencia as anotacións prescritas nos cc. 877.1, 895, 535.1.2, 1121, 1182. Ós libros anteriores débeselles engadir por dereito particular: libro de culto e fábrica, de inquilinato, de confirmados, e de confrarías, así como copia dos documentos que acreditan a titularidade dos bens. A devandita relación deberá ser complementada cun libro específico para reseñar as Visitas Pastorais e outros acontecementos parroquiais de singular releve. Tamén se conservarán os expedientes relativos á celebración dos sacramentos, licencias para dar sepultura en cemiterios parroquiais, relación de expedición dos títulos de usufruto para sepulturas subterráneas e/ou para panteóns aéreos. Igualmente cómpre lembra-la obriga de conserva-los Boletíns Oficiais do Arcebispado e encadernalos axeitadamente. As parroquias que non teñan sacerdote residente non recibirán a partir de agora o Boletín Oficial do Arcebispado.
Lémbraselles ós encargados dos Arquivos Parroquiais a obriga de asentar nos libros correspondentes as partidas sacramentais, procurando facelo con pluma e tinta indeleble, con letra clara e fidelidade nos datos. O feito de non asenta-las partidas nos libros ou deixando constancia dos datos soamente no ordenador, é un grave incumprimento dunha parte do Ministerio Parroquial e pode ademais causarlles ós fieis serios prexuízos. Os Sres. Arciprestes vixiarán con frecuencia o cumprimento desta disposición.
2.8.- Expedición de certificacións, informes, etc.
O sacerdote encargado do arquivo parroquial é o responsable de velar polo coidado dos libros e documentos obrantes no mesmo, así como de acreditar axeitadamente a expedición das certificacións e informes solicitados por persoas interesadas. Desde hai algún tempo constátase como unha “delegación” desta responsabilidade administrativa en persoas que non están debidamente acreditadas nin son suficientemente coñecidas na Curia Diocesana. O asinamento (i.e. a firma) dos documentos expedidos debe ser cometido específico do sacerdote responsable do arquivo; se ten un laico en funcións de secretario, deberá comunicarlle á Curia os datos identificativos e a rúbrica que emprega usualmente. “Non fan fe as inscricións orixinais non firmadas, os testemuños ou certificacións non expedidos con firma e selo, nin as copias non conformadas nin visadas” (cfr. Tomás Muniz Pablos, Procedementos Administrativos 111, Sevilla 1926, p. 300).
2.9.- Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC)
A aplicación á nosa diocese das disposicións previstas nos cc. 1272 e 1274.1 do vixente CIC, referente ós Igrexarios e outros bens afectados ó sustento dos cregos ó servizo da diocese conlevará unha transformación radical da forma usual de como vimos actuando desde tempo inmemorial. Estes canons, en sintonía cos principios do Concilio Vaticano II, introducen profundas innovacións ó transcenderen o chamado “sistema beneficial” en favor dunha concepción ministerial dos sacerdotes. Na vixente normativa canónica rómpese o nexo que tradicionalmente existía entre o oficio canónico e o dereito a percibi-las rendas anexas ó oficio polo dote. Hoxe ningún eclesiástico vive do que renda o beneficio, senón que vive do que se lle retribúe como contrapartida á prestación do seu servizo ministerial. As rendas orixinadas polos bens beneficiais están destinadas a complementa-la gratificación que se lles pasa ós sacerdotes para constituí-la remuneración congrua dos clérigos ó servizo da diocese.
As experiencias levadas a cabo na nosa diocese durante os pontificados de Mons. Don Ángel Suquía Goicoechea e de Mons. Don Antonio María Rouco Varela, coas denominadas “explotacións económicas modernas”, necesitan ser retomadas e ser aplicadas ó conxunto dos bens que teñen como función axudar ó sostemento dos cregos, de xeito que se manifeste a solidariedade entre as institucións e as persoas. As reformas feitas enmárcanse dentro dos criterios que contempla o “Segundo Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española sobre Normas Complementarias ó Novo Código de Dereito Canónico” (cfr. BOCEE 2, 1985, pp. 6065) e restante normativa emanada da mesma. A acomodación da nosa praxe tradicional á normativa canónica vixente foi estudada polo Consello Presbiteral ó longo de diversas sesións perante os anos 1997 e 1998, propostas que foron sancionadas polo Arcebispo, Mons. Don Julián Barrio Barrio, en Decreto asinado o 18 de novembro de 1998, complementadas logo por outro Decreto asinado polo Arcebispo o 26 de xaneiro de 1999 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 1998, pp. 645-660, e BOA de Santiago de Compostela, xaneiro 1999, pp. 36-43). A Delegación Diocesana de Economía está a considerar a actualización do Decreto de 26 de xaneiro de 1999.
Mentres esta nova Normativa vai sendo aplicada (isto conleva analiza-la natureza xurídica dos bens tradicionalmente afectados ó sostemento dos clérigos), pídeselles ós párrocos e responsables de parroquias coiden adecuadamente as documentacións e escrituras dos bens inmobles e mobles, impidan a introdución de servidumes; vixíen a defensa das augas de regadío e das traídas das reitorais, estean atentos á lexislación sobre os arrendamentos e procuren ter ó día os contratos de aluguer ou arrendamento; presten especial atención cando se elaboren as Normas Urbanísticas nos respectivos Concellos, etc.
Nota: Inscrición dos bens inmobles no Rexistro da Propiedade. Nos últimos anos levouse a cabo a inscrición de moitos bens inmobles das entidades eclesiásticas, acolléndonos á lexislación civil vixente nese intre. No ano 2015, o Goberno modificou os criterios para acceder ao rexistro da propiedade dos bens inmobles eclesiásticos, polo que é necesario ter en conta dita lexislación.
2.10.- Xubilación dos sacerdotes.
Por Acordo da Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española, do mes de novembro de 1994, os sacerdotes diocesanos que teñan cumpridos 65 anos de idade e reúnan os requisitos regulamentarios que contempla a vixente lexislación poderán solicita-la xubilación civil, acolléndose ós beneficios do Réxime da Seguridade Social do Estado. Esta xubilación civil obtida ós 65 anos non conleva a xubilación canónica, á que se accederá unha vez cumpridos os 75 anos, momento no que, di o Art. 3 do devandito Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española: “A xubilación canónica dos presbíteros procederá segundo a lexislación prevista no c. 538,3 para os párrocos”. Cando haxa de mediar proposta do Ordinario para que a Administración Pública proceda ó nomeamento dun sacerdote para o servizo dalgunha actividade docente ou de convenio administrativo, esa proposta será examinada detidamente.
3.- INTERVENCIÓNS EN CEMITERIOS PARROQUIAIS.
Con relación á problemática que se está presentando nestes cemiterios, é necesario que os señores curas con cargo parroquial recorden os seguintes aspectos da vixente lexislación:
3.1.- Lexislación canónica. Está contida nos cc. 1240-1243 do vixente Código de Dereito Canónico e nas Normas Xerais sobre cemiterios parroquiais da diocese de Santiago de Compostela (cfr. BOAS de Santiago de Compostela, 1981, 290-295). Resúmese o máis principal:
a) Para que un cemiterio poida te-la condición de cemiterio parroquial católico debe cumpri-los seguintes requisitos: que o terreo sexa propiedade da Igrexa Católica; que reúna as condicións esixidas tanto pola lexislación canónica como pola civil vixente en cada momento; sexa administrado, coidado e conservado baixo a vixilancia da Igrexa.
b) Non se autorizará a construción ou ampliación dun cemiterio parroquial en terreos de propiedade de persoas, institucións ou asociacións distintas da Igrexa parroquial ou diocesana. Tampouco se autorizará a construción dun cemiterio parroquial en terreos cedidos por testamento ou con promesa de entrega ou en masas comúns procedentes da Concentración Parcelaria ou similares, mentres a Igrexa non adquira a plena posesión dos mesmos. Así mesmo non será autorizada a construción de panteóns ou de sepulturas soterradas en terreos particulares, anexos ó cemiterio, co fin de incorporalos posteriormente.
c) A administración dos cemiterios parroquiais correspóndelle ó Párroco, asistido polo consello parroquial de economía cando o haxa. A asesoría técnica é competencia da Delegación Diocesana de Economía e da Comisión de Arte Sacra. O párroco e o consello parroquial cando o haxa darán as oportunas orientacións para a conservación e o coidado dos cemiterios, determinando os achegamentos económicos dos titulares de panteóns.
d) Para a construción, ampliación ou reforma dun cemiterio parroquial requírese a licenza escrita do Ordinario, previos os trámites que contempla o art. 13, apartados 2 e 3, das Normas Xerais da diocese.
e) A concesión de títulos de usufruto axustarase ós art. 15-18 das Normas Xerais da diocese. As solicitudes serán firmadas directamente polos propios interesados; esta esixencia administrativa trata de evitar ulteriores reclamacións, como, p.e. “que o párroco non transmitiu axeitadamente a petición do solicitante”, etc. No informe, o sacerdote encargado do cemiterio parroquial especificará o número da parcela que se constrúe, e elaborará, se non o ten xa presentado na Curia, un sinxelo plano do cemiterio no que se detallen as parcelas ocupadas, as edificables, e as que deben quedar libres.
f) Cando a construción ou ampliación do cemiterio se leve a cabo en terreos pertencentes a fincas do igrexario, o importe dos solares dos panteóns e/o das sepulturas soterradas pasará ó Instituto para o sostemento dos cregos, aínda que para a fábrica do templo poderá ser incorporada unha cantidade adicional.
3.2.- Lexislación Civil.- Con data 11 de decembro do ano 2014, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o novo Decreto da Consellería de Sanidade (Decreto 151/2014, do 20 de novembro de Sanidade Mortuoria de Galicia), e que xa está en vigor a partir do 12 de xaneiro deste ano 2015, derrogando o Decreto 134/1998, do 23 de abril. O Boletín do Arcebispado do mes de xaneiro 2015, na sección do poder civil (pp. 91-109), publica o que atinxe especificamente á lexislación sobre cemiterios.
O preámbulo do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, remarca: “Nesta liña, é necesario destacar o papel que desenvolveron os cemiterios parroquiais, a gran maioría dos cales datan de épocas moi anteriores a calquera normativa reguladora, o que produciu non poucas incidencias na aplicación desta, xa que as características daqueles non resultan de doada modificación ou adaptación a criterios técnicos, ao situarse en espazos con moitas limitacións espaciais, de conservación patrimonial e de desenvolvemento potencial.
Estes factores, limitacións e usos abriron progresivamente unha brecha entre a realidade social e a normativa, que en moitas ocasións precisou do pronunciamento xudicial para restablecer a necesaria correlación entre os mínimos criterios sanitarios e as necesidades e usos sociais.
No presente decreto supérase a anterior distinción entre cemiterios parroquiais, confesionais e particulares, entendendo que o determinante dende o punto de vista xurídico é o uso da instalación o que debe prevalecer e ser examinado, máis alá da súa consideración como confesional ou non”. O futuro dirá se esta unificación normativa foi acertada ou non, en virtude do principio filosófico xurídico quen distingue non confunde.
3.3- Conceptos: Seguidamente faise un breve resumo de conceptos referenciando os artigos do Decreto:
Artigo. 1.c (O Decreto ten tamén por obxecto fixar) “as condicións técnico sanitarios que teñen que cumprir os cemiterios e demais lugares de enterramentos”.
O art.º 2 norma as inspeccións para os cemiterios.
1. As funerarias, tanatorios, velorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de medios ou prácticas sanitarias sobre cadáveres, poderán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.
2. Estableceranse programas de vixilancia dos devanditos establecementos para os efectos de comprobar o cumprimento das especificacións do presente regulamento.
O art.º 3 concreta diversas definicións, das que se subliña:
“1.- Ampliación dun cemiterio: incremento da capacidade de enterramentos que leva consigo a extensión fora dos seus muros de peche, de maneira que o recinto orixinal e a ampliación formen unha unidade.
3.- Cemiterio: o recinto pechado adecuado para inhumar restos humanos, que conta coa oportuna licenza municipal e demais requisitos regulamentarios. Dentro dos seus límites poderán existir instalacións ou establecementos funerarios descritos neste decreto.
4. Cinceiro: depósito para os restos cadavéricos.
5. Cinzas: o que queda dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos tras a incineración.
6. Columbarios: depósitos para urnas coas cinzas procedentes da incineración.
27. Sepultura: calquera lugar destinado á inhumación dun cadáver ou restos humanos dentro dun cemiterio ou lugar de enterramento especial autorizado. Inclúense neste concepto:
a) Foxas: escavacións practicadas directamente en terra.
b) Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.
35. Velorios: establecementos para a exposición de cadáveres que contan cos requisitos regulamentarios”.
Artigo 22. Exhumación e reinhumación
1. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade autorizarán a exhumación e transporte de cadáveres do grupo 2º do artigo 4 para a súa reinhumación no mesmo cemiterio utilizando féretro común, ou en cemiterio distinto empregando para iso hucha de traslado. O mesmo sucederá no caso de restos cadavéricos, que poderán ser depositados en caixas de restos. En caso de que o destino final sexa a incineración, utilizarase féretro común ou de incineración.
2. A tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo III (SA666A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, acompañando a partida de defunción literal do cadáver que se pretenda exhumar e o xustificante de pagamento da taxa.
3. Cando exista ou existise un procedemento xudicial en relación ao falecemento, terá que solicitarse previamente a autorización xudicial.
Artigo 23. Incineración de cadáveres
1. A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, a excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.
2. As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas destinadas ao efecto, figurando obrigatoriamente no exterior o nome do defunto, e serán entregadas á familia ou ao seu representante legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes”.
3.4.- Problemática recente nalgunhas ampliacións. – Preséntase cando as ampliacións se proxectan en masas comúns ou fondos provenientes da concentración parcelaria. Nestes casos as administracións civís veñen acudindo á figura xurídica dunha "cesión-concesión demanial" que como máximo podería chegar aos 75 anos (cfr. Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das Facendas Públicas, especialmente nos artigos 67, 71, 93, 137 e art.º 77 do R. D. 1372/1986, do 13 de xuño).
Esta cesión-concesión neses termos oponse á praxe tradicional e á normativa diocesana que vén esixindo dende tempo inmemorial “que o cemiterio parroquial novo e/ou a ampliación se faga en terreo que sexa de titularidade dominical da Igrexa Católica”. Proseguirase a reflexión doutrinal sobre este tema novo.
3.5- Licenza do párroco para inhumacións, exhumacións, recollida de restos, etc. nos cemiterios parroquiais. Tendo en conta que o sacerdote encargado dunha parroquia é o administrador tamén do cemiterio parroquial, a funeraria, que leve a cabo algunha destas operacións, deberá previamente acordar con ese sacerdote a hora adecuada, xa que se necesita a autorización do sacerdote reitor para levar a cabo esa actuación. Para situacións de ausencia imprevistas dará a licenza o arcipreste do distrito.
4.- ANOTACIÓN DOS ENTERRAMENTOS NOS LIBROS SACRAMENTAIS DA PARROQUIA.
4.1.- Para seguir conservando a fiabilidade histórica dos nosos libros sacramentais, é necesario que o Sr. Cura reitor da freguesía inscriba no libro de defuncións os enterramentos dos seus fregueses, deixando constancia no asentamento ou partida se o sepelio tivo lugar no cemiterio parroquial, ou no cemiterio municipal, ou no cemiterio veciñal (caso de existir tamén na parroquia estes últimos). Igualmente quedará constancia de todos aqueles enterramentos de fieis católicos provenientes de outras parroquias e que reciban sepultura ben no cemiterio parroquial ou ben en cemiterios propios de algunha outra entidade (p.e., Concello, Asociacións, etc.), sempre que as familias afectadas fagan a pertinente comunicación de datos.
4.2.- Asento de incineracións.- Coa finalidade de deixar o oportuno testemuño procede que no correspondente folio do libro actual de defuncións fágase unha anotación á marxe, que poderá ter a seguinte redacción: Cando as cinzas se depositan no panteón ou sepultura familiar: “O cadáver de D./D.ª …, fillo/a de D. … e D.ª …, de … anos de idade, foi incinerado o día … de … do ano … e as súas cinzas foron depositadas no cemiterio desta parroquia”.
4.3.- Normativa canónica acerca da sepultura e conservación das cinzas incineradas.- Está contida na instrución “Ad resurgendum cum Christo”, do 15 de agosto de 2016. Foi publicada pola Congregación para a Doutrina da Fe e desenvolve o modelo tradicional dos enterros e a nova modalidade das cremacións, dando disposicións relativas á conservación das cinzas no caso da cremación. A cremación non está prohibida “a non ser que fose elixida por razóns contrarias á doutrina cristiá” (CIC, c. 1176.3). Os fieis defuntos son parte da Igrexa, que cre na comuñón “dos que peregrinen na terra, dos que se purifican despois de mortos e dos que gozan da benaventuranza celeste, e que todos se unen nunha soa Igrexa” (Catecismo da Igrexa católica, n. 922). “A conservación das cinzas nun lugar sacro pode axudar a reducir o risco de subtraer aos defuntos da oración e o recordo dos familiares e da comunidade cristiá”. Porque é oportuno lembrar que a obra de misericordia que nos convida a “enterrar aos mortos” segue vixente, tamén para as cinzas incineradas.
O número 6 da Instrución dispón “que non está permitida a conservación das cinzas no fogar… nin tampouco ser divididas entre os diferentes núcleos familiares e débeselles asegurar respecto e condicións adecuadas de conservación”.
O número 7 norma: “…non sexa permitida a dispersión das cinzas no aire, na terra ou na auga ou en calquera outra forma, ou a conversión das cinzas en recordos conmemorativos, en pezas de xoiería ou noutros artigos…”.
Esta ensinanza da Igrexa non pretende turbar a paz que quen preferiu esparcir as cinzas dos seus deudos. Lembremos que cada norma vai respondendo o seu momento. A fe cristiá tamén se expresa en signos, e a renuncia aos mesmos pode chegar a escurecer a nosa fe co paso do tempo. E un destes signos é a referencia do columbario.
O Ritual de Exequias nas páxinas 263-271 contempla a celebración das exequias en caso de cremación do cadáver.
5.- CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DA IGREXA.
Ao longo dos séculos, e dentro das súas posibilidades económicas, a Igrexa, creou, conservou e transmitiu un valioso Patrimonio Cultural, certamente ó servizo da Fe Cristiá, pero tamén aberto ós valores da Arte, da Cultura, da Historia, etc. Desde hai anos, as Autoridades Civís, os expertos e a sociedade en xeral séntense tamén motivados para que ese Patrimonio poida ser conservado e ofrecido á consideración do pobo. Por este motivo, recórdaselles os cregos encargados da súa custodia que non procedan á realización de reformas ou de restauracións sen o debido asesoramento técnico dos Organismos competentes e a preceptiva autorización diocesana. Cando sexa necesario recadar informes e/ou licencias da Consellería de Cultura para as intervencións que se teñan que levar a cabo, a tramitación farase desde a Comisión Diocesana de Arte Sacra ós Organismos competentes da Xunta de Galicia. Tanto a lexislación canónica coma a civil tratan de protexer este Patrimonio e recordan a seria responsabilidade dos encargados da súa custodia. Neste punto lembrar que a Consellería de Cultura está sancionando severamente as intervencións que se levan a cabo sen os correspondentes permisos da mesma.
6.- OUTRAS DISPOSICIÓNS ANTERIORES
• Celebración do matrimonio canónico con estranxeiro/a (BOA de Santiago de Compostela, decembro 1998, p. 663).
• Celebracións Litúrxicas en Sábado Santo (BOA de Santiago de Compostela 1989, p. 77).
• Certificacións civís nos expedientes matrimoniais (cfr. BOA de Santiago de Compostela, novembro 2002, p. 687; ídem, novembro 2004, p. 565).
• Circular do Ministerio de Xustiza sobre duplicidade de matrimonios (BOA de Santiago de Compostela 1986, p. 82).
• Decreto de Constitución do Instituto Canónico para o Sostemento dos Clérigos (BOA de Santiago de Compostela decembro 1998, pp. 645-660).
• Decreto de homologación de títulos de párroco (BOA de Santiago de Compostela 1994, pp. 467-468).
• Decreto de retribucións: Normativa diocesana para o ano 1999 en materia económica (BOA de Santiago de Compostela xaneiro 1999, pp. 36-43).
• Decreto sobre actualización dos Aranceis Diocesanos e Normas Litúrxicas (BOA de Santiago de Compostela 1980, pp. 43-50).
• Decreto sobre Cemiterios Parroquiais (BOA de Santiago de Compostela 1981, pp. 290-295).
• Directorio Diocesano de Confirmación (BOA de Santiago de Compostela 1987, pp. 531-547).
• Disposicións de Vicaría General: BOAS de xaneiro 2005, pp. 42-68; xaneiro 2006, pp. 27-66; xaneiro 2007, pp. 29-73; febreiro 2007, pp. 150-193; xaneiro 2008, pp. 36-82; febreiro 2008, pp. 164-209; novembro 2008, pp. 655-668, 671-685; xaneiro 2009, pp. 85-135; febreiro 2009, pp. 197-247; xaneiro 2010, pp. 42-104; febreiro 2009, pp. 178-236; xaneiro 2011, pp. 38-101; febreiro 2009, pp. 159-224; xaneiro 2012, pp. 36-100; febreiro 2012, pp. 150-214, xaneiro 2013, pp. 38-102; febreiro 2013, pp. 146-209; xaneiro 2014, pp. 34-99; febreiro 2014, pp. 156-220; xaneiro 2015, pp.24-90; febreiro 2015, pp. 140-204.
• Documentación Canónica para la admisión a la Primera Comunión, (BOA de Santiago de Compostela 1996, p. 281).
• Expediente matrimonial e partida de Bautismo (BOA de Santiago de Compostela 1996, p. 682 e BOA de Santiago de Compostela 1997 p. 596).
• Expedientes matrimoniais e certificacións (B.O.A. de Santiago, novembro 2007, pp. 780-784).
• Lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia sobre Cemiterios (BOA de Santiago de Compostela 1999, pp. 619-632) e unhas aclaracións provenientes da Vigairía Xeral (idem, p. 633).
• Matrimonio con parte non bautizada na Igrexa Católica (cfr. B.O.A. de Santiago, novembro 2006, pp. 643-644).
• Matrimonios Mixtos: Motu Proprio do papa Paulo VI polo que se establecen Normas sobre os matrimonios mixtos, de 31 de marzo de 1970 (BOA de Santiago de Compostela 1970, pp. 256-264) e Normas da Conferencia Episcopal Española sobre esa mesma materia (BOA de Santiago de Compostela 1971, pp. 82-88).
• Ministro do Sacramento da Confirmación (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 2000, pp. 642-643; ídem, novembro 2002, pp. 684-685; ídem, B.O.A. novembro 2004, pp. 560-562).
• Normas para a provisión do Oficio Parroquial na Arquidiocese de Santiago de Compostela (BOA de Santiago de Compostela 1993, pp. 238-264).
• Normativa diocesana sobre fotografías nos actos de culto (BOA de Santiago de Compostela 1990, pp. 432).
• Nota da Vicaría Xeral sobre o Bautismo de nenos (BOA de Santiago de Compostela 1982, pp. 107-108; véxase tamén “Instrución sobre o Bautismo de nenos” da Congregación para a Doutrina da Fe, de 20 de outubro de 1980, en BOA de Santiago de Compostela 1981, pp. 30-42.
• Nota sobre cuestacións nos templos (BOA de Santiago de Compostela 1996 p. 281).
• Orientacións para a atención pastoral dos católicos orientais en España (cf. BOA de Santiago de Compostela, decembro 2003, pp. 587-597)
• Orientacións para a Iniciación Cristiá de persoas maiores de 7 anos non bautizadas e Decreto do Sr. Arcebispo (textos en castelán e galego: BOA de Santiago de Compostela, febreiro 2003, pp. 130-152).
• Partida de Bautismo no expediente matrimonial (cfr. BOA de Santiago de Compostela, novembro 2002, p. 682-683; ídem, B.O.A. novembro 2004, p. 563).
• Partida de Bautismo para padriños/madriñas en bautismos e confirmacións (cfr. BOA de Santiago de Compostela decembro 2001, p. 596; idem, novembro 2002, pp. 685; ídem, novembro 2004, pp. 563).
• Presentación do Directorio de Pastoral Familiar (BOA de Santiago de Compostela 1981, pp. 235). Este Directorio foi publicado en separata.
• Recomendacións acerca do modo de proceder en materia de protección de datos persoais dos fieis de la Junta Episcopal de Asuntos Jurídicos (cfr..B.O.A. de Santiago de Compostela, novembro 2004, pp. 547-553).
• Recomendacións sobre protección de datos, presentadas polo Director da Oficina Diocesana de Socioloxía e Estatística (cfr. B.O.A de Santiago, decembro 2004, pp. 639-641).
• Regulamento do Fondo Común Diocesano de Bens (BOA de Santiago de Compostela 1983, pp. 339-346).
• Trámite de asuntos na Delegación Diocesana de Economía (BOA de Santiago de Compostela 1990, pp. 248-249; véxase tamén BOA de Santiago de Compostela 1980, p. 690).
• Vodas de conveniencia ou de compracencia (B.O.A. de Santiago, decembro 2007, pp. 913-918).
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020.
Asdo./Víctor B. Maroño Pena,
Vicario Xeral-Moderador de Curia.