a) Procedemento.- Cando un párroco reciba unha comunicación formal e suficientemente acreditada dun fregués notificándolle o seu abandono da Igrexa Católica ou pedíndolle “que o borre do libro de Bautizados”, remitirá esa comunicación á Vicaría Xeral do Arcebispado. Desde esta enviarase fotocopia á parroquia de bautismo para a súa debida conservación no Arquivo Parroquial e daranse as oportunas disposicións para que quede constancia dese abandono. Como a pertenza á Igrexa é unha opción libre, en virtude dese abandono o bautizado rompe a plena comuñón coa Igrexa Católica e mentres estea nesa situación non poderá acceder ós Sacramentos e Sacramentais; tamén non poderá ser padriño ou madriña en bautismos e confirmacións; para contraer matrimonio con persoa católica necesitará licenza do Ordinario, e no seu falecemento non contará con exequias eclesiásticas, a non ser que antes da morte teña dado algún sinal de arrepentimento; así mesmo, non poderá ser admitido validamente nunha asociación oficial da Igrexa Católica.
b) Tramitación do expediente.- De conformidade coas Orientacións da Xunta Episcopal de Asuntos Xurídicos, o procedemento seguirase ante o Ordinario propio, que é o lugar do domicilio, cuasi-domicilio ou lugar de residencia (c. 107), para facilitar o encontro co fiel e establecer o necesario diálogo pastoral. Se a petición de abandono se recibise na diocese de orixe ou na parroquia do bautismo, trasladarase, a través da Curia diocesana, á diocese de residencia. O procedemento realizarase na diocese, ante o Ordinario ou a persoa por el designada, e non nas parroquias.
c) Expedición de Certificación.- Para expedir algunha certificación da partida dunha persoa que teña renunciado formalmente á Fe Católica e así haxa constancia no acta bautismal, é necesario que sexa solicitada por escrito polo propio titular, debidamente acreditado, ante o Vicario Xeral..
d) Fórmula de Comunicación.- Cando un católico/a renuncia formalmente á Fe Católica e así conste en nota marxinal, a información que se faga ó sacerdote doutra parroquia quedará redactada da seguinte forma: “Consultados os datos obrantes neste arquivo parroquial non consta que Don……………. (ou Dona………………) pertenza na actualidade á Igrexa Católica”.
e) Protección de Datos de Carácter Persoal.- A Lei Orgánica
13/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos, norma unha serie de disposicións que é necesario ter en conta polos usuarios de soportes informáticos. Cómpre observar con precisión as Recomendacións emanadas da Xunta Episcopal de Asuntos Xurídicos, publicadas no B.O.A. de Santiago, novembro de 2004, pp. 547-553, é tamén as recomendacións sobre Protección de Datos que publicou o Director da Oficina Diocesana de Socioloxía e Estatística no B.O.A. de Santiago, decembro de 2004, pp. 639-641.