1.4. CELEBRACIÓNS EN CAPELAS DE PAZOS E/OU CASAS SOLARIEGAS
A celebración do matrimonio canónico terá lugar de modo ordinario nos templos parroquiais como determina a vixente lexislación canónica contida no c. 1.118 en relación co c. 1.115 e concordantes. O mesmo afecta á celebración doutros sacramentos.
Dada a frecuencia con que chegan peticións de parellas que solicitan celebrar a cerimonia relixiosa en capelas privadas, sexan ou non anexas a pazos, casas solariegas de turismo rural, etc. recórdase o apartado 3º das normas vixentes na Diocese desde o un de xaneiro de dous mil cinco: “se algún familiar do titular da capela, en grado de parentesco ata o cuarto grado de consanguinidade, desexa ter algunha desas celebracións en capela de titularidade familiar, deberá:
1) solicitar o pertinente permiso á Curia diocesana, facéndoo coa debida antelación que permita estudar as circunstancias que concorran nese caso e acreditar que algún dos contraentes é familiar directo ata o cuarto grado do propietario do pazo ou casa; ou que sexa o propio titular; 2) que teña en vigor o indulto ou licenza de oratorio; 3) que ese pazo ou casa solariega sexa anterior ó século
XVIII. Finalmente, tanto os titulares do pazo ou casa coma os beneficiarios da concesión deberán estar en plena comuñón coa
Igrexa Católica”. A capela deberá estar debidamente restaurada e ter a amplitude suficiente. Esta disposición ten carácter temporal, xa que o principio de igualdade dos fieis ante as normas canónicas oponse ó chamado principio de singularidade, que se trataría de impor coas continuas excepcións e dispensas do dereito común. Esta limitación afecta de igual modo a outros actos de culto. Esta normativa é igualmente aplicable ás peticións para outros actos familiares (p.e.: Bodas de Prata, de Ouro,…).
1.5. CELEBRACIÓNS EN IGREXAS CONVENTUALES E/O DE RELIXIOSAS
As celebracións de bautismos e de vodas nas igrexas referenciadas soamente serán autorizadas cando tales actos afecten a irmás ou sobriñas de relixiosas que estean nesa comunidade. Deste xeito trátase de respectar o carácter específico deses lugares de culto en beneficio da comunidade relixiosa.
1.6. SACRAMENTO DO MATRIMONIO
“A alianza matrimonial, pola que o varón e a muller constitúen entre si un consorcio de toda a vida, ordenado pola súa mesma índole natural ao ben dos cónxuxes e á xeración e educación da prole, foi elevada por Cristo Noso Señor á dignidade de sacramento entre bautizados" (c. 1055 e Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1061).
“A Sagrada Escritura ábrese co relato da creación do home e da muller a imaxe e semellanza de Deus (Xn 1,26- 27) e péchase coa visión das "vodas do Cordeiro" (Ap 19,7.9). Dun extremo a outro a Escritura fala do matrimonio e do seu "misterio", da súa institución e do sentido que Deus lle deu, da súa orixe e do seu
fin, das súas realizacións diversas ao longo da historia da salvación, das súas dificultades nacidas do pecado e da súa renovación "no Señor" (1 Co 7,39) todo iso na perspectiva da Nova Alianza de Cristo e da Igrexa (cf. Ef 5,31-32)” (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1062).
Preparación.- A preparación é de todo punto necesaria. Noutros tempos considerábase que a preparación ao matrimonio estaba suficientemente garantida polo ambiente, a orixe cristiá da familia, a educación e a catequese recibidas. Apenas se dubidaba de que todo bautizado era un crente efectivo.
Hoxe, en cambio, a Igrexa, respectando sempre aqueles casos especiais dunha esmerada preparación ambiental, cultural e relixiosa, considera que as condicións reais en que moitos noivos chegan ao matrimonio non son suficientes, e, polo tanto, se require unha axeitada preparación.
¿En que consiste esta preparación? Fundamentalmente consiste en: acoller os noivos e axudarlles a buscar na sinceridade e o diálogo o camiño a seguir; descubrirlles os valores humanos e transcendentais do amor, de maneira que sexa estable, permanente, indisoluble non só como “proxecto de vida” senón tamén “de por vida”; espertar, alimentar e madurar a súa fe; facer o posible para que se movan dentro dunha opción libre, consciente e sincera; poñelos en contacto con outras persoas para compartir outras experiencias con encontros a nivel persoal e comunitario; axudar a comprender e a vivir o rito da celebración sacramental.
En xeral, trátase dunha catequese prematrimonial segundo as distintas situacións persoais dos contraentes e segundo os distintos niveis en que se queira insistir:
– Catequeses básicas sobre as verdades relixiosas fundamentais.
– Catequese ou curso prematrimonial sobre aspectos teolóxicos e morais do Matrimonio.
– Catequeses litúrxicas sobre o Ritual do Sacramento do Matrimonio.
A preparación inmediata ao matrimonio. A preparación ao matrimonio é un proceso gradual e continuo que ten unha etapa remota (na infancia e adolescencia), outra próxima (o período de noivado) e unha inmediata (para os que están a punto de casarse). Mediante os cursos prematrimoniais preténdese espertar, alimentar e madurar a fe dos noivos para que reciban o sacramento do matrimonio de xeito consciente, voluntario e libre.
En calquera caso, non poden faltar nunca encontros persoais do sacerdote responsable cos contraentes para considerar os diferentes aspectos deste sacramento e da vida en familia.
Débese urxir, cada día máis, unha coidadosa preparación para o matrimonio. Porque as relacións interpersoais son nel complexas e profundas. Por outra parte, se se queren previr tantas situacións irregulares como hoxe se dan na vida matrimonial, non hai mellor camiño que este. Ademais, como lograr doutro modo aquela madureza humana e de fe que é necesaria para afrontar as responsabilidades familiares e sociais que comporta o matrimonio?
A preparación para o matrimonio non é só un período de tempo, senón un proceso gradual e continuo. Debe comezar no seo da familia e da Igrexa, coa mesma iniciación cristiá. Adquirir unha maior intensidade, mesmo con certa programación sistemática, nos anos de noivado. E culminar coa preparación inmediata e o Curso de preparación para o matrimonio. (do Directorio de
Pastoral Familiar – Diocese de Santiago de Compostela), ou ben a preparación específica impartida polo párroco e/ou outros axentes de pastoral.
1.- Incorporación da certificación de bautismo no expediente matrimonial.- Vixiando pola necesaria seguridade xurídica da documentación que debe aportarse á tramitación do expediente previo ó matrimonio canónico, lémbrase ós Rvdos. Sres. Curas Párrocos e responsables de parroquias, que o noso dereito particular ten disposto que a partida ou certificación do bautismo debe axuntarse ó expediente matrimonial, cando este non queda arquivado na parroquia propia na que conste inscrito o bautismo ou cando os expedientes se remitan desde a parroquia de orixe a outra. A devandita certificación debe incluír as notas marxinais preceptuadas polo dereito, e a data da súa expedición debe estar dentro do semestre previo, segundo disposición da Sagrada Congregación de Sacramentos na “Instrucción sobre expedientes matrimoniais”, de 29 de xuño de 1941 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, de 10 e 25 de novembro de 1941, pp. 173-193 e 197-217).
2.- Apertura do expediente.- Corresponde ó párroco de cada un dos contraentes (cfr. cc. 1066-1070) a preparación do expediente do seu fregués ou freguesa, así coma velar para que os noivos reciban a conveniente preparación pastoral. Cada contraente fará o seu medio expediente na parroquia onde teña o seu domicilio, ou cuasi- domicilio ou ó menos a residencia dun mes (c.1115).
O párroco da noiva, unha vez teña o expediente completo, será o que se relacione coa sección correspondente da Curia Diocesana. Cando a documentación matrimonial deba ser remitida a outra diocese, serán previamente enviados a este Arcebispado de
Santiago de Compostela os expedientes matrimoniais orixinais e os documentos alí aportados.
Recórdase tamén que o noso dereito particular segue outorgando certa preferencia á freguesía da noiva para abri-lo expediente matrimonial e/ou para que a voda se celebre nela, aplicada esta preferencia dentro do contexto da lexislación común que contempla o c. 1115, quedando arquivados os expedientes orixinais na parroquia da noiva. Se algunha parella opta por celebra-la voda noutra parroquia distinta á da noiva, o párroco desta poderá remitir ó párroco en cuxa freguesía se celebre o chamado ATESTADILLO (cf. BOA de Santiago, ano 1941, pp. 211-213), ou ben pasa-los devanditos expedientes, debidamente dilixenciados, para que sexan arquivados alí. Cando os expedientes saian da parroquia na que deberían ser conservados, estímase procedente que o sacerdote encargado dese arquivo deixe unha constancia de tal feito dentro do cartafol dos expedientes coa seguinte nota: “Os expedientes matrimoniais de Don … e Dona … foron remesados á parroquia de … porque alí tivo lugar a celebración da voda”, subliñando data, mes e ano.
3.- Outros aspectos a ter en conta.- Canto queda disposto da partida de bautismo, servatis servandis, debe aplicarse á partida de defunción, no caso de viuvos/as que pasan a novas nupcias.
Coiden os Sres. Curas ser dilixentes, unha vez tivo lugar a celebración canónica da voda, para efectua-las comunicacións pertinentes que prevé a normativa vixente. Cando a comunicación sexa do matrimonio dun viúvo/a ou dun matrimonio declarado nulo polo competente Tribunal Eclesiástico en sentenza firme, de cara a evitar ulteriores investigacións, cómpre que esa circunstancia sexa referenciada na comunicación.
Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias doutras Dioceses como as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelá.
Notas importantes: De cara a evitar dificultades ós contraentes cómpre cumprir por parte dos reitores de parroquias as seguintes indicacións:
a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de solteiría sen seren legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están sendo devoltos eses documentos para a debida tramitación. Igual cabe aplicar na xurisdición castrense.
Lembrar que as certificacións ou documentacións que se expidan para a xurisdición castrense desde as parroquias deben ir legalizadas. Con mais frecuencia da desexada as mesmas están a ser reenviadas a esta Vigairía Xeral para o seu debido cumprimento.
b) Os expedientes matrimoniais non deben ser remesados ás outras dioceses; logo de ser tramitados na parroquia preséntanse no Arcebispado para proceder a face-lo pertinente ATESTADO, que terá de ser enviado a diocese na que será celebrado o matrimonio, agás que así o teña disposto esa diocese.
c) Os pais, os irmáns e os parentes próximos non deben ser admitidos como testemuñas para cumprimenta-lo expediente matrimonial. Outra cousa é cando se tramita o expediente de solteiría por ausencias do domicilio.
d) Procede que os expedientes e a documentación unida sexa estendida e presentada de forma correcta, ben sexa escrita a máquina ou a ordenador, ou ben sexa escrita a man, en cuxo caso convén facelo con caligrafía clara e intelixible.
4.- Arquivo e custodia do expediente matrimonial
a) Custodia do expediente. O responsable directo da garda e custodia do expediente será o párroco da noiva a tenor do dereito consuetudinario vixente na nosa diocese; a el ten que ser remitido o expediente orixinal do noivo coa debida antelación, é dicir, un mes antes da voda. Cando o matrimonio se celebre noutra parroquia, o párroco autorizante poderá enviar os expedientes orixinais a esa parroquia ou ben enviar o atestadillo, coma xa se mencionou no apartado anterior. Nada obsta para que o párroco do noivo deixe no seu arquivo unha copia do expediente do seu fregués.
b) Documentación para outras dioceses. Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias doutras Dioceses coma as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelá.
Para evitar dificultades aos contraentes fai falta cumprir por parte dos reitores de parroquias as seguintes indicacións:
a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de solteiría sen ser legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están a ser devoltos eses documentos para a debida tramitación.
b) Polo que respecta ao envío da documentación matrimonial a outras dioceses, a Conferencia Episcopal dispuxo: “As copias dos expedientes matrimoniais destinados a outras Dioceses enviaranse a través da propia Curia diocesana, que será quen os transmita á Curia de destino”. (Cf. CEE, Instrución/Orientacións acerca dos libros sacramentais parroquiais, de 18 de febreiro de 2010, en BOA de Santiago de Compostela, abril 2010, especialmente páx. 343 e o número 22).
Seguindo a tradición da nosa Diocese de Santiago de Compostela, mentres a disposición anterior non se vaia xeneralizando, dende a Curia poderase preparar o Atestado, que será enviado á Curia de destino.
5.- Certificacións civís nos expedientes matrimoniais
Coa finalidade de prever situacións delicadas que están aparecendo na tramitación das documentacións matrimoniais no intre de prepara-los expedientes canónicos, ou, o que aínda é máis conflitivo, cando o matrimonio xa foi celebrado, cómpre que os encargados da tramitación soliciten coa debida antelación dos noivos que incorporen ós respectivos expedientes a certificación literal de nacemento expedida polo Rexistro Civil con data recente.
Cando as dúas partes, ou unha delas, tivera celebrado un matrimonio anterior, que fora declarado nulo ou houbo dispensa pontificia de matrimonio rato e non consumado se é matrimonio canónico, ou obtivo o divorcio se é matrimonio civil, os contraentes aportarán a certificación literal de nacemento e a certificación literal do matrimonio anterior, de cara a verificar se foron incorporadas as notas marxinais que prevé a vixente lexislación. Estas certificacións deberán ter unha data recente.
Asemade cómpre solicita-la presentación do informe de Fe de Vida e Estado para que conste no expediente matrimonial, ademais de face-la tramitación do expediente canónico de liberdade e solteiría cando sexa procedente.
6.- Celebración do matrimonio canónico de parte española con parte estranxeira
6.1.- Situacións delicadas atendendo á RESIDENCIA OU NON en España da parte estranxeira.
Todas elas necesitan unha tramitación especial que levará a cabo desde Vigairía Xeral, polo que o párroco respectivo non aceptará a fixación de data para a voda ata que os expedientes se atopen completos.
a) Cando a parte española pretenda casar con parte estranxeira que leve residindo en España máis de dous anos. Pode estar nalgunha destas situacións:
● Pertencer a un país da Unión Europea;
● Pertencer a algún país de fóra da unión Europea;
● Que a parte estranxeira estea bautizada na Igrexa católica;
● Que estea bautizada noutra Igrexa ou nunha Confesión proveniente da Reforma;
● Que non estea bautizada.
b) Que a parte estranxeira leve menos de dous anos de residencia en España. As figuras situacionais serían similares ás do apartado precedente.
c) Que a parte católica española pretenda casar con parte estranxeira non residente en España. Os casos situacionais serían do tenor do apartado a).
d) Que sexan dous estranxeiros que, tendo a documentación canónica e a civil do seu país respectivo, pretendan casar canonicamente en España.
Notas.-
Primeira: En cada un dos casos, o párroco da parte española solicitará instrucións concretas de Vigairía Xeral para a tramitación da documentación.
Segunda: Prestarase especial atención á documentación matrimonial de estranxeiros provenientes de fóra da Unión Europea.
6.2.- Situacións delicadas cando houbo un matrimonio anterior da parte estranxeira, seguido de divorcio.
Hai que prestar atención ao caso en que a parte non católica contraese un matrimonio anterior sexa civil ou relixioso porque, en principio este matrimonio é válido e non poden volver casar mentres subsista esa situación. Como é sabido, a Igrexa católica recoñece como válido o matrimonio civil celebrado polos bautizados non católicos occidentais ou por dous non bautizados. Para acceder ao matrimonio canónico deberán tramitar a declaración de nulidade ante os Tribunais da Igrexa Católica. Caso diferente sería o matrimonio de dous acatólicos de rito oriental, que deberá ser analizado desde outras referencias canónicas.
Antes de proceder á apertura do expediente matrimonial da parte católica, o sacerdote informaralles que deben presentar en Vigairía xeral do Arcebispado a documentación seguinte:
A).- Documentación eclesial para bautizados: Se a parte estranxeira está validamente bautizada: (sexa na Igrexa católica ou nunha Igrexa non Católica ou ben nalgunha Confesión proveniente da Reforma):
* Certificación actualizada do bautismo, legalizada pola correspondente Autoridade da súa Igrexa ou Confesión. Deberá presentarse acompañada da tradución ao castelán ou ao galego, por tradutor xurado.
* Certificación de liberdade, solteiría e capacidade para contraer matrimonio canónico expedida pola competente Autoridade relixiosa, traducida ao castelán ou ao galego por tradutor xurado. A devandita certificación non será de data anterior a seis meses. Convén recordar que algunhas Igrexas e/ou
Confesións da Reforma remiten aos testemuños emanados das Autoridades civís, non expedíndoas o Pastor.
* Para os non católicos: prestar as caucións que norma a lexislación canónica, previa á concesión da licenza que outorgará o Ordinario para proceder a este Matrimonio Mixto. Caucións que tamén deberán prestar as partes cando unha non estea bautizada para dispénsaa do impedimento de disparidade de cultos.
* Para deixar constancia das circunstancias, tramitaráselle na parroquia da parte católica o expediente supletorio.
B).- Documentación civil.- O estranxeiro/a debe presentar a seguinte documentación para que sexa recoñecida en Vigairía Xeral antes de sinalar data para a voda:
* Certificación literal de nacemento, debidamente legalizada pola autoridade competente. Entregarase a certificación orixinal e a tradución ao castelán ou ao galego, por tradutor xurado; non anterior a tres meses.
* Certificación de requisitos de capacidade para contraer matrimonio segundo a lexislación dese Estado, expedida polo Consulado ou Embaixada do seu País en España. Traducida como no caso anterior.
* Certificación de liberdade e solteiría expedida pola Autoridade competente. Se o promotor residise no seu País dentro dos dous últimos anos, deberá presentar Certificación do Consulado ou da Embaixada que manifeste “se conforme á lexislación do seu País é necesaria ou non a publicación de Edictos, anunciando a pretensión de celebrar matrimonio”. Traducido como nos casos anteriores.
* Fotocopia do Pasaporte ou documento identificativo actualizados.
* Tarxeta actualizado de residente en España.
* Certificado de empadroamento actual do concello dos dous últimos anos, así como fe de vida e estado.
* No caso de que haxa divorcio e de que a sentenza estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar obter o exequatur pola Sala 1ª do Tribunal Supremo, ou do Xulgado que teña a competencia obxectiva e territorial.
NOTA: No Boletín Oficial de novembro de 2006 contéñense outras aclaracións, pp. 643-644. Así como no Boletín Oficial deste Arcebispado do mes de decembro de 2007 referente ás chamadas “vodas de conveniencia ou de compracencia”. Tamén hai disposicións nos Boletíns Oficiais dos meses de xaneiro e febreiro de 2008 e anos sucesivos.
7.- Resumen dos documentos necesarios para o expediente matrimonial
A) Para o expediente matrimonial de cidadáns españois:
1.- Documentación canónica:
● Partida de bautismo, non anterior a seis meses
● Solteiría e liberdade, de data recente
● Testemuño acreditativo de preparación catequética
● Dispensa de impedimentos, caso de existir. 2.- Documentación civil:
● Certificado literal de nacemento, de data recente
● Certificado de empadroamento dos DOUS últimos anos
● Fe de vida e estado, de data recente
● Fotocopia do DNI.
B) Para o expediente matrimonial de cidadáns estranxeiros:
● Certificado de nacemento legalizado ou apostillado e, no seu caso, traducido por tradutor oficial.
● Certificado de empadroamento que xustifique os dous últimos anos de residencia
● Certificado de estado civil
● Certificado de capacidade matrimonial segundo a lexislación do seu Estado, con expresión de se é necesario ou non a publicación de Edictos
● Fotocopia do pasaporte
● Testemuño actualizado de residencia en España ou tarxeta de residencia.
NOTA.— Para a documentación canónica, se a parte está bautizada na Igrexa Católica, debe presentar a documentación referida máis arriba, debidamente legalizada ou apostillada, e, no seu caso, traducida ó castelán ou galego por tradutor oficial.
Se a parte está bautizada noutra Igrexa ou Confesión non católica, solicitará a documentación na súa Igrexa e/ou Confesión, debidamente legalizada ou apostillada, e, no seu caso, traducida ó castelán ou galego.
C) Documentación civil para persoas divorciadas que desexan casarse pola Igrexa:
a) Se só houbo matrimonio civil, ademais do sinalado no apartado A, deberán presentar: Certificado literal do matrimonio anterior no que conste a disolución do mesmo por anotación á marxe do asento matrimonial.
No caso de que a sentenza de divorcio estea ditada por un Tribunal
estranxeiro, deberase acreditar que obtivo o execuatur da Sala l.ª do Tribunal Supremo (ou do Xulgado de l.ª Instancia competente).
b) Se houbo matrimonio canónico recordar que o divorcio civil non o disolve, senón que será necesaria a declaración de nulidade con dúas sentenzas conformes dos Tribunais Eclesiásticos. Cómpre prestar atención ao determinado neste punto polo Motu Proprio Mitis Iures Dominus Iesus do Papa Francisco, de data 15 de agosto de 2015. Nestas situacións convén consultar ao Tribunal Eclesiástico. A tenor do art. 80 do Código civil y 778 da Lei de Enxuizamento Civil, as resolucións ditadas polos Tribunais eclesiásticos sobre nulidade do matrimonio canónico ou as decisións pontificias sobre matrimonio rato e non consumado terán eficacia na orde civil se se declaran axustadas ó Dereito do Estado mediante resolución ditada polo Xuíz Civil competente.
8.- Presentación de documentación civil esixida polo Estado español cando os expedientes veñen do estranxeiro.
1) As parroquias e Curias diocesanas de fóra de España tramitarán o concernente ao ATESTADO MATRIMONIAL (ou documentación canónica).
2) A DOCUMENTACIÓN CIVIL será esixida polo sacerdote responsable da parroquia na que se celebrará o matrimonio canónico solicitado. Por esta circunstancia, ese sacerdote non poderá comprometer a data da voda ata tanto non teña no seu poder a documentación que esixe o Estado Español.
3) En España, o matrimonio canónico ten efectos civís (a diferenza doutras nacións). Polo cal, desde a Igrexa católica debemos ser respectuosos con esta lexislación.
4) Recibida a documentación civil (o mesmo que a canónica)
na parroquia, a devandita documentación será recoñecida pola Vigairía Xeral do Arcebispado, máxime ao haberse acrecentado o fenómeno sociolóxico das chamadas “vodas de conveniencia”.
5) A documentación civil requirida debe ser achegada tanto pola parte española como pola parte estranxeira e esta virá debidamente traducida por tradutor oficial e legalizada.
6) O estranxeiro que vén a España para casar canonicamente con parte desta nacionalidade ten que tramitar a documentación civil que esixe a lexislación española: partida literal do nacemento de data recente; certificado de requisitos de capacidade conforme á lexislación dese país para contraer matrimonio no estranxeiro; informe de liberdade e solteiría así como da necesidade ou non da publicación de edictos para o matrimonio; certificación de empadroamento (ou similar) dos dous últimos anos; fotocopia compulsada do pasaporte ou do D.N.I.
Estes documentos presentaranse legalizados e traducidos ao castelán ou ao galego por tradutor oficial. Para maior facilidade solicitarán a información na Embaixada de España nese país ou no Consulado.
7) Matrimonio canónico de dous estranxeiros en España: polo que respecta á lexislación civil poderán acollerse á lexislación vixente en España ou á lexislación propia do seu país (isto é á súa Lei persoal). Neste sentido exprésase o artigo 50 do Código Civil Español.
9.- Comunicación ao xulgado.
Con data 7 de xullo de 2008, Prot. N223/08, o Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española comunicaba ás Dioceses de España o Acordo alcanzado co Instituto Nacional de Estatística polo que se regula a comunicación de datos estatísticos sobre matrimonios canónicos.
O Encargado do Rexistro Civil solicitará aos contraentes os datos estatísticos que pide a lexislación cando acudan a inscribir o matrimonio no Xulgado.
Polo cal, ata que se elaboren novos impresos, os Párrocos, ao comunicar a celebración do matrimonio canónico ao Rexistro Civil, eliminarán a segunda folla, de cor verde, destinada ao Instituto Nacional de Estatística. Isto é, farase como na actualidade.
Nota importante: os rexistros civís están a devolver aos Sres. Párrocos certificacións de matrimonios por conter datos incompletos ou erróneos en apelidos, ou en algún número do DNI, tachaduras, enmendas, datas, etc. Faise unha chamada a evitar todas estas situacións.
ANEXO 1. “VODAS DE CONVENIENCIA OU DE COMPRACENCIA”.
Enténdese por “vodas de conveniencia ou de compracencia” o fenómeno sociolóxico polo cal inmigrantes chegados a España programan (ben eles directamente ou ben pola intermediación de grupos dedicados a estes mesteres) a celebración dunha voda con parte española, coa finalidade de obter o permiso de residencia e/ou de amplialo, accedendo así máis facilmente a un contrato de traballo e a unha estancia prolongada.
Ante varias situacións irregulares que se están producindo segundo informacións provenientes doutras dioceses e as propias experiencias ocurridas no noso Arcebispado de Santiago de Compostela, estímase necesario comunicar aos Sres. curas párrocos e encargados de freguesías:
Primeiro.- Detectouse a falsificación de certificacións de bautismo e de testemuños de solteiría. Ante estas circunstancias procede actuar con extrema cautela. Por iso é polo que soamente admitirase a documentación matrimonial que veña de Bispado a Bispado.
Segundo.- A xeneralización do fenómeno referido obriga a ser moi cautos na tramitación de expedientes matrimoniais daqueles inmigrantes que non teñan o domicilio ou permanencia estable na parroquia á que acoden para casar. Esta permanencia deberá ser acreditada mediante certificación do censo municipal. Constatáronse casos de inmigrantes que andaron “peregrinando” de parroquia en parroquia tratando de buscar un sacerdote que fóra “comprensivo e menos esixente”. A parte española deberá tramitar o expediente na parroquia do seu domicilio e desde o seu Bispado será reenviado ao Arcebispado de Santiago de Compostela o pertinente atestado canónico.
Terceiro.- A documentación civil da parte estranxeira deberá comprender: a) certificación literal, debidamente legalizada e traducida ao castelán ou ao galego por tradutor xurado; b) constancia dos requisitos de capacidade e testemuño da necesidade ou non de publicitar Edictos anunciando a pretensión de celebrar matrimonio, expedidos polo Consulado ou a Embaixada do respectivo Estado, tamén traducidos ao español ou ao galego por tradutor xurado, e que sexan de data recente; c) fotocopia compulsada do pasaporte e do permiso de residencia en España.
Esta documentación civil da parte estranxeira deberá ser presentada nas Oficinas da Policía, Sección de Estranxeiría, para verificar se os datos achegados son correctos e que non existe fraude de lei.
Cuarto.- Se a parte estranxeira está bautizada na Igrexa católica: a petición da documentación canónica actualizada farase desde o Arcebispado de Santiago de Compostela ao Bispado desa parte.
Se a parte estranxeira foi bautizada noutra Igrexa ou Confesión cristiá, unha vez recoñecida esa documentación en Vigairía Xeral, concretarase o procedemento a seguir. Pode consultarse: Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela: xaneiro de 2007, pp. 54-55; febreiro 2007, pp. 173-174 e 192-193.
Quinto.- Coas disposicións precedentes non se trata de “sancionar” á inmensa maioría dos inmigrantes que, neste fluxo histórico das correntes migratorias, aflúen a España, como multitude de compatriotas nosos, e ata de familiares, desprazáronse a outras partes do mundo en tempos non afastados. Trátase de defender a propia dignidade do inmigrante e de evitar a extorsión de grupos de presión.
Os inmigrantes seguirán atopando nas institucións da nosa Diocese as atencións humanas, pastorais e relixiosas que sexan propias da Igrexa católica.
Sexto.- Encarécese aos sacerdotes encargados da pastoral parroquial o fiel cumprimento das disposicións canónicas e da lexislación civil no referente ao matrimonio canónico, ao ter este efectos civís en España.
Sétimo.- Cando un cidadán/a estranxeiro/a solicite recibir o Sacramento do Bautismo na Igrexa católica, faise necesario aplicar as disposicións canónicas vixentes na nosa Diocese para procurarlle a debida preparación relixiosa e pastoral, tal como se contén no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela do mes de febreiro do ano 2003.
ANEXO 2. SÍNTESE DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA PARA O MATRIMONIO CIVIL
Documentación necesaria para iniciar o expediente:
1.- SOLTEIROS, MAIORES DE IDADE E ESPAÑOIS
a)- Certificación literal de nacemento (solicítase no Rexistro Civil do lugar de nacemento).
b)- Fe de vida e estado (solicítase no Rexistro Civil do lugar de residencia).
c)- Certificación de empadroamento da poboación onde residisen os dous últimos años (solicítase nos Concellos correspondentes).
2.- DIVORCIADOS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal de matrimonio onde conste a anotación marxinal do Divorcio (solicítase no Rexistro Civil do lugar de matrimonio).
b) Testemuño da Sentencia de Divorcio, en onde conste a firmeza da mesma (solicítase Xulgado no que se promoveu o Divorcio).
3.- VIÚVOS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal do matrimonio (solicítase no Rexistro Civil do lugar do matrimonio).
b)- Certificación literal de Defunción doutro cónxuxe (solicítase no Rexistro Civil do lugar da defunción).
4.- ESTRANXEIROS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal de nacemento, debidamente legalizada
e traducida ó castelán, polas autoridades competentes.
b)- Certificación do Consulado ou Embaixada do seu país en España, na que se especifiquen cales son os requisitos de capacidade para contraer matrimonio, segundo a lexislación actual.
c)- Se o promotor residise no seu país dentro dos dous últimos anos, deberá presentar certificación do Consulado ou Embaixada que determine se conforme á lexislación do seu país é necesario ou non a publicación de Edictos, anunciando a pretensión de celebrar matrimonio.
d)- Fotocopia do DNI ou do Pasaporte.
e)- Testemuño actualizado de residencia en España ou tarxeta de residencia.
f)- Fe de vida e estado ou equivalente.
g)- Certificado de empadroamento dos dous últimos anos.
OBSERVACIÓNS
No suposto de que a sentencia de Divorcio estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar ter obtido o execuatur pola Sala 1ª do Tribunal Supremo ou do Xulgado que teña a competencia obxectiva e territorial.
1.7. CELEBRACIÓNS CULTURAIS E LITÚRXICAS EN LINGUA GALEGA
Para xeral coñecemento, relaciónanse seguidamente o estado das edicións litúrxicas en galego:
Misal Romano
Misal Romano (Edición en tamaño máis manual) Misal Romano. Propio das dioceses de Galicia.
Ritual do Bautismo de nenos. Ritual da Confirmación.
Ritual das Exequias.
Cantoral para a celebración das Exequias.
Ritual para os ministerios do Lector e do Acólito. Ritual do Matrimonio.
Ritual das Ordenacións.
Directorio e ritual para os Ministros Extraordinarios da Eucaristía.
Cantoral Litúrxico Galego. Dez anos de encontros de música relixiosa en Pontevedra. (Casettes, Partituras, Letras).
Leccionario I. Ciclo A. Leccionario I. Ciclo B. Leccionario I. Ciclo C.
Leccionario II (*). Feiras de Advento, Coresma e Pascua. Leccionario II.(**) Feiras do tempo ordinario.
Leccionario III. (*) Propio dos Santos.
Leccionario III (**) Misas rituais, votivas e por algunhas necesidades
Diurnal.
Oración dos fieis. Oracional Galego
A Santa Misa (tríptico para os fieis coas respostas da Misa).
1.8. ABANDONO DA IGREXA CATÓLICA.
a) Procedemento.- Principia por unha instancia que esa persoa envía ao Excmo. Sr. Arcebispo, ou ben a dirixe ao sacerdote encargado da parroquia do domicilio, para que a faga chegar ás instancias diocesanas.
b) Tramitación do expediente.- O procedemento tramitarase ante o Ordinario propio do ou da solicitante, que é o lugar do seu domicilio, do cuasidomicilio (c. 107), para facilitar o encontro co fiel e establecer o necesario diálogo pastoral.
c) Finalizado o expediente, a resolución comunicarase directamente á persoa do solicitante.
Convén lembrar que “un dos dereitos recoñecidos a todos os fieis é o dereito á protección da súa propia intimidade2 (cfr. c. 220). Por iso a Igrexa sempre procurou que os datos persoais dos fieis que obran no seu poder a través dos diversos libros parroquiais, fosen dilixentemente custodiados e só se puidesen proporcionar a quen tivese un interese lexítimo no seu coñecemento”. (Orientacións acerca dos libros sacramentais Parroquiais, CEE, 23 de abril de 2010, parte introdutoria).
2.- PARTE ADMINISTRATIVA
2.1.- Visita arciprestal
Disponse que os Sres. Arciprestes fagan a Visita Arciprestal ás parroquias do seu distrito ó longo do ano 2021, remesando á respectiva Vigairía Territorial un informe do estado do arquivo parroquial e da vida pastoral de cada unha das freguesías. As parroquias das que son titulares os Sres. Arciprestes serán visitadas polo Sr. Vigairo Episcopal Territorial respectivo. Preténdese que a visita vaia máis alá dun mero
formulismo; para iso tratarase de coñece-la vivencia pastoral da parroquia e a súa inserción no Plano Pastoral Diocesano. No vixente Estatuto do Arcipreste incorpórase un ANEXO co esquema dos puntos que debe ter en conta a devandita visita.
A administración económica das parroquias e entidades afectadas será contrastada anualmente polo arcipreste, a quen corresponde o deber e o dereito de que se cumprimenten e garden convenientemente os libros parroquiais, se administren con dilixencia os bens eclesiásticos e se conserve a casa parroquial coa debida atención (c. 555,1.3º e Estatuto do Arcipreste da Diocese de Santiago).
2.2.- Atención ás parroquias vacantes
Perante moitos séculos á atención urxente canónico-pastoral as parroquias vacantes ou a aquelas que a imposibilidade do sacerdote non lle permitía actuar estivo prestada pola benemérita institución do “Sacerdote Sacramentario” polo que respecta a nosa Diocese con gratitude queda constancia das seguintes disposicións: Circulares de 30 de outubro de 1902; 10 de decembro de 1908; 28 de febreiro de 1919, e apartado 4 das Normas para a provisión do Oficio Parroquial na Arquidiocese de Santiago de Compostela do B.O.A. de abril de 1993, pp. 247 e 259.
A modificación substancial das circunstancias históricas, a carencia de sacerdotes, a necesidade de agrupar varias freguesías nunha unidade parroquial (aínda que conservando cada unha a súa personalidade xurídica) conlevan a necesidade de modificar o réxime desa atención dispoñendo que nesas situacións de urxencia asuma inicialmente o Arcipreste á atención canónico-pastoral, ata tanto o Prelado Diocesano non proceda a nomear Administrador Parroquial, en caso de haber Vigairo parroquial, por disposición
canónica este asume a devandita atención. O apartado 2.3 do Estatuto do Arcipreste concreta estas atribucións.
2.3.- Presentación das contas parroquiais
Para que a economía da diocese teña a transparencia necesaria e tamén para lograr que a Administración diocesana poida presentar uns balances e presupostos debidamente consolidados de toda a diocese, cómpre que tódalas e cada unha das institucións eclesiásticas que teñan personalidade xurídica pública e estean baixo a xurisdición do Bispo diocesano cumpran coa obriga de presentar anualmente as contas, segundo determina o c. 1287. Neste sentido, é xa práctica diocesana que nos comezos de cada ano a Delegación Diocesana de Economía solicite o cumprimento desta obrigación, cada vez de máis obrigado cumprimento dadas as esixencias das autoridades civís.
Así mesmo, os administradores deben render contas ós fieis acerca dos bens que estes entregan á Igrexa (c. 1287.2).
2.4.- Libretas bancarias co CIF do Arcebispado
As contas bancarias que conteñen os fondos parroquiais terán o CIF do Arcebispado de Santiago de Compostela e non un número do DNI do sacerdote ou doutra persoa. Nesta libreta deberán ser anotados tódolos ingresos e gastos da entidade. Con esta disposición trátase:
a) de diferenciar o que é propio da entidade do que é propio do sacerdote;
b) e, polo mesmo, evitar diferenzas de interpretación cos familiares do sacerdote en caso de falecemento e/ou de incapacidade dispositiva. A titularidade dos depósitos e contas da Igrexa ou do
Santuario debe ser sustentada por esa persoa xurídica, e, en ningún caso, por outras persoas físicas, sexan estes fondos conservados en cartillas de aforro, contas correntes, valores do Estado, etc..
2.5.- Depósitos en Parroquias
En orde a unha mellor administración do patrimonio financeiro, cada entidade poderá ter na súa conta bancaria corrente unha cantidade que será concretada anualmente polo Sr. Ecónomo diocesano. Os depósitos financeiros que sobrepasen o importe sinalado, serán ingresados na Administración Diocesana ó nome da Parroquia ou do Santuario, coas garantías necesarias de rendibilidade a favor da entidade titular. Caso de ser necesario, a entidade titular poderá dispoñer destes fondos, total ou parcialmente, se os necesita, previo escrito dirixido ó Sr. Arcebispo.
Co visto bo da Comisión Diocesana de Economía e do Consello de Asuntos Económicos, para este ano 2021, fixouse a cantidade máxima que pode figurar na/s conta/s bancaria/s da/s parroquia/s, no que se indica:
● Parroquias ata 500 habitantes: 3.000 €
● Parroquias de 500 a 1.000 habitantes: 6.000 €
● Parroquias de 1.000 habitantes en adiante: 12.000 €
2.6.- Concesións de axudas e subvencións
Non se tomará ningún acordo de concesión de subvencións sen dispoñer da información segundo o seguinte procedemento:
1.- solicitude, onde consten os datos do solicitante, se xustifique a solicitude de subvención e o importe total do proxecto explicado que se pretende acometer.
2.- proposta de financiamento do citado proxecto a acometer.
Criterios a aplicar na concesión:
1.- Non se concederán subvencións ás parroquias que non estean ao día na presentación das contas e na contribución ao ISC.
2.- Tampouco se concederá subvención para as obras que foron realizadas sen ser previamente aprobadas, sen menoscabo das responsabilidades nas que se puido incorrer.
3.- As subvencións ordinarias serán dun 10 % para as igrexas (retablos, imaxes) e un 40% para as casas reitorais.
4.- A diocese poderá facer préstamos ás parroquias que o soliciten e poidan reembolsalo por urxente necesidade, pero establecéndose un prazo de reembolso e nunca a fondo perdido. Será necesario documentar por escrito calquera préstamo que se conceda.
5.- Requirirase informe do párroco, do arcipreste e da administración diocesana, previos ao proceso de concesión. Se é o párroco o que fai a solicitude, non será necesario solicitarlle informe.
6.- Para poder proceder ao abono da subvención, deberase xustificar pola parroquia a obra realizada, achegando as facturas correspondentes.
7.- Concederanse axudas do 50% do custo para a limpeza de leiras. Poderán aumentarse en casos de urxente necesidade.
8.- Para as plantacións de leiras, procurarase presentar expedientes de solicitude de axudas ás administracións competentes, financiando a diocese a diferenza que puidese existir. No caso de curta dunha leira, procurarase a súa replantado, financiándoo co importe da súa venda.
9.- Os alugueres de vivendas, en caso de necesidade e puntualmente, financiaranse ao 100%, debendo achegar o contrato e o xustificante de pago no momento en que sexan requiridos pola administración diocesana.
2.7. Arquivos parroquiais
Encaréceselles ós encargados e responsables dos arquivos parroquiais que se esmeren en prestárlle-los coidados axeitados para evita-la perda ou destrución dos libros ou documentos obrantes nos mesmos, así como ter ó día as anotacións e asentos.
No ano 1977 dispúxose que se fosen concentrando no Arquivo Histórico Diocesano os arquivos parroquiais cos libros e documentos anteriores ó ano 1.900. (cfr. BOA de Santiago de Compostela 1975, pp. 225-226; ano 1976, pp. 435-437; ano 1977, p. 536).
É de todos coñecido que cada vez son máis as parroquias que non teñen sacerdote residente e que, por unha parte as reitorais deshabitadas carecen das necesarias medidas de seguridade, e por outra as reitorais habitadas non sempre dispoñen de espazos apropiados para concentrar alí os diversos arquivos que ten ó seu cargo o sacerdote. Para remediar esta situación, proseguirase a campaña de recolle-los arquivos parroquiais coa finalidade de incorporar ó Arquivo Histórico Diocesano os libros e documentos anteriores ó ano 1900 existentes nos arquivos parroquiais. Nestes testemuños documentais temos un patrimonio que prioritariamente é do pobo cristián, pero que tamén ten a súa incidencia na sociedade civil. Axudando a conserva-lo recibido, seguimos facendo presente a memoria histórica.
Nos arquivos parroquiais, a tenor do c. 535, procurarase coidar con esmero os libros parroquiais de bautizados, de matrimonios e
de defuntos, debendo o párroco ou encargado do arquivo facer con dilixencia as anotacións prescritas nos cc. 877.1, 895, 535.1.2, 1121, 1182. Ós libros anteriores débeselles engadir por dereito particular: libro de culto e fábrica, de inquilinato, de confirmados, e de confrarías, así como copia dos documentos que acreditan a titularidade dos bens. A devandita relación deberá ser complementada cun libro específico para reseñar as Visitas Pastorais e outros acontecementos parroquiais de singular releve. Tamén se conservarán os expedientes relativos á celebración dos sacramentos, licencias para dar sepultura en cemiterios parroquiais, relación de expedición dos títulos de usufruto para sepulturas subterráneas e/ou para panteóns aéreos. Igualmente cómpre lembra-la obriga de conserva-los Boletíns Oficiais do Arcebispado e encadernalos axeitadamente. As parroquias que non teñan sacerdote residente non recibirán a partir de agora o Boletín Oficial do Arcebispado.
Lémbraselles ós encargados dos Arquivos Parroquiais a obriga de asentar nos libros correspondentes as partidas sacramentais, procurando facelo con pluma e tinta indeleble, con letra clara e fidelidade nos datos. O feito de non asenta-las partidas nos libros ou deixando constancia dos datos soamente no ordenador, é un grave incumprimento dunha parte do Ministerio Parroquial e pode ademais causarlles ós fieis serios prexuízos. Os Sres. Arciprestes vixiarán con frecuencia o cumprimento desta disposición.
2.8.- Expedición de certificacións, informes, etc.
O sacerdote encargado do arquivo parroquial é o responsable de velar polo coidado dos libros e documentos obrantes no mesmo, así como de acreditar axeitadamente a expedición das certificacións e
informes solicitados por persoas interesadas. Desde hai algún tempo constátase como unha “delegación” desta responsabilidade administrativa en persoas que non están debidamente acreditadas nin son suficientemente coñecidas na Curia Diocesana. O asinamento (i.e. a firma) dos documentos expedidos debe ser cometido específico do sacerdote responsable do arquivo; se ten un laico en funcións de secretario, deberá comunicarlle á Curia os datos identificativos e a rúbrica que emprega usualmente. “Non fan fe as inscricións orixinais non firmadas, os testemuños ou certificacións non expedidos con firma e selo, nin as copias non conformadas nin visadas” (cfr. Tomás Muniz Pablos, Procedementos Administrativos 111, Sevilla 1926, p. 300).
2.9.- Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC)
A aplicación á nosa diocese das disposicións previstas nos cc. 1272 e 1274.1 do vixente CIC, referente ós Igrexarios e outros bens afectados ó sustento dos cregos ó servizo da diocese conlevará unha transformación radical da forma usual de como vimos actuando desde tempo inmemorial. Estes canons, en sintonía cos principios do Concilio Vaticano II, introducen profundas innovacións ó transcenderen o chamado “sistema beneficial” en favor dunha concepción ministerial dos sacerdotes. Na vixente normativa canónica rómpese o nexo que tradicionalmente existía entre o oficio canónico e o dereito a percibi-las rendas anexas ó oficio polo dote. Hoxe ningún eclesiástico vive do que renda o beneficio, senón que vive do que se lle retribúe como contrapartida á prestación do seu servizo ministerial. As rendas orixinadas polos bens beneficiais están destinadas a complementa-la gratificación que se lles pasa ós
sacerdotes para constituí-la remuneración congrua dos clérigos ó servizo da diocese.
As experiencias levadas a cabo na nosa diocese durante os pontificados de Mons. Don Ángel Suquía Goicoechea e de Mons. Don Antonio María Rouco Varela, coas denominadas “explotacións económicas modernas”, necesitan ser retomadas e ser aplicadas ó conxunto dos bens que teñen como función axudar ó sostemento dos cregos, de xeito que se manifeste a solidariedade entre as institucións e as persoas. As reformas feitas enmárcanse dentro dos criterios que contempla o “Segundo Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española sobre Normas Complementarias ó Novo Código de Dereito Canónico” (cfr. BOCEE 2, 1985, pp. 6065) e restante normativa emanada da mesma. A acomodación da nosa praxe tradicional á normativa canónica vixente foi estudada polo Consello Presbiteral ó longo de diversas sesións perante os anos 1997 e 1998, propostas que foron sancionadas polo Arcebispo, Mons. Don Julián Barrio Barrio, en Decreto asinado o 18 de novembro de 1998, complementadas logo por outro Decreto asinado polo Arcebispo o 26 de xaneiro de 1999 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 1998, pp. 645- 660, e BOA de Santiago de Compostela, xaneiro 1999, pp. 36-43). A Delegación Diocesana de Economía está a considerar a actualización do Decreto de 26 de xaneiro de 1999.
Mentres esta nova Normativa vai sendo aplicada (isto conleva analiza-la natureza xurídica dos bens tradicionalmente afectados ó sostemento dos clérigos), pídeselles ós párrocos e responsables de parroquias coiden adecuadamente as documentacións e escrituras dos bens inmobles e mobles, impidan a introdución de
servidumes; vixíen a defensa das augas de regadío e das traídas das reitorais, estean atentos á lexislación sobre os arrendamentos e procuren ter ó día os contratos de aluguer ou arrendamento; presten especial atención cando se elaboren as Normas Urbanísticas nos respectivos Concellos, etc.
Nota: Inscrición dos bens inmobles no Rexistro da Propiedade. Nos últimos anos levouse a cabo a inscrición de moitos bens inmobles das entidades eclesiásticas, acolléndonos á lexislación civil vixente nese intre. No ano 2015, o Goberno modificou os criterios para acceder ao rexistro da propiedade dos bens inmobles eclesiásticos, polo que é necesario ter en conta dita lexislación.
2.10.- Xubilación dos sacerdotes.
Por Acordo da Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española, do mes de novembro de 1994, os sacerdotes diocesanos que teñan cumpridos 65 anos de idade e reúnan os requisitos regulamentarios que contempla a vixente lexislación poderán solicita-la xubilación civil, acolléndose ós beneficios do Réxime da Seguridade Social do Estado. Esta xubilación civil obtida ós 65 anos non conleva a xubilación canónica, á que se accederá unha vez cumpridos os 75 anos, momento no que, di o Art. 3 do devandito Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española: “A xubilación canónica dos presbíteros procederá segundo a lexislación prevista no c. 538,3 para os párrocos”. Cando haxa de mediar proposta do Ordinario para que a Administración Pública proceda ó nomeamento dun sacerdote para o servizo dalgunha actividade docente ou de convenio administrativo, esa proposta será examinada detidamente.
3.- INTERVENCIÓNS EN CEMITERIOS PARROQUIAIS.
Con relación á problemática que se está presentando nestes cemiterios, é necesario que os señores curas con cargo parroquial recorden os seguintes aspectos da vixente lexislación:
3.1.- Lexislación canónica. Está contida nos cc. 1240-1243 do vixente Código de Dereito Canónico e nas Normas Xerais sobre cemiterios parroquiais da diocese de Santiago de Compostela (cfr. BOAS de Santiago de Compostela, 1981, 290-295). Resúmese o máis principal:
a) Para que un cemiterio poida te-la condición de cemiterio parroquial católico debe cumpri-los seguintes requisitos: que o terreo sexa propiedade da Igrexa Católica; que reúna as condicións esixidas tanto pola lexislación canónica como pola civil vixente en cada momento; sexa administrado, coidado e conservado baixo a vixilancia da Igrexa.
b) Non se autorizará a construción ou ampliación dun cemiterio parroquial en terreos de propiedade de persoas, institucións ou asociacións distintas da Igrexa parroquial ou diocesana. Tampouco se autorizará a construción dun cemiterio parroquial en terreos cedidos por testamento ou con promesa de entrega ou en masas comúns procedentes da Concentración Parcelaria ou similares, mentres a Igrexa non adquira a plena posesión dos mesmos. Así mesmo non será autorizada a construción de panteóns ou de sepulturas soterradas en terreos particulares, anexos ó cemiterio, co fin de incorporalos posteriormente.
c) A administración dos cemiterios parroquiais correspóndelle ó Párroco, asistido polo consello parroquial de economía cando o haxa. A asesoría técnica é competencia da Delegación Diocesana
de Economía e da Comisión de Arte Sacra. O párroco e o consello parroquial cando o haxa darán as oportunas orientacións para a conservación e o coidado dos cemiterios, determinando os achegamentos económicos dos titulares de panteóns.
d) Para a construción, ampliación ou reforma dun cemiterio parroquial requírese a licenza escrita do Ordinario, previos os trámites que contempla o art. 13, apartados 2 e 3, das Normas Xerais da diocese.
e) A concesión de títulos de usufruto axustarase ós art. 15-18 das Normas Xerais da diocese. As solicitudes serán firmadas directamente polos propios interesados; esta esixencia administrativa trata de evitar ulteriores reclamacións, como, p.e. “que o párroco non transmitiu axeitadamente a petición do solicitante”, etc. No informe, o sacerdote encargado do cemiterio parroquial especificará o número da parcela que se constrúe, e elaborará, se non o ten xa presentado na Curia, un sinxelo plano do cemiterio no que se detallen as parcelas ocupadas, as edificables, e as que deben quedar libres.
f) Cando a construción ou ampliación do cemiterio se leve a cabo en terreos pertencentes a fincas do igrexario, o importe dos solares dos panteóns e/o das sepulturas soterradas pasará ó Instituto para o sostemento dos cregos, aínda que para a fábrica do templo poderá ser incorporada unha cantidade adicional.
3.2.- Lexislación Civil.- Con data 11 de decembro do ano 2014, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o novo Decreto da Consellería de Sanidade (Decreto 151/2014, do 20 de novembro de Sanidade Mortuoria de Galicia), e que xa está en vigor a partir do 12 de xaneiro deste ano 2015, derrogando o Decreto 134/1998, do 23 de abril. O Boletín do Arcebispado do mes de xaneiro 2015,
na sección do poder civil (pp. 91-109), publica o que atinxe especificamente á lexislación sobre cemiterios.
O preámbulo do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, remarca: “Nesta liña, é necesario destacar o papel que desenvolveron os cemiterios parroquiais, a gran maioría dos cales datan de épocas moi anteriores a calquera normativa reguladora, o que produciu non poucas incidencias na aplicación desta, xa que as características daqueles non resultan de doada modificación ou adaptación a criterios técnicos, ao situarse en espazos con moitas limitacións espaciais, de conservación patrimonial e de desenvolvemento potencial.
Estes factores, limitacións e usos abriron progresivamente unha brecha entre a realidade social e a normativa, que en moitas ocasións precisou do pronunciamento xudicial para restablecer a necesaria correlación entre os mínimos criterios sanitarios e as necesidades e usos sociais.
No presente decreto supérase a anterior distinción entre cemiterios parroquiais, confesionais e particulares, entendendo que o determinante dende o punto de vista xurídico é o uso da instalación o que debe prevalecer e ser examinado, máis alá da súa consideración como confesional ou non”. O futuro dirá se esta unificación normativa foi acertada ou non, en virtude do principio filosófico xurídico quen distingue non confunde.
3.3- Conceptos: Seguidamente faise un breve resumo de conceptos referenciando os artigos do Decreto:
Artigo. 1.c (O Decreto ten tamén por obxecto fixar) “as condicións técnico sanitarios que teñen que cumprir os cemiterios e demais lugares de enterramentos”.
O art.º 2 norma as inspeccións para os cemiterios.
1. As funerarias, tanatorios, velorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de medios ou prácticas sanitarias sobre cadáveres, poderán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.
2. Estableceranse programas de vixilancia dos devanditos establecementos para os efectos de comprobar o cumprimento das especificacións do presente regulamento.
O art.º 3 concreta diversas definicións, das que se subliña:
“1.- Ampliación dun cemiterio: incremento da capacidade de enterramentos que leva consigo a extensión fora dos seus muros de peche, de maneira que o recinto orixinal e a ampliación formen unha unidade.
3.- Cemiterio: o recinto pechado adecuado para inhumar restos humanos, que conta coa oportuna licenza municipal e demais requisitos regulamentarios. Dentro dos seus límites poderán existir instalacións ou establecementos funerarios descritos neste decreto.
4. Cinceiro: depósito para os restos cadavéricos.
5. Cinzas: o que queda dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos tras a incineración.
6. Columbarios: depósitos para urnas coas cinzas procedentes da incineración.
27. Sepultura: calquera lugar destinado á inhumación dun cadáver ou restos humanos dentro dun cemiterio ou lugar de enterramento especial autorizado. Inclúense neste concepto:
a) Foxas: escavacións practicadas directamente en terra.
b) Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.
35. Velorios: establecementos para a exposición de cadáveres que contan cos requisitos regulamentarios”.
Artigo 22. Exhumación e reinhumación
1. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade autorizarán a exhumación e transporte de cadáveres do grupo 2º do artigo 4 para a súa reinhumación no mesmo cemiterio utilizando féretro común, ou en cemiterio distinto empregando para iso hucha de traslado. O mesmo sucederá no caso de restos cadavéricos, que poderán ser depositados en caixas de restos. En caso de que o destino final sexa a incineración, utilizarase féretro común ou de incineración.
2. A tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo III (SA666A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, acompañando a partida de defunción literal do cadáver que se pretenda exhumar e o xustificante de pagamento da taxa.
3. Cando exista ou existise un procedemento xudicial en relación ao falecemento, terá que solicitarse previamente a autorización xudicial.
Artigo 23. Incineración de cadáveres
1. A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, a excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.
2. As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas destinadas ao efecto, figurando obrigatoriamente no exterior o
nome do defunto, e serán entregadas á familia ou ao seu representante legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes”.
3.4.- Problemática recente nalgunhas ampliacións. – Preséntase cando as ampliacións se proxectan en masas comúns ou fondos provenientes da concentración parcelaria. Nestes casos as administracións civís veñen acudindo á figura xurídica dunha "cesión-concesión demanial" que como máximo podería chegar aos 75 anos (cfr. Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das Facendas Públicas, especialmente nos artigos 67, 71, 93, 137 e art.º 77 do R. D. 1372/1986, do 13 de xuño).
Esta cesión-concesión neses termos oponse á praxe tradicional e á normativa diocesana que vén esixindo dende tempo inmemorial “que o cemiterio parroquial novo e/ou a ampliación se faga en terreo que sexa de titularidade dominical da Igrexa Católica”. Proseguirase a reflexión doutrinal sobre este tema novo.
3.5- Licenza do párroco para inhumacións, exhumacións, recollida de restos, etc. nos cemiterios parroquiais. Tendo en conta que o sacerdote encargado dunha parroquia é o administrador tamén do cemiterio parroquial, a funeraria, que leve a cabo algunha destas operacións, deberá previamente acordar con ese sacerdote a hora adecuada, xa que se necesita a autorización do sacerdote reitor para levar a cabo esa actuación. Para situacións de ausencia imprevistas dará a licenza o arcipreste do distrito. O sacerdote da parroquia procurará que todos os familiares sexan informados e non dará a súa autorización senón consta esa conformidade.