O pasado 26 de xuño, na Hospedería de San Martín, do Seminario Maior, tivo lugar a Reunión Xeral do ano 2018, á que seguiu outra de carácter Extraordinario, por un tema puntual que esixía ese tipo de xuntanza.
Asistiron á reunión xeral, á que se convocan os membros do Equipo Directivo e mailos Delegados de Zoa, oito persoas. O Sr. Presidente insistiu na importancia desa Obra Social Diocesana, que agrupa á terceira parte dos sacerdotes da nosa Diocese, por mor da solidariedade, da previsión de cara aos momentos de pouca saúde, e tamén mirando aos sufraxios para o futuro, nuns momentos en que os familiares non se preocupan tanto de encargar algunha Misa polos sacerdotes finados.
O Sr. Tesoureiro informou dos movementos das contas pertencentes a esta Obra Social, salientando as prestacións aos sacerdotes enfermos. Tamén informou sobre o estado dos bens inmobles.
Na Reunión Xeral acordouse renovar no seu cargo como Secretario e Tesoureiro respectivamente a D. Ramiro Calvo Otero e D. Manuel Botana Agra, que exerceran como tales nos catro últimos anos. Por outra banda, elixíronse tamén Vicepresidente, Vicesecretario e Vicetesoureiro. O primeiro recaeu na persoa de D. Alberto Recarey Gómez, Formador no Seminario Menor; o de Vicesecretario, en D. José Luís Ramos Souto, Vicerrector do Seminario Maior; e o de Vicetesoureiro, a D. Juan Carlos García Barral, párroco de Caldas de Reis. Completábase así o Equipo Directivo, que ten como Presidente un ano mais a D. Xosé Fernández Lago, Cóengo Lectoral da Catedral.
Despois das felicitacións oportunas, a reunión pechouse cun xantar de fraternidade, no edificio do Seminario Maior, onde se deran cita os membros desta Obra Social Diocesana.