“Os que se achegan ó sacramento da Penitencia obteñen da misericordia de Deus o perdón da ofensa a El feita e a reconciliación coa Igrexa, a que feriron pecando, e que colabora á súa conversión coa caridade, co exemplo e as oracións” (LG 11, e Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1423).
a. Celebración ordinaria da Penitencia. De conformidade co c. 960 ea praxe da Igrexa, “a confesión individual e íntegra e a absolución constitúen o único modo ordinario polo que un fiel consciente de que está en pecado grave se reconcilia con Deus e coa Igrexa. Só a imposibilidade física ou moral exclúe esa confesión. Neste caso a reconciliación pódese obter tamén por outros medios”.
É obriga dos pastores, en relación cos fieis que teñen encomendados, oílos en confesión, por si ou por outros, sinalando para iso días e horas que resulten asequibles para os fieis, dándose prioridade na celebración, sempre que sexa posible, á fórmula B do Ritual do Sacramento da Penitencia.
O tempo de Coresma é o máis axeitado para celebra-lo sacramento da Penitencia. Convén, por tanto, ofrecerlles ós fieis medios máis abundantes para participaren no Sacramento da Reconciliación. A forma tradicional dos chamados “Preceptos pascuais”, adaptada á fórmula B do ritual, é dicir, mediante Celebracións Penitenciais comunitarias con confesión e absolución individual, segue sendo un medio sumamente válido para ofrecerlles ós fieis esta participación no Sacramento. Para iso organícense os sacerdotes das distintas zonas e arciprestados, de xeito que estas celebracións poidan contar co número suficiente de cregos. Da mesma forma deben aproveitar outros tempos litúrxicos tales como o Advento e celebracións especiais da Parroquia.
Lugar da celebración. “O lugar propio para oír confesións é unha Igrexa ou oratorio” (c. 964.1). Desta forma a reconciliación con Deus e coa Igrexa celébrase no lugar no que se reúne a comunidade cristiá no nome da súa fe para acoller na celebración litúrxica o encontro co Señor misericordioso.
O art. 7 do Segundo Decreto Xeral da CEE recórdanos: “De conformidade co establecido no c. 964.2, nas igrexas e oratorios existirá sempre en lugar patente o confesionario tradicional, que poidan utilizar libremente os fieis que así o desexen. Existirá, ademais, na medida en que, por razóns de espacio, se poida facer así, a sede alternativa prevista no canon, para tódolos fieis que expresamente a pidan e que ha de estar reservada en exclusiva para este ministerio. En canto á forma concreta, deberanse ter en conta as condicións de cada lugar e as directrices diocesanas sobre arte sacra e liturxia, garantindo, en todo caso, tanto a facilidade e a reserva do diálogo entre o penitente e o confesor coma o carácter relixioso e sacramental do acto” (cfr. BOCEE 2, 1985, p. 62).
Procurarán os párrocos e reitores de igrexas ter debidamente limpa e conservada a sede penitencial, de xeito que o fiel poida percibir así a
manifestación do signo que nos invita ó encontro con Cristo no sacramento do perdón.
b. A absolución xeral. A absolución xeral non se pode dar a varios penitentes á vez sen previa confesión individual (c. 961), a non ser que ameace un perigo de morte ou haxa unha necesidade grave, correspondéndolle ó Bispo diocesano xulgar se esas condicións de necesidade grave se dan (c. 961.2). A Conferencia Episcopal Española sinalou que “no conxunto do seu territorio non existen casos xerais e previsibles nos que se dean os elementos que constitúen a situación de necesidade grave na que se poida facer uso da absolución xeral” (cfr. BOCEE 6, 1989, p. 59). No caso de que se dese algunha das circunstancias que requiran a Absolución sacramental colectiva, débese ter en conta que entre as cautelas requiridas hai que lembrar particularmente o seguinte:
1) A imposibilidade de recibi-la absolución sacramental válida por parte dos que, tendo pecado gravemente, non están dispostos a repara-los danos causados ou a cambiar de vida.
2) Tamén cómpre recordar a esixencia que norma o c. 962 para que un fiel reciba VALIDAMENTE a absolución sacramental dada a varios fieis á vez: “requírese non só que estea debidamente disposto, senón que se propoña á vez facer no seu debido tempo confesión individual de tódolos pecados graves que nas presentes circunstancias non puido confesar dese modo”. Recordemos: isto é para validez da absolución sacramental dos pecados graves, que logo complementa un pouco máis o c. 963 no referente ó tempo, normando, así mesmo, que non se poderá participar noutra absolución sacramental xeral se non se acercou ese fiel á confesión individual, “sempre que non se interpoña causa xusta” (c. 963 in fine), polo que, o propósito da confesión individual ó seu debido tempo é necesario para a validez desa absolución. Neste mesmo senso pronunciouse o Consello Pontificio para a Interpretación dos Textos Lexislativos o ano 1996: como requisito para a validez desa absolución xeral “requírese, ademais das disposicións necesarias para a confesión no modo ordinario, o pro
pósito de confesar de maneira individual tódolos pecados graves que non se puideron confesar a causa do estado de grave necesidade” (cfr. Ius Ecclesiae 9 (1997), pp. 818-821, nº 5). Non cabe dúbida que o confesor que dirixe unha absolución xeral ten a obriga grave de informar adecuadamente ós fieis dos requisitos que contempla a vixente lexislación canónica, sobre todo nos aspectos que se refiren á validez das confesións posteriores.
3) Firme o propósito requirido no c. 962.1 e tendo o fiel as debidas disposicións, o pecado grave perdoado nunha absolución xeral queda perdoado de forma directa e total, pero subsisten graves obrigacións que o fiel debe satisfacer posteriormente: cumpri-la penitencia imposta e manifestar nunha confesión íntegra os pecados que non foi posible manifestar na confesión xeral, e isto, antes de recibir outra absolución xeral (cfr. J. Manzanares, “comentario ó c. 962, en CIC Salamanca”).
O cumprimento desta norma grava seriamente a conciencia do sacerdote, xa que se trata dun dos seus ministerios fundamentais, pois este terceiro rito de reconciliación non se pode contemplar coma unha alternativa á vía ordinaria. A confesión individual e íntegra non só é un deber “senón tamén un dereito inviolable e inalienable, ademais dunha necesidade da alma” (cfr. Reconciliación e Penitencia, nº 33). “Nada podería perdoar a Igrexa sen Cristo: nada quere perdoar Cristo sen a Igrexa. Nada pode perdoar a Igrexa, senón ó que se arrepinte, ou sexa, ó que foi tocado por Cristo. Nada quere manter perdoado Cristo ó que despreza a Igrexa” (cfr. Beato Isaac, abade do mosteiro de Stella, Sermón 11, Segunda Lectura do Oficio de Lectura do Venres da Semana XXIII do Tempo Ordinario)
ADVERTENCIAS IMPORTANTES:
Primeira.- O Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela correspondente ao mes de maio do ano 2002, pp. 413-420, publica a “Carta Apostólica do Papa Xoán Paulo II en forma de “Motu Proprio” MISERICORDIA DEI sobre algúns aspectos da celebración do Sacramento da Penitencia”. Estamos, pois, ante unha
interpretación auténtica feita polo propio Lexislador no que se refire á concretización do canon 961 polo que respecta á absolución xeral.
Segunda.- “Xulgar se as condicións requiridas se dan segundo o c. 961.1,2º non corresponde ao confesor, senón ao Bispo diocesano” (cfr.c. 961.2 e MISERICORDIA DEI, nº 5). Avaliadas as circunstancias existentes na nosa diocese e tendo en conta a súa organización pastoral e a posibilidade dos fieis de acercarse ó sacramento da Penitencia mediante a confesión individual, o Señor Arcebispo declarou que non existen casos nos que se dean os elementos que constitúen a “situación de necesidade grave”, a tenor do normado no nº 4 do documento MISERICORDIA DEI Polo que na nosa diocese non se pode facer uso da absolución xeral ou colectiva.
Terceira.- Asemade, tamén “se reproba calquera uso que restrinxa a confesión a unha acusación xenérica ou limitada só a un ou máis pecados considerados máis significativos. Por outra banda, tendo en conta a vocación de tódolos fieis á santidade, recoméndaselles confesar tamén os pecados veniais” (cfr. MISERICORDIA DEI, nº 3).