SUMARIO
1. PARTE SACRAMENTAL
1.1. SACRAMENTOS DA INICIACIÓN CRISTIÁ
1.1.1. BAUTISMO
1.1.1.a. Sacramento do Bautismo de persoas menores de 7 anos
1.1.1.b. Sacramento do Bautismo de persoas maiores de 7 anos
1.1.1.c. Orientacións para a atención pastoral dos católicos orientais en España
1.1.1.d. Bautismo de nenos/as provenientes do estranxeiro e/ou de outras partes de España
1.1.1.e. Comunicación importante
1.1.2. CONFIRMACIÓN
1.1.3. PRIMEIRA COMUÑÓN
1.2. SACRAMENTO DA PENITENCIA
1.3. SACRAMENTO DA EUCARISTÍA
1.4. CELEBRACIÓNS EN CAPELAS E/OU PAZOS
1.5. CELEBRACIÓNS EN IGREXAS CONVENTUAIS E/OU RELIXIOSAS
1.6. SACRAMENTO DO MATRIMONIO
1.7. CELEBRACIÓNS CULTUAIS E LITÚRXICAS
1.8. ABANDONO DA IGREXA CATÓLICA
2. PARTE ADMINISTRATIVA
2.1. Visita Arciprestal
2.2. Atención a parroquias vacantes
2.3. Presentación de contas parroquiais
2.4. Libretas bancarias co CIF del Arcebispado
2.5. Depósitos de Parroquias
2.6. Concesións de axudas e subvenciones
2.7. Arquivos parroquiais
2.8. Expedición de certificacións, informes, etc.
2.9. Instituto de Sustentación do Clero
2.10. Xubilación de sacerdotes
3. INTERVENCIÓNS EN CEMITERIOS PARROQUIAIS
3.1. Lexislación canónica
3.2. Lexislación civil
3.3. Conceptos
3.4. Problemática recente nalgunhas ampliacións
4. ANOTACIÓN DOS ENTERRAMENTOS NOS LIBROS SACRAMENTAIS
5. CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DA IGREXA
6. OUTRAS DISPOSICIÓNS ANTERIORES
*************************
As seguintes disposicións teñen coma finalidade axudar á realización das funcións pastorais e a que os nosos servizos ministeriais sexan prestados en sintonía coas normativas canónicas e litúrxicas; estas disposicións queren ser un elenco que nos axuden durante este ano de 2020 a cumprir con máis fidelidade a nosa misión de pastores para evitar así as rutinas que se puideran ir introducindo co paso do tempo.
1. PARTE SACRAMENTAL
1.1 SACRAMENTOS DA INICIACIÓN CRISTIÁ
O Directorio dos Sacramentos de Iniciación Cristiá, promulgado na nosa diocese o ano 1997, determina con amplitude os principios doutrinais e as disposicións normativas que se deberán ter en conta nas celebracións e nas etapas preparatorias. Aquí explicítanse soamente algúns aspectos de máis inmediata aplicación.
1.1.1- SACRAMENTO DO BAUTISMO
1.1.1. a) Sacramento do Bautismo de persoas menores de sete anos.
1.- Preparación. A celebración do sacramento deberá estar precedida dunha preparación dos pais, que tamén se debería ampliar ós padriños. Para iso poden ser útiles: visitas domiciliarias, encontros na igrexa, reunións familiares, entregas de folletos, libros, catecismos, etc. O Ritual do Bautismo de nenos ofrece material para explica-lo “ministerio e as funcións dos pais no bautismo dos fillos”.
2.- Padriños. “Para que a graza bautismal poida desenvolverse é importante a axuda dos pais. Ese é tamén o papel do padriño ou da madriña, que deben ser crentes sólidos, capaces e prestos a axudar ao bautizado, neno ou adulto, no seu camiño da vida cristiá. A súa tarefa é unha verdadeira función eclesial (officium). Toda a comunidade eclesial participa da responsabilidade de desenvolver e gardar a graza recibida no bautismo” (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1255). Seguidamente fanse unhas consideracións:
a) Vertente pastoral.- Está ben contemplada nos números 17, 18 e 20 das Orientacións Doutrinais e Pastorais do Ritual do Bautismo de Nenos : “o padriño intervén na celebración do Bautismo para profesar, xunto cos pais, a fe da Igrexa na que é bautizado o neno (número 17); “por tanto, é conveniente que o padriño elixido pola familia reúna a xuízo dos pastores, as calidades requiridas para que poida realizar os ritos que lle corresponden” (número 18); “os pais han de tomar en serio a elección de bos padriños para os seus fillos, a fin de que o padriñado non se converta nunha institución de puro trámite e formalismo. Non deben deixarse guiar unicamente por razóns de parentesco, amizade ou prestixio social, senón por un desexo sincero de asegurar ós seus fillos uns padriños que, pola súa idade, proximidade, formación e vida cristiás, sexan capaces de influír, no seu día, de xeito eficaz na educación cristiá daqueles” (número 20).
b) Vertente Canónica.- Está normada no canon 874.1: 1º) Que foxe elixido por quen vai a bautizarse ou polos pais do neno ou por quen ocupe o seu lugar, ou faltando estes, polo párroco ou ministro; e que teña capacidade para esta misión e intención de desempeñala; 2º) cumprise 16 anos, agás que o Bispo diocesano estableza outra idade, ou que, por causa xusta o párroco ou o ministro consideren admisible unha excepción; 3º) sexa católico, estea confirmado, teña recibido xa o santísimo Sacramento da Eucaristía, e leve, ó mesmo tempo, unha vida congruente coa fe e coa misión que vai desempeñar; 4º) non estea afectado por unha pena canónica, lexitimamente imposta ou declarada; 5º) non sexa o pai ou a nai do bautizando. Este mesmo canon no apartado 2 dispón: “o bautizado que pertence a unha comunidade eclesial non católica só pode ser admitido xunto cun padriño católico, e exclusivamente en calidade de testemuño do bautismo”.
Sen embargo, un cristián oriental ortodoxo pode ser padriño, xunto a outro católico, tal como consta no n. 98b do Directorio para a Aplicación dos Principios e Normas sobre Ecumenismo, do Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns, marzo de 1993: “Por razón da estreita comuñón existente entre a Igrexa católica e as Igrexas orientais ortodoxas, está permitido que por unha razón xusta se admita a un fiel oriental coma padriño ao mesmo tempo que un padriño católico (ou madriña católica) para o bautismo dun neno ou adulto católico, a condición de que se provea de xeito suficiente á educación do bautizado e que sexa recoñecida a idoneidade do padriño.”
c) Aplicacións desde a doutrina para a congruencia coa fe: levar unha vida congruente coa fe significa estar vivindo, publicamente e privadamente, en conformidade coa Doutrina e Moral da Igrexa Católica; é vivir tódalas dimensións existenciais en conformidade coa fe. A este respecto o Prof. José San José Prisco comenta: “Polo que non deberán ser admitidos (coma padriño/madriña) os pecadores notorios e aquelas persoas que provocaron escándalo público pola súa vida ou conduta moral…; parécenos suficiente lembrar o principio xeral de que se trata dun ministerio que esixe a plenitude do testemuño cristián e que as decisións sobre este punto en concreto se deixan para a lexislación particular”, (cfr. El padrino del Bautismo y su recuperación jurídico Pastoral, en Revista Española de Derecho Canónico 61 (2004) 51). As esixencias canónicas e a situación de coherencia de vida afecta a padriño e madriña, non sendo suficiente que as teña só un .
Trátase de recupera-la figura do padriñado para que deixe de ser mera convención social e recobre o sentido relixioso e cristián. É necesario que ó longo do ano o párroco recorde nas exhortacións ós fieis estas condicións que pide a Igrexa e que llelas faga presentes ós pais cando soliciten o bautismo para un fillo.
d) Verificación da incongruencia de vida nalgúns casos.- Cando haxa un rumor público de que a persoa proposta para padriño/madriña está levando “unha vida que non é congruente coa fe (católica) e coa misión que vai asumir” (c. 876.1º-3º) procede que o sacerdote actúe coa conveniente delicadeza no diálogo con esa persoa. Á persoa afectada corresponde probar de xeito adecuado a inexactitude deses comentarios. Se persiste a dúbida, o Sr. Cura remitirá a cuestión ao Sr. Vigairo Territorial respectivo ou ao Sr. Vigairo Xeral, por se deciden solicitar outras probas antes de tomar a resolución.
Nota.- Véxase BOA de novembro de 2017, pp. 743-745.
OBSERVACIÓNS:
1ª) Aportar documentación.- De cara a previr situacións anómalas, cómpre que o sacerdote, cando non teña coñecemento directo dos propostos para padriño ou madriña, recabe a presentación das pertinentes certificacións bautismais na Igrexa Católica e asemade solicite testemuño da súa vivencia relixiosa. Procure facer estas peticións coa debida antelación á celebración do bautismo .
2ª) Evitar situacións equívocas.- Parece ser que nalgunha ocasión, coa finalidade de compracer peticións das familias, algún sacerdote transixe que “unha persoa que non reúne as condicións requiridas polas disposicións da Igrexa para ser padriño ou madriña, se coloque á beira dos pais e do neófito semellando ser padriño ou madriña”. Non cabe dúbida que a veracidade do acto sacramental e a necesidade de afastar situacións equívocas para os fieis participantes na celebración, esixen que esa forma de actuar sexa rexeitada con total claridade, xa que esta solución atópase fóra das previsións que contempla o c. 874.2.
3ª) Número de padriños/madriñas.- O c. 873 do Código de Dereito Canónico é taxativo e claro neste punto: “Téñase un só padriño ou unha soa madriña, ou un e unha”. Por conseguinte cómpre respectar esta norma e o ministro do sacramento debe rexeitar con claridade aquelas peticións que se lle podan presentar para que admita varios padriños/madriñas. É esta un costume que provén do norte de Europa e de Confesións xurdidas da Reforma do século XVI, pero que non ten consistencia no Dereito Canónico. Para evitar confusións respéctese o normado na observación anterior con relación á colocación do padriño/madriña durante a cerimonia, evitando situacións dubidosas. Tamén recordar que os “padriños” nas vodas non teñen un oficio canónico, senón que son reflexo sociolóxico y e non lles afecta a normativa codicial.
3.- Calendario. Cada parroquia establecerá, conforme ás súas características, un calendario de celebracións, do que debe informar ós fieis, sinalando os días e as horas dos bautismos. Se algunha familia pide outra data ou outra hora distintas das previstas, estúdense con obxectividade e comprensión as razóns aducidas.
4.- Situacións especiais da fe ou vida dos pais. As situacións especiais que aquí se contemplan refírense a aqueles casos nos que os que piden o bautismo para os fillos son pais pouco crentes ou practicantes só ocasionais, ou persoas que viven nunha situación canónica irregular, ou que incluso se manifestan ou declaran non crentes.
Para proceder á celebración do bautismo no contexto destas situacións especiais, a Igrexa debe ter “esperanza fundada de que o neno vai ser educado na relixión católica; se falta por completo esa esperanza, debe diferirse o bautismo, conforme ás disposicións do dereito particular, facéndolles sabe-la razón ós pais” (c. 868, 1-2º). No diálogo cos pais convén deixar claro que a negativa non é unha sanción nin unha coacción, senón unha invitación a reflectir sobre a incoherencia entre as actitudes ou vida persoal deles e a petición do bautismo para o fillo.
Os nenos son bautizados na fe da Igrexa. Non cabe, logo, nega-lo bautismo cando existe unha promesa seria dun membro da familia, máxime se ten a conformidade dos pais, ou cando unha persoa cualificada da comunidade asume ese compromiso (cfr. Congregación para a Doutrina da Fe, Instrución para o Bautismo dos nenos, de 30 de outubro de 1.980 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, xaneiro 1.981, pp. 30-42).
Se acaso algún deles ou os dous, non poden, por fidelidade á propia conciencia, facer profesión de fe, chegado ese momento na celebración, deben gardar silencio. Neste caso, só se lle pide que cando presente o fillo para ser bautizado, prometa seriamente que non se opoñerá a que o fillo sexa educado na fe católica. Sería conveniente que no arquivo parroquial quede proba documental desta promesa asinada polos pais.
En resume: a acollida cordial e o diálogo sereno son presupostos esenciais neste punto. O sacerdote tratará de evitar dous extremos igualmente malos: o dunha permisividade que pasa por todo, e o dunha intransixencia total que se contradí cunha actitude de acollida evanxélica. Se o párroco prevé que o caso é complexo, cómpre que considere esa situación co respectivo Vigairo Episcopal (cfr. Directorio Diocesano, nº 6).
5.- Asento bautismal:
a) Situacións irregulares. Nos casos en que non consta suficientemente o matrimonio canónico dos pais entre si, para que exista a adecuada concordancia entre o asento parroquial e o Rexistro Civil, cómpre que o párroco solicite dos pais que aporten certificación literal de nacemento do neno/a expedida polo Rexistro Civil, antes de face-lo asento no libro de bautizados.
b) Adopción. Para aplicar correctamente o canon 877,3 e o Artigo 9 do Primeiro Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113) no referente tanto ó asento dos nenos que no momento de seren adoptados non estaban bautizados, como á modificación do asento bautismal se xa estaban bautizados cando se produciu a adopción, os sacerdotes enviarán á Vigairía Xeral a documentación civil da adopción acompañada dun escrito explicativo desa situación, e ateranse á resolución que dite a Vigairía Xeral. Débese lembrar que os datos da adopción son confidenciais e o acceso ós mesmos debe estar xustificado por quen teña un interese lexítimo, circunstancia que require o permiso escrito do Ordinario do lugar.
c) Inscricións de Bautismos “sen datos de familia”.- Xorden con algunha frecuencia casos de peticións de Bautismo para nenos que foron recibidos por unha familia “en réxime de acollemento familiar”, isto é, sen que haxa unha sentencia firme de adopción. Nestes casos, si o solicita a familia “acolledora” abrirase un expediente en Vigairía Xeral para considerar as diversas posibilidades. O asentamento do Bautismo farase sen reseñar os apelidos da familia “acolledora”, porque aínda non hai sentencia firme de adopción. Celebrado o bautismo, inscribirase no libro correspondente o nome, data de nacemento, lugar de nacemento, data de Bautismo, ministro e padriños da celebración. En nota marxinal farase constar “que este neno/a atópase en réxime de acollemento familiar”. Logo, cando haxa a adopción plena, será tramitado no Arcebispado o correspondente expediente de cara a “completa-los datos da inscrición bautismal”. Estas advertencias, cómpre darllas a coñecer á familia acolledora.
d) Verificación da data de nacemento.- Coa finalidade de evitar errores de transcrición, procede que, cando os pais soliciten o día do bautismo, o sacerdote que os atenda recabe dos mesmos fotocopia do Libro de Familia ou mellor o certificado literal de nacemento. Deste xeito conservarase a debida harmonía de datos no Rexistro Secular e no Eclesiástico, o que redundará nunha maior seguridade xurídica.
1.1.1. b) Sacramento do Bautismo de persoas maiores de sete anos.
O Boletín Oficial del Arcebispado correspondente ó mes de febreiro do ano 2003, pp. 130-152 (texto en castelán e en galego), recolle as disposicións que conteñen as “Orientacións para a Iniciación Cristiá de Persoas Maiores de sete anos non bautizadas”. Estas disposicións contemplan as seguintes situacións: a) Persoas maiores de 18 anos; b) Adolescentes e mozos de 13 a 18 anos; c) Nenos/as entre 7 e 13 anos. Cómpre coñecelo e aplicalo, debendo ser materia de reflexión nos arciprestados.
A LXXXIII Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española aprobou o día 26 de novembro de 2004 as “Orientaciones Pastorales para la Iniciación Cristiana de niños no bautizados en su infancia”, importante documento que é necesario coñecer de cara a unha correcta aplicación e configuración do catecumenado de nenos non bautizados que sobrepasan os sete anos.
1.1.1.c) Orientacións para a atención pastoral dos católicos orientais en España.
A LXXXI Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española na súa reunión celebrada nos días 17-21 de Novembro de 2003 aprobou unhas “ORIENTACIÓNS” de cara a presta-la pertinente atención relixiosa-pastoral ós católicos orientais residentes en España e que teñen dificultades para acceder ós sacerdotes do seu propio rito. Estas disposicións regulamentan a celebración dos sacramentos e, asemade, outras actividades. Dada a mobilidade da xente nos nosos tempos, cómpre que estas “ORIENTACIÓNS” sexan debidamente estudiadas polos sacerdotes na súas reunións mensuais de cara a facer unha correcta e respectuosa aplicación das mesmas. O texto atópase publicado no Boletín Oficial deste Arcebispado correspondente ó mes de Decembro do ano 2003, pp. 587-597.
1.1.1.d. Bautismo de nenos/ás provenientes do estranxeiro e/ou doutras partes de España. Deberanse cumprir os seguintes requisitos:
1.- Solicitude asinada polo pai e a nai: nomes e apelidos; número de DNI ou Pasaporte; lugar de nacemento; parroquia de residencia e nome do Sr. Cura Párroco; obxecto da petición e razóns que presentan para que o bautismo se celebre na parroquia sinalada.
2.- Estado civil: Se están casados: certificación literal do matrimonio, tanto civil coma da Igrexa (caso de haber matrimonio canónico). Se non están casados, achegar Certificado de Vida e Estado (ou similar, se proceden do estranxeiro).
3.- Preparación catequética dos pais: Será impartida na parroquia do seu domicilio e constará mediante unha acreditación do Sr. Cura Párroco desta.
4.- Autorización: o Sr. Cura Párroco do domicilio dos pais dará a autorización para que o bautismo se celebre na parroquia proposta polos pais do neno/a pertencente á Diocese de Santiago de Compostela.
5.- Padriños: Declaración e proba documental de que os padriños reúnen as condicións que esixe a Igrexa Católica no apartado 1 do c. 874 do Código de Dereito Canónico.
6.- Compromiso: os pais formularán por escrito (ou a parte católica) o compromiso de preocuparse pola formación relixiosa e catequética do neno/a e que non poñerán impedimento para que o fillo/a reciba a catequese cos demais nenos e adolescentes da parroquia.
7.- Párroco ou sacerdote encargado da parroquia na cal se desexa celebrar o bautismo: este sacerdote non comprometerá nin autorizará a celebración dese bautismo mentres non teña a autorización da Vigairía Xeral.
8.- Documentación a Vigairía Xeral.- Toda a documentación salientada nos apartados anteriores estará na Vigairía Xeral do Arcebispado de Santiago de Compostela, polo menos, tres meses antes da data desexada para o bautismo, a cal non será firme ata tanto a documentación non sexa aprobada polo Sr. Vigairo Xeral. Así mesmo, a documentación proveniente tanto do estranxeiro coma doutras partes de España virá legalizada pola Autoridade competente.
1.1.1.e) Comunicación importante. En relación á solicitude destes sacramentos, téñase en conta que tanto para o Bautismo como para a inscrición na Catequese e celebración da Primeira Comuñón, as solicitudes deben estar asinadas polos dous proxenitores. Á devandita solicitude débeselle achegar a fotocopia do libro de familia (folla dos pais e folla do neno ou nena) ou ben a certificación literal de nacemento do Rexistro Civil e a fotocopia dos DNI. dos proxenitores. Estas solicitudes deben gardarse e arquivarse nas parroquias coa documentación apuntada.
Cando a patria potestade é compartida, e independentemente de quen teña a garda e custodia, se un dos proxenitores se opón ao Bautismo, á inscrición na Catequese ou á celebración da Primeira Comuñón do seu fillo ou filla, se non é posible que os pais se poñan de acordo, deberán recorrer ao Xulgado, para que sexa o xuíz quen resolva sobre estes temas. Mentres non haxa resolución xudicial, hase de atrasar a celebración destes sacramentos e a inscrición en Catequese.
No caso das Primeiras Comuñóns (de nenos/nenas fillos de pais divorciados) e sobre con quen dos dous celebrará o neno ou nena a súa Primeira Comuñón, hai que recorrer sempre á capacidade de entendemento dos pais e ao ben do menor para que os dous poidan estar presentes ese día. En caso de discordia, deberá cumprirse de maneira rigorosa o disposto no convenio regulador ou resolución xudicial, isto é, o menor pasará ese día co proxenitor ao que lle corresponda.
A Igrexa nunca impedirá a ninguén a súa entrada nun templo sen motivo, polo que ningún pai ou nai, pode negarse a que o outro proxenitor estea presente ese día. Con todo, ante calquera altercado dentro do templo ou durante a celebración, actuarase conforme á lei.
1.1.2 SACRAMENTO DA CONFIRMACIÓN
Idade. O costume da Igrexa de Rito Latino, dende hai séculos, indica “a idade do uso de razón”, como punto de referencia para recibir a confirmación. Non obstante, en perigo de morte, débese confirmar os nenos mesmo se non alcanzaron aínda a idade do uso de razón (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1307).
O c. 891 do vixente Código de Dereito Canónico norma que o Sacramento da Confirmación se debe administrar ós fieis ó redor da idade da discreción, a non ser que a Conferencia Episcopal determine outra idade ou aparezan circunstancias de perigo de morte ou outra causa grave.
No desenvolvemento deste c. 891, a Conferencia Episcopal Española establece como idade para recibi-lo Sacramento da Confirmación a situada ó redor dos 14 anos (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113).
O Directorio dos Sacramentos da Iniciación Cristiá da nosa diocese no n.º 3.7, na parte dedicada ao sacramento da confirmación, exprésase así: “non obstante, valorando a realidade e práctica habitual da nosa diocese," este Directorio propón como momento idóneo para recibir este sacramento entorno aos dezaseis anos, co fin de que o mozo teña oportunidade de adquirir un nivel máis alto de decisión persoal”.
Nota: cando se solicite por parte do párroco a data da confirmación, prestarase especial atención ao seguimento da idade. Nos últimos tempos detectouse certo deixamento no cumprimento do normado sobre a idade.
Preparación. O Directorio Diocesano distingue diversos supostos en función dos que procede arbitra-la catequese dos confirmandos. Esta catequese debe levar a un meirande crecemento da fe, a unha certa experiencia de oración persoal e comunitaria, a unha vivencia máis intensa da Penitencia e da Eucaristía, sobre todo pola participación na Misa dominical, e a unha axeitada formación da conciencia moral e do compromiso social. Para que esta preparación sexa máis profunda, convén que se imparta ó longo de dous cursos. E, salvo situacións de persoas maiores que foron quedando “descolgadas” de celebracións anteriores, debe evitarse a preparación en forma de “cursiños acelerados”. Considérese, non obstante, como preparación normal, a descrita polo Directorio Diocesano (cfr. Directorio Diocesano, nº 3.6).
Téñase especial coidado en integra-los mozos confirmados en grupos xuvenís para proseguir o seu crecemento na fe e incorporalos a diversas tarefas pastorais e apostólicas.
Lugar. O lugar propio da celebración deste sacramento é a igrexa parroquial na que o confirmando recibiu a preparación. Se esta preparación se quere levar a cabo en algún Colexio da Igrexa Católica ou de tipo confesional e desexen celebra-lo sacramento nas dependencias do mesmo, deberán solicita-la oportuna autorización ó respectivo Vigairo Territorial, especificando o modo e o tempo da celebración así como a conexión coa parroquia do confirmando. Esta autorización debe ser solicitada antes de comeza-la preparación e no desenrolo da mesma serán tidos en conta os criterios subliñados no Directorio Diocesano da Iniciación Cristiá e mailas indicacións provenientes da parroquia.
Padriños. Os padriños dos confirmandos deberán reuni-las mesmas cualidades relixioso-morais que se esixen para seren padriños no bautismo. É conveniente que os párrocos traten de coñecer coa debida antelación os “padriños propostos” para evitar sorpresas desagradables de última hora. Procedería ir institucionalizando unha preparación catequética para pais e padriños dos confirmandos, así como a información ós confirmandos xa no empezo da preparación con total claridade acerca das condicións ou requisitos do vixente Ordenamento Canónico para ser padriños neste sacramento. Ler con atención a observación 3ª nos padriños do Bautismo.
De cara a previr situacións anómalas, cómpre que o sacerdote, cando non teña coñecemento directo dos propostos para padriño ou madriña, recabe a presentación das pertinentes certificacións bautismais na Igrexa Católica. Procure facer esta petición coa debida antelación á celebración da confirmación . O canon 876, cando no se constata o asento, norma o procedemento para probar a recepción do mesmo. Nesta situación acudir a Vigairía Xeral e facer o pertinente expediente declarativo. Non son suficientes avais os testemuños dalgúns sacerdotes manifestando “que el ten a certeza moral do feito da Confirmación”.
Ministro. Cómpre recordar que na Igrexa Católica de rito latino só o Bispo é ministro ordinario do sacramento da confirmación (c. 882 do vixente CIC); para que poida administrar este sacramento un presbítero necesita ter unha facultade especial que é concedida ou polo propio dereito ou ben pola autoridade competente. No primeiro caso, o dereito contempla estas tres posibilidades: a) presbítero equiparado ó Bispo diocesano, a tenor do c. 381 cos seus concordantes; b) presbítero que por razón do seu cargo ou por mandato do Bispo administra o sacramento do Bautismo a un que sobrepasou a idade da infancia ou é admitido á plena comuñón da Igrexa Católica cando foi bautizado noutra Igrexa ou Confesión cristiá; c) atoparse un fregués ou un fiel en perigo de morte. No segundo caso, concede esta facultade a autoridade competente a algún o algúns presbíteros (p. e., na nosa diocese teñen esta facultade os Vigairos Episcopais perante o tempo que desempeñen este oficio canónico). Fóra das situacións anteriores o presbítero, aínda que sexa o párroco, non pode administra-la confirmación (cfr. tratamento deste apartado exposto mais longamente no BOA de Santiago de Compostela, decembro 2000, pp. 642-643).
Suplencia de preparación doutrinal. Aqueles confirmandos que non cursaron Formación Relixiosa Católica nos seus estudios deberán suplir esa carencia de formación doutrinal cunha preparación máis intensa e prolongada no tempo antes de seren admitidos á recepción do Sacramento da Confirmación.
Documentación. Procuren os párrocos recadar documentación suficiente do bautismo daqueles que non foron bautizados na propia parroquia e non admitan fregueses doutras parroquias, a non ser que fosen presentados polos párrocos respectivos e teñan recibido a preparación axeitada (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 1996, p. 682; ídem, decembro 1997, p. 596).
1.1.3. PRIMEIRA COMUÑÓN
A catequese de preparación para a Primeira Eucaristía é unha etapa importante na educación na fe do neno. Por iso non debe ser contemplada como un momento illado na vida, senón que debe ser inserida no proceso continuo de maduración da fe.
En relación a admisión do neno ou da nena para recibir este sacramento téñase en conta as indicacións que aparecen no número 1.1.1.e) destas Disposicións.
Idade. Respectando o normado nos cc. 913, 1 e 914 do vixente Código, o noso Directorio Diocesano recomenda celebrar a primeira Eucaristía ao redor dos 8-9 anos. (cfr. Directorio Diocesano nº 3.2. e). A celebración da Primeira Comuñón a idade temperán terá moi en consideración a vivencia da fe por parte dos pais.
Non é razón suficiente para adiantar ou retrasa-la participación nos Sacramentos o desexo familiar de que o reciban ó mesmo tempo varios irmáns. Cando se dea esta circunstancia é preferible que o irmán maior espere polo máis pequeno, se isto se pode facer sen grave prexuízo para a familia, pois cada neno convén que acceda á Primeira Eucaristía no momento máis oportuno do proceso de maduración da propia fe.
Preparación. A preparación catequética previa debe durar ordinariamente ao menos, dous cursos, con preferencia a que fosen tres. Durante ela háselle de facilitar ó neno unha meirande conciencia de inserción na parroquia e a necesaria continuidade da catequese no proceso global do crecemento cristián. Esta etapa da preparación é unha boa ocasión para lembrarlles ós pais a súa misión e a súa responsabilidade como educadores primeiros da fe dos fillos e para animalos a que eles mesmos sexan os catequistas, sempre que teñan a preparación axeitada. Con relación á duración e ós contidos véxase Directorio Diocesano… nº 3.2.
• O párroco determinará a idade do comezo da preparación catequética e deixará constancia disto na propia ficha de inscrición.
3.- Lugar da celebración. O lugar propio da celebración, así coma da preparación, é a parroquia na que vive o neno e seguirá, mentres resida nela, celebrando a fe de xeito habitual. Os colexios confesionais e os da Igrexa Católica han de animar ós seus alumnos e ós pais a que participen nas súas respectivas parroquias na catequese da infancia e na celebración dos primeiros sacramentos.
4.- Admisión á Primeira Comuñón de nenos/as provenientes doutras parroquias.- Se por circunstancias especiais os pais queren que o seu fillo celebre a primeira comuñón noutra parroquia, é necesario que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Antes de acepta-la petición desa familia, o sacerdote da parroquia elixida debe poñer de modo inmediato ese feito en coñecemento do párroco da freguesía na que ese neno/a está asistindo á catequese, recabando o pertinente informe acerca da preparación e madurez humana e relixiosa do neno/a, coa constancia de que foi bautizado na Igrexa Católica.
b) O sacerdote da parroquia elixida, ademais de aplicar a ese neno/a os criterios programáticos que el ten nesa parroquia, debe respectar estritamente os cursos catequéticos sinalados na parroquia de orixe e os criterios comúns vixentes nela. O incumprimento deste punto conleva unha indebida intromisión nas actuacións pastorais do sacerdote elixido na parroquia do domicilio dese neno/a, e pode chegar a crear enfrontamentos con algúns fregueses.
c) O sacerdote da parroquia elixida debe manifestar xa no primeiro momento con toda claridade e precisión os puntos anteriores cando a familia solicitante lle pida a celebración da primeira comuñón, e non facelo nas vésperas da cerimonia ocasionando entón a esas persoas serios prexuízos.
5.- Situacións especiais. A carencia de actitudes claras e moitas veces pouco coherentes nalgúns bautizados que piden a Primeira Comuñón para os fillos, fai difícil discernir entre o que é fe persoal e o que é costume social. Nestas circunstancias, o sacerdote acollerá sempre a persoa que pide o sacramento, procurará escoitala con espírito aberto e estará máis disposto a completa-lo que falta que a esixir lo sen ofrecer axuda. Nos casos máis difíciles debe contrastar o seu proceder cos outros sacerdotes do arciprestado e co Vigairo Episcopal respectivo.
6.- Fillos de emigrantes. Os pais emigrados, coincidindo co período de vacacións na súa parroquia, adoitan pedir ó párroco da freguesía de orixe que os fillos poidan facer alí a Primeira Comuñón. No diálogo que se establece convén que este párroco recomende a eses fregueses que os nenos fagan a Primeira Comuñón cos seus compañeiros de clase e de catequese na parroquia onde residen habitualmente. Os cregos poden acceder á petición, sempre que lles conste por escrito que recibiron a axeitada preparación na parroquia de residencia e tomen parte na preparación inmediata que se organice na parroquia vacacional. Téñase presente que tanto estas normas coma outras deben ser interpretadas e aplicadas respectando sempre os dereitos que a lexislación xeral da Igrexa lles recoñece, neste caso segundo o c. 913,1. As programacións parroquiais deben estar enmarcadas dentro das normas do dereito común e do dereito diocesano, e deben ser comunicadas ós fieis coa debida antelación.
7.- Comuñón de nenos discapacitados. Débese coidar con especial sensibilidade o achegamento ós nenos afectados destas minusvalías, prestándolles con delicadeza a catequese axeitada ás súas posibilidades, e tendo en conta que o Sacramento é un don de Deus expresivo tamén do amor da Igrexa a estes fillos seus.
8.- Documentación. Ao mesmo tempo que se inscribe o neno na catequese, procede pedirlle aos pais a partida de bautismo ou documento suficientemente válido. A actual mobilidade da poboación, a aparición de familias descoñecidas na parroquia e o feito de que van quedando moitos nenos sen bautizar, fai necesario toma-las debidas precaucións.
1.2 SACRAMENTO DA PENITENCIA
“Os que se achegan ó sacramento da Penitencia obteñen da misericordia de Deus o perdón da ofensa a El feita e a reconciliación coa Igrexa, a que feriron pecando, e que colabora á súa conversión coa caridade, co exemplo e as oracións” (LG 11, e Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1423).
a. Celebración ordinaria da Penitencia. De conformidade co c. 960 e a praxe da Igrexa, “a confesión individual e íntegra e a absolución constitúen o único modo ordinario polo que un fiel consciente de que está en pecado grave se reconcilia con Deus e coa Igrexa. Só a imposibilidade física ou moral exclúe esa confesión. Neste caso a reconciliación pódese obter tamén por outros medios”.
É obriga dos pastores, en relación cos fieis que teñen encomendados, oílos en confesión, por si ou por outros, sinalando para iso días e horas que resulten asequibles para os fieis, dándose prioridade na celebración, sempre que sexa posible, á fórmula B do Ritual do Sacramento da Penitencia.
O tempo de Coresma é o máis axeitado para celebrar o sacramento da Penitencia. Convén, por tanto, ofrecerlles ós fieis medios máis abundantes para participaren no Sacramento da Reconciliación. A forma tradicional dos chamados “Preceptos pascuais”, adaptada á fórmula B do ritual, é dicir, mediante Celebracións Penitenciais comunitarias con confesión e absolución individual, segue sendo un medio sumamente válido para ofrecerlles ós fieis esta participación no Sacramento. Para iso organícense os sacerdotes das distintas zonas e arciprestados, de xeito que estas celebracións poidan contar co número suficiente de cregos. Da mesma forma deben aproveitar outros tempos litúrxicos tales como o Advento e celebracións especiais da Parroquia.
Lugar da celebración. “O lugar propio para oír confesións é unha Igrexa ou oratorio” (c. 964.1). Desta forma a reconciliación con Deus e coa Igrexa celébrase no lugar no que se reúne a comunidade cristiá no nome da súa fe para acoller na celebración litúrxica o encontro co Señor misericordioso.
O art. 7 do Segundo Decreto Xeral da CEE recórdanos: “De conformidade co establecido no c. 964.2, nas igrexas e oratorios existirá sempre en lugar patente o confesionario tradicional, que poidan utilizar libremente os fieis que así o desexen. Existirá, ademais, na medida en que, por razóns de espazo, se poida facer así, a sede alternativa prevista no canon, para tódolos fieis que expresamente a pidan e que ha de estar reservada en exclusiva para este ministerio. En canto á forma concreta, deberanse ter en conta as condicións de cada lugar e as directrices diocesanas sobre arte sacra e liturxia, garantindo, en todo caso, tanto a facilidade e a reserva do diálogo entre o penitente e o confesor coma o carácter relixioso e sacramental do acto” (cfr. BOCEE 2, 1985, p. 62).
Procurarán os párrocos e reitores de igrexas ter debidamente limpa e conservada a sede penitencial, de xeito que o fiel poida percibir así a manifestación do signo que nos invita ó encontro con Cristo no sacramento do perdón.
b. A absolución xeral. A absolución xeral non se pode dar a varios penitentes á vez sen previa confesión individual (c. 961), a non ser que ameace un perigo de morte ou haxa unha necesidade grave, correspondéndolle ó Bispo diocesano xulgar se esas condicións de necesidade grave se dan (c. 961.2). A Conferencia Episcopal Española sinalou que “no conxunto do seu territorio non existen casos xerais e previsibles nos que se dean os elementos que constitúen a situación de necesidade grave na que se poida facer uso da absolución xeral” (cfr. BOCEE 6, 1989, p. 59). No caso de que se dese algunha das circunstancias que requiran a Absolución sacramental colectiva, débese ter en conta que entre as cautelas requiridas hai que lembrar particularmente o seguinte:
1) A imposibilidade de recibir a absolución sacramental válida por parte dos que, tendo pecado gravemente, non están dispostos a reparar os danos causados ou a cambiar de vida.
2) Tamén cómpre recordar a esixencia que norma o c. 962 para que un fiel reciba VALIDAMENTE a absolución sacramental dada a varios fieis á vez: “requírese non só que estea debidamente disposto, senón que se propoña á vez facer no seu debido tempo confesión individual de tódolos pecados graves que nas presentes circunstancias non puido confesar dese modo”. Recordemos: isto é para validez da absolución sacramental dos pecados graves, que logo complementa un pouco máis o c. 963 no referente ó tempo, normando, así mesmo, que non se poderá participar noutra absolución sacramental xeral se non se acercou ese fiel á confesión individual, “sempre que non se interpoña causa xusta” (c. 963 in fine), polo que, o propósito da confesión individual ó seu debido tempo é necesario para a validez desa absolución. Neste mesmo senso pronunciouse o Consello Pontificio para a Interpretación dos Textos Lexislativos o ano 1996: como requisito para a validez desa absolución xeral “requírese, ademais das disposicións necesarias para a confesión no modo ordinario, o propósito de confesar de maneira individual tódolos pecados graves que non se puideron confesar a causa do estado de grave necesidade” (cf. Ius Ecclesiae 9 (1997), pp. 818-821, nº 5). Non cabe dúbida que o confesor que dirixe unha absolución xeral ten a obriga grave de informar adecuadamente ós fieis dos requisitos que contempla a vixente lexislación canónica, sobre todo nos aspectos que se refiren á validez das confesións posteriores.
3) Firme o propósito requirido no c. 962.1 e tendo o fiel as debidas disposicións, o pecado grave perdoado nunha absolución xeral queda perdoado de forma directa e total, pero subsisten graves obrigacións que o fiel debe satisfacer posteriormente: cumpri-la penitencia imposta e manifestar nunha confesión íntegra os pecados que non foi posible manifestar na confesión xeral, e isto, antes de recibir outra absolución xeral (cf. J. Manzanares, “Comentario ó c. 962, en CIC Salamanca”).
O cumprimento desta norma grava seriamente a conciencia do sacerdote, xa que se trata dun dos seus ministerios fundamentais, pois este terceiro rito de reconciliación non se pode contemplar coma unha alternativa á vía ordinaria. A confesión individual e íntegra non só é un deber “senón tamén un dereito inviolable e inalienable, ademais dunha necesidade da alma” (cfr. Reconciliación e Penitencia, nº 33). “Nada podería perdoar a Igrexa sen Cristo: nada quere perdoar Cristo sen a Igrexa. Nada pode perdoar a Igrexa, senón ó que se arrepinte, ou sexa, ó que foi tocado por Cristo. Nada quere manter perdoado Cristo ó que despreza a Igrexa” (cfr. Beato Isaac, abade do mosteiro de Stella, Sermón 11, Segunda Lectura do Oficio de Lectura do Venres da Semana XXIII do Tempo Ordinario)
ADVERTENCIAS IMPORTANTES:
Primeira.- O Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela correspondente ao mes de maio do ano 2002, pp. 413-420, publica a “Carta Apostólica do Papa Xoán Paulo II en forma de Motu Proprio Misericordia Dei sobre algúns aspectos da celebración do Sacramento da Penitencia”. Estamos, pois, ante unha interpretación auténtica feita polo propio Lexislador no que se refire á concretización do canon 961 polo que respecta á absolución xeral.
Segunda.- “Xulgar se as condicións requiridas se dan segundo o c. 961.1,2º non corresponde ao confesor, senón ao Bispo diocesano” (cf. c. 961.2 e Misericordia Dei, nº 5). Avaliadas as circunstancias existentes na nosa diocese e tendo en conta a súa organización pastoral e a posibilidade dos fieis de acercarse ó sacramento da Penitencia mediante a confesión individual, o Señor Arcebispo declarou que non existen casos nos que se dean os elementos que constitúen a “situación de necesidade grave”, a tenor do normado no nº 4 do documento Misericordia Dei. Polo que na nosa diocese non se pode facer uso da absolución xeral ou colectiva.
Terceira.- Asemade, tamén “se reproba calquera uso que restrinxa a confesión a unha acusación xenérica ou limitada só a un ou máis pecados considerados máis significativos. Por outra banda, tendo en conta a vocación de tódolos fieis á santidade, recoméndaselles confesar tamén os pecados veniais” (cf. Misericordia Dei, nº 3).
1.3 SACRAMENTO DA EUCARISTÍA
a) Misa pro populo. A teor do c. 534, o párroco está obrigado a aplicar a Misa polo pobo que ten encomendado tódolos domingos e festas de precepto. Por esta celebración non debe percibir estipendio ningún. Cando un mesmo sacerdote rexenta varias parroquias cumpre esta obriga ofrecendo unha soa misa por tódalas parroquias encomendadas, e pode percibir estipendio pola segunda Misa que celebre (cfr. Comunicacións 15, 1983, pp. 200-201).
Esta norma vale tamén cando varios sacerdotes rexen solidariamente varias parroquias: de conformidade co c. 543 un só aplica a intención por tódalas parroquias, e os sacerdotes do equipo concretarán co moderador a orde segundo a cal irán eles aplicando pro populo. Neste apartado debemos lembrar que xa hai tempo cesou na nosa diocese a dispensa que reducía a aplicación da Misa pro populo a un só día ao mes.
b) Número de misas ao día. O c. 905.1 dispón que non é lícito a un crego celebrar máis dunha misa ao día. Desta norma exceptúanse: o día de Nadal e a Conmemoración dos Fieis Defuntos, nos que se poden celebrar tres Misas, e o Domingo de Resurrección, se celebrou ou concelebrou a Vixilia Pascual, tamén cando se concelebra co Bispo diocesano, ou na Misa conventual, ou en reunións sacerdotais.
É absolutamente reprobable a celebración de “misas encadeadas”, é dicir, as celebradas polo mesmo sacerdote sen saír do altar, enlazando unha misa coa seguinte. A dignidade do sacrificio eucarístico e a debida consideración que se lles debe ós fieis prohiben esta corruptela.
Recórdaselles tamén aos párrocos a improcedencia de ter Misas cantadas os domingos e festivos, con cambio do horario habitual, para compracer peticións dalgunha familia particular.
O Ordinario pode conceder, que, con causa xusta, un sacerdote celebre dúas veces no día, e incluso, cando o esixe unha necesidade pastoral, tres veces os domingos e festas de precepto (c. 905.2). A mera petición ou encargo particular dunha Misa, non é, en ningún caso, razón suficiente para a binación. Non está permitida a celebración de catro Misas a non ser co permiso especial da Santa Sé, aínda que se celebre en domingos ou festivos. “Enténdese que contan coa autorización do Prelado para binar nos días feriados e para celebrar tres Misas os domingos e festivos de precepto, tódolos sacerdotes con cura de almas que rexentan unha parroquia cun considerable número de fieis ou dúas ou máis parroquias, así mesmo, tódolos sacerdotes con cura de almas cando teñan de celebrar a Misa das vodas, exequias e aniversarios. En tódolos demais casos e sempre que se trate dunha cuarta Misa os días de precepto, ha de solicitarse expresamente o oportuno permiso do Ordinario” (cfr. Decreto sobre a actualización dos Aranceis e Normas Litúrxicas, en BOA de Santiago de Compostela, 1980, p.48).
Ante a escaseza de sacerdotes, urxe unha organización máis racional do número e dos horarios das Misas nas parroquias e noutros lugares de culto, principalmente nas cidades e nas parroquias grandes con abundancia de clero, así coma unha meirande dispoñibilidade dos sacerdotes que non teñen ministerio parroquial ou outro compromiso semellante. Neste punto resulta de suma utilidade ler de novo os apartados b), c), d) da Disposición Transitoria das “Normas para a provisión do oficio parroquial” na nosa diocese (cfr. BOA de Santiago de Compostela, 1993, pp. 248-249). Convén regular aquelas Misas que non están xustificadas por un verdadeiro motivo pastoral ou que figuran como simple elemento integrante ou decorativo dalgunhas festas, máxime se as piden para seren celebradas fóra de lugar sagrado.
c) Acumulación de intencións na concelebración da Misa exequial ou outra semellante. Igualmente non é admisible o costume, que parece introducirse nalgunhas parroquias da diocese, consistente en que con ocasión dun funeral ou doutros actos concelebran co párroco algúns dos sacerdotes asistentes para facer presentes outras intencións usuais alí, tales como “Misa de ánima”, “Misa de entrada” ou de “chegada”, “Misa de confraría”, etc. Este modo de actuar preséntase como unha forma puramente pragmática, carente de fundamentación teolóxica e pastoral, con independencia de que por esa segunda Misa concelebrada non se podería percibir estipendio ningún (c. 951.2). “Entre a Misa e o sacrificio redentor de Cristo existe unha identidade non só específica senón numérica, o que supón que non hai moitos sacrificios senón moitas presenzas do mesmo sacrificio” (cfr. J.A. Abad Ibáñez y M. Garrido Boraño, Iniciación a la Liturgia de la Iglesia, p. 413).
d) Celebracións dominicais e festivas en ausencia do Presbítero. A Congregación para o Culto Divino publicou o 2 de xuño de 1988 un “Directorio para as celebracións dominicais en ausencia de presbítero”, que foi reeditado no 2007. A carencia de sacerdotes, sobre todo no mundo rural, motivará que se vaia implantando esta modalidade pastoral, que ten por finalidade facer un esforzo para que o domingo siga conservando o seu carácter sagrado e relixioso como Memorial do Señor Resucitado. Naquelas zonas onde sexa necesario establecer estas Celebracións, o sacerdote responsable acudirá ó Bispo diocesano para recibi-las oportunas instrucións. Os párrocos non teñen facultades para establecer pola súa conta estas Celebracións. “Para anima-las mencionadas celebracións o fiel non ordenado deberá ter un mandato especial do Bispo, quen determinará as oportunas indicacións acerca da duración, lugar, as condicións e o presbítero responsable” (cfr. Instrución sobre algunhas cuestións encol da colaboración dos fieis laicos no sagrado ministerio dos sacerdotes, Art. 7). Tamén lembrar aquí que Mons. Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela, publicou un interesante estudo sobre Vivir de la Eucaristía. Las celebraciones dominicales en ausencia de presbítero. Está editado no ano 2012 en PPC.
e) Misas colectivas ou plurintencionais. No BOA de Santiago de Compostela correspondente ó mes de abril do ano 1991, pp. 160-164, inclúese o Decreto promulgado pola Congregación para o Clero o 22 de Febreiro de 1991 sobre as denominadas “MISAS COLECTIVAS”.
De conformidade con este Decreto disponse:
1) Estas Misas colectivas soamente se poden celebrar dous días cada semana na mesma igrexa, indicando publicamente o lugar e a hora da celebración.
2) Os fieis deben estar previamente advertidos desta acumulación de intencións e de estipendios, e manifestaren eles mesmos a súa conformidade.
3) O sacerdote que celebre a Misa aplicándoa simultaneamente por diversas intencións e teña recibido unha ofrenda dos fieis por cada unha delas, soamente deberá percibir como estipendio a cantidade sinalada na diocese para as chamadas Misas manuais, que na actualidade son 10 €. A cantidade restante será remitida á Curia Diocesana, que a distribuirá da seguinte forma: o 50% para ingresar na Colecturía Diocesana e o outro 50% para os fins específicos do Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC). A aplicación deses estipendios a outras finalidades necesita a autorización do Sr. Arcebispo.
4) A tenor do art. 5 do citado Decreto, aqueles sacerdotes que reciben gran número de ofrendas para intencións particulares e que non as poden cumprir persoalmente dentro do ano, en lugar de rexeitalas (e podemos dicir tamén, en vez de forza-la acumulación de intencións), frustrando así a pía vontade dos oferentes e apartándoos do seu bo propósito, débenllelas pasar a outros sacerdotes. Isto requirirá a oportuna advertencia do crego e a libre aceptación dos fieis.
5) “Aos Bispos diocesanos, principalmente, incumbe o deber de dar a coñecer con prontitude e claridade estas normas ós cregos tanto do clero secular coma do relixioso, pois son obrigatorias para todos e deben preocuparse de que sexan observadas” (Art. 6).
Finalmente, a debida coordinación pastoral da zona reclama que a celebración destas Misas colectivas non se implante sen estudar seriamente a cuestión cos párrocos e reitores de igrexas do arciprestado. Recoméndaselles aos Sres. Arciprestes axuden a cumprir fielmente o determinado no Decreto da Congregación para o Clero.
NOTA: Encarécese aos sacerdotes que atenden varias parroquias procuren compracer as peticións dos seus fregueses coa finalidade de respectar o seu dereito a ofrecer intencións particulares. Este dereito dos fieis veríase limitado na práctica “se o sacerdote que vai un ou dous días á semana a cada parroquia aplica soamente intencións de misas colectivas”.
f) Estipendio das Misas binadas e trinadas. Pódese recibir estipendio pola Misa que se celebra ou concelebra (c. 945.1). Hase de aplicar unha Misa distinta por cada intención (c. 948). Nesta materia hase de evitar incluso a máis leve aparencia de comercio (c. 947). Tan só pode reservar o sacerdote para si un estipendio no día, a excepción do día de Nadal (c. 951.1.). A Igrexa, pois, non só aproba senón que “promove a práctica do estipendio” (Paulo VI, Firma in traditione, de 13 de xuño de 1.974).
O sacerdote que celebra máis dunha misa, aplicándoas por estipendio, só pode quedar con un, e debe destina-los demais ós fins determinados polo Ordinario (c. 951.1). De conformidade coas normas diocesanas, os estipendios das Misas binadas e trinadas, débense entregar na Curia Diocesana onde se destinarán ó Fondo Común Diocesano, de conformidade co artigo 3.d) do Regulamento (cfr. BOA de Santiago de Compostela, 1983, p. 341). Así mesmo, por razóns de molestias e gastos de desprazamento, pódense quedar co 50% de cada un destes estipendios os párrocos e cregos que teñan que celebrar unha segunda ou unha terceira Misa en parroquia distinta da localidade de residencia. Por unha segunda misa concelebrada non se pode recibir estipendio baixo ningún concepto. (c. 951.2).
g) Misas vespertinas e actividades pastorais. O c. 1248.1 dispón: “Cumpre o precepto de participar na Misa, quen asiste a ela, onde se celebre nun rito católico, tanto o día da festa como o día anterior pola tarde”. Ampliando o espazo temporal que ofrece o c. 202.1 (segundo o cal o día conta desde a medianoite á medianoite), o calendario romano lémbranos que “a celebración do domingo e das solemnidades empeza na tarde do día anterior”. Para axudar a concretar cando se pode chegar a considerar ese tempo vespertino, o “día anterior pola tarde”, a comisión redactora do vixente CIC manifestou: “Expresamente emprégase unha fórmula xeral para evitar casuísmos e ansiedades. Con toda certeza cúmprese co precepto mediante a participación en calquera Misa do sábado pola tarde” (cfr. Relatio, 227). Lémbraselles ós sacerdotes que, inculquen ós fieis a garda e conservación do sentido sagrado do domingo, ofrecendo o sábado a celebración da Misa propia do domingo ou do día festivo, coa homilía e a oración dos fieis, dándolle o ton festivo que relembre o domingo. Certamente resulta difícil de comprender que as Misas celebradas nas “horas do mediodía e inmediatamente despois” poidan ser consideradas como celebradas “o día anterior pola tarde”.
A nosa diocese ten unha moi fermosa e rica tradición catequética. Na memoria de todos os sacerdotes diocesanos están os nomes de beneméritos catequetas que nos serven de estímulo. Por iso, coa finalidade de poder atender á celebración digna das Misas vespertinas e vigoriza-la formación catequética-relixiosa de tódolos membros do Pobo de Deus, así como atender a moitas outras actividades pastorais (reunións de grupos, ensaios, etc.), É NECESARIO DEIXAR LIBRES AS TARDES DOS SÁBADOS NON OCUPÁNDOAS CON ANIVERSARIOS OU ACTOS SIMILARES CELEBRADOS COA ASISTENCIA DE CREGOS DE FÓRA DA PARROQUIA, para que uns e outros se poidan dedicar ás actividades sinaladas. Ese foi tamén o criterio maioritario dos membros do Consello Presbiteral en varias reunións.
h) Programación de misas dominicais e festivas.- Ante a escaseza de sacerdotes, e coa finalidade de que as igrexas parroquiais non se vexan privadas da presenza dun sacerdote que celebre a Eucaristía dominical, cómpre facer as programacións que resulten axeitadas naquelas freguesías do mundo urbano que dispoñan de varios sacerdotes. O nº 35 da Carta Apostólica “Dies Domini” do Papa Xoán Paulo II, de 31 de maio de 1998, lémbranos que “…no domingo, día da asemblea, non han de fomentarse as misas para grupos pequenos…” (cfr. BOA de Santiago de Compostela, agosto-setembro 1998, pp. 401-458); o motivo fundante é dobre: a) que ás asembleas parroquiais non lles falte o ministerio sacerdotal; b) salvagardar e promove-la unidade da comunidade eclesial. Para colaborar nesta urxencia somos invitados na nosa diocese tanto os sacerdotes diocesanos coma os sacerdotes relixiosos, de cara a que nas nosas parroquias, por sinxelas que sexan, poida seguir conservándose a celebración da Eucaristía nos domingos e nos días de precepto.