Ante a preocupante situación sanitaria que estamos a vivir debido á pandemia do SARS-CoV-2, na noite de onte, a Xunta de Galicia publicou o Decreto 8/2021, no que se adoptan novas medidas na Comunidade Autónoma de Galicia.
No que respecta ás limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto, non hai cambios significativos ao normado nos anteriores decretos. No mencionado Decreto, no seu apartado 3 dise:
Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto
1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto non poderá superar o terzo da súa capacidade e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.
Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.
3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.
Na Orde da Consellería de Sanidade, publicada na mesma data, recóllese no anexo as seguintes medidas:
En relación aos enterros, o apartado 3.3, punto 2, dise: A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de quince persoas non conviventes, entre familiares e achegados, ademais de, se é o caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
No punto 3.4, que se refire aos lugares de culto, nórmase:
1. A capacidade máxima dos espazos destinados ao culto deberá publicarse nun lugar visible destes.
2. Non se poderá utilizar o exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público.
3. Non se poderán realizar actuacións de coros o agrupacións vocais de canto.
4. Sen prexuízo das recomendacións de cada confesión en que se teñan en contan as súas particularidades, na celebración dos actos de culto deberanse observar as seguintes medidas de hixiene e prevención:
a. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente e o uso de máscara será obrigatorio consonte o disposto no número 1.3. do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.
b. Diariamente deberanse realizar tarefas de desinfección dos espazos utilizados ou que se vaian utilizar e de xeito regular reiterarase a desinfección dos obxectos que se tocan con maior frecuencia.
c. Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas nos accesos e inmediacións dos lugares de culto.
d. Poranse á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en lugares accesibles e visibles, e, en todo caso, na entrada do lugar de culto, que deberán estar sempre en condicións de uso.
e. Non se permitirá o uso de auga bendicida e as ablucións rituais deberán realizarse na casa.
f. Facilitarase no interior dos lugares de culto a distribución dos asistentes sinalizando, se for necesario, os asentos ou zonas utilizables en función da capacidade permitida en cada momento.
g. …
h. Limitarase ao menor tempo posible a duración dos encontros ou celebracións.
i. Durante o desenvolvemento das reunións ou celebracións evitarase o contacto persoal, tocar ou bicar obxectos de devoción ou outros obxectos que habitualmente se manexen.
Ademais, seguindo a recomendación das autoridades sanitarias, que solicitan limitar a actividade e a mobilidade das persoas ao máximo posible a partir das 18.00 horas, vese oportuno que se adapten os horarios das celebracións das tardes para facilitar o cumprimento destas indicacións.
Debido a estas medidas restritivas, a Catequese terá que levarse a cabo na casa a través dos medios e recursos dixitais que a Delegación Diocesana ven ofrecendo.
Rógase aos Sres. Curas Párrocos, Administradores Parroquiais e encargados da atención pastoral dos centros de culto, respecten esta normativa, que estará en vigor, en principio, ata as 00.00 horas do 17 de febreiro.
Que o Apóstolo Santiago, amigo do Señor, acompañe aos falecidos ata o Pórtico da Gloria e interceda por nós ante El para que nos vexamos liberados desta pandemia.
O VICARIO XERAL