a) Misa pro populo. A teor do c. 534, o párroco está obrigado a aplicar a Misa polo pobo que ten encomendado tódolos domingos e festas de precepto. Por esta celebración non debe percibir estipendio ningún. Cando un mesmo sacerdote rexenta varias parroquias cumpre esta obriga ofrecendo unha soa misa por tódalas parroquias encomendadas, e pode percibir estipendio pola segunda Misa que celebre (cfr. Comunicacións 15, 1983, pp. 200-201).
Esta norma vale tamén cando varios sacerdotes rexen solidariamente varias parroquias: de conformidade co c. 543 un só aplica a intención por tódalas parroquias, e os sacerdotes do equipo concretarán co moderador a orde segundo a cal irán eles aplicando pro populo. Neste apartado debemos lembrar que xa hai tempo cesou na nosa diocese a dispensa que reducía a aplicación da Misa pro populo a un só día ao mes.
b) Número de misas ao día. O c. 905.1 dispón que non é lícito a un crego celebrar máis dunha misa ao día. Desta norma exceptúanse: o día de Nadal e a Conmemoración dos Fieis Defuntos, nos que se poden celebrar tres Misas, e o Domingo de Resurrección, se celebrou ou concelebrou a Vixilia Pascual, tamén cando se concelebra co Bispo diocesano, ou na Misa conventual, ou en reunións sacerdotais.
É absolutamente reprobable a celebración de “misas encadeadas”, é dicir, as celebradas polo mesmo sacerdote sen saír do altar, enlazando unha misa coa seguinte. A dignidade do sacrificio eucarístico e a debida consideración que se lles debe ós fieis prohiben esta corruptela.
Recórdaselles tamén aos párrocos a improcedencia de ter Misas cantadas os domingos e festivos, con cambio do horario habitual, para compracer peticións dalgunha familia particular.
O Ordinario pode conceder, que, con causa xusta, un sacerdote celebre dúas veces no día, e incluso, cando o esixe unha necesidade pastoral, tres veces os domingos e festas de precepto (c. 905.2). A mera petición ou encargo particular dunha Misa, non é, en ningún caso, razón suficiente para a binación. Non está permitida a celebración de catro Misas a non ser co permiso especial da Santa Sé, aínda que se celebre en domingos ou festivos. “Enténdese que contan coa autorización do Prelado para binar nos días feriados e para celebrar tres Misas os domingos e festivos de precepto, tódolos sacerdotes con cura de almas que rexentan unha parroquia cun considerable número de fieis ou dúas ou máis parroquias, así mesmo, tódolos sacerdotes con cura de almas cando teñan de celebrar a Misa das vodas, exequias e aniversarios. En tódolos demais casos e sempre que se trate dunha cuarta Misa os días de precepto, ha de solicitarse expresamente o oportuno permiso do Ordinario” (cfr. Decreto sobre a actualización dos Aranceis e Normas Litúrxicas, en BOA de Santiago de Compostela, 1980, p. 48).
Ante a escaseza de sacerdotes, urxe unha organización máis racional do número e dos horarios das Misas nas parroquias e noutros lugares de culto, principalmente nas cidades e nas parroquias grandes con abundancia de clero, así coma unha meirande dispoñibilidade dos sacerdotes que non teñen ministerio parroquial ou outro compromiso semellante. Neste punto resulta de suma utilidade ler de novo os apartados b), c), d) da Disposición Transitoria das “Normas para a provisión do oficio parroquial” na nosa diocese (cfr. BOA de Santiago de Compostela, 1993, pp. 248-249). Convén regular aquelas Misas que non están xustificadas por un verdadeiro motivo pastoral ou que figuran como simple elemento integrante ou decorativo dalgunhas festas, máxime se as piden para seren celebradas fóra de lugar sagrado.
c) Acumulación de intencións na concelebración da Misa exequial ou outra semellante. Igualmente non é admisible o costume, que parece introducirse nalgunhas parroquias da diocese, consistente en que con ocasión dun funeral ou doutros actos concelebran co párroco algúns dos sacerdotes asistentes para facer presentes outras intencións usuais alí, tales como “Misa de ánima”, “Misa de entrada” ou de “chegada”, “Misa de confraría”, etc. Este modo de actuar preséntase como unha forma puramente pragmática, carente de fundamentación teolóxica e pastoral, con independencia de que por esa segunda Misa concelebrada non se podería percibir estipendio ningún (c. 951.2). “Entre a Misa e o sacrificio redentor de Cristo existe unha identidade non só específica senón numérica, o que supón que non hai moitos sacrificios senón moitas presenzas do mesmo sacrificio” (cfr. J.A. Abad Ibáñez y M. Garrido Boraño, Iniciación a la Liturgia de la Iglesia, p. 413).
d) Celebracións dominicais e festivas en ausencia do Presbítero. A Congregación para o Culto Divino publicou o 2 de xuño de
1988 un “Directorio para as celebracións dominicais en ausencia de presbítero”, que foi reeditado no 2007. A carencia de sacerdotes, sobre todo no mundo rural, motivará que se vaia implantando esta modalidade pastoral, que ten por finalidade facer un esforzo para que o domingo siga conservando o seu carácter sagrado e relixioso como Memorial do Señor Resucitado. Naquelas zonas onde sexa necesario
establecer estas Celebracións, o sacerdote responsable acudirá ó Bispo diocesano para recibi-las oportunas instrucións. Os párrocos non teñen facultades para establecer pola súa conta estas Celebracións. “Para anima-las mencionadas celebracións o fiel non ordenado deberá ter un mandato especial do Bispo, quen determinará as oportunas indicacións acerca da duración, lugar, as condicións e o presbítero responsable” (cfr. Instrución sobre algunhas cuestións encol da colaboración dos fieis laicos no sagrado ministerio dos sacerdotes, Art. 7). Tamén lembrar aquí que Mons. Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela, publicou un interesante estudo sobre Vivir de la Eucaristía. Las celebraciones dominicales en ausencia de presbítero. Está editado no ano 2012 en PPC.
e) Misas colectivas ou plurintencionais. No BOA de Santiago de Compostela correspondente ó mes de abril do ano 1991, pp. 160-164, inclúese o Decreto promulgado pola Congregación para o Clero o 22 de Febreiro de 1991 sobre as denominadas “MISAS COLECTIVAS”.
De conformidade con este Decreto disponse:
1) Estas Misas colectivas soamente se poden celebrar dous días cada semana na mesma igrexa, indicando publicamente o lugar e a hora da celebración.
2) Os fieis deben estar previamente advertidos desta acumulación de intencións e de estipendios, e manifestaren eles mesmos a súa conformidade.
3) O sacerdote que celebre a Misa aplicándoa simultaneamente por diversas intencións e teña recibido unha ofrenda dos fieis por cada unha delas, soamente deberá percibir como estipendio a cantidade sinalada na diocese para as chamadas Misas manuais, que na actualidade son 10 €. A cantidade restante será remitida á Curia Diocesana, que a distribuirá da seguinte forma: o 50% para ingresar na Colecturía Diocesana e o outro 50% para os fins específicos do Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC). A aplicación deses estipendios a outras finalidades necesita a autorización do Sr. Arcebispo.
4) A tenor do art. 5 do citado Decreto, aqueles sacerdotes que reciben gran número de ofrendas para intencións particulares e que non as poden cumprir persoalmente dentro do ano, en lugar de rexeitalas (e podemos dicir tamén, en vez de forza-la acumulación de intencións), frustrando así a pía vontade dos oferentes e apartándoos do seu bo propósito, débenllelas pasar a outros sacerdotes. Isto requirirá a oportuna advertencia do crego e a libre aceptación dos fieis.
5) “Aos Bispos diocesanos, principalmente, incumbe o deber de dar a coñecer con prontitude e claridade estas normas ós cregos tanto do clero secular coma do relixioso, pois son obrigatorias para todos e deben preocuparse de que sexan observadas” (Art. 6).
Finalmente, a debida coordinación pastoral da zona reclama que a celebración destas Misas colectivas non se implante sen estudar seriamente a cuestión cos párrocos e reitores de igrexas do arciprestado. Recoméndaselles aos Srs. Arciprestes axuden a cumprir fielmente o determinado no Decreto da Congregación para o Clero.
NOTA: Encarécese aos sacerdotes que atenden varias parroquias procuren compracer as peticións dos seus fregueses coa finalidade de respectar o seu dereito a ofrecer intencións particulares. Este dereito dos fieis veríase limitado na práctica “se o sacerdote que vai un ou dous días á semana a cada parroquia aplica soamente intencións de misas colectivas”.
f) Estipendio das Misas binadas e trinadas. Pódese recibir estipendio pola Misa que se celebra ou concelebra (c. 945.1). Hase de aplicar unha Misa distinta por cada intención (c. 948). Nesta materia hase de evitar incluso a máis leve aparencia de comercio (c. 947). Tan só pode reservar o sacerdote para si un estipendio no día, a excepción do día de Nadal (c. 951.1.). A Igrexa, pois, non só aproba senón que “promove a práctica do estipendio” (Paulo VI, Firma in traditione, de 13 de xuño de 1.974).
O sacerdote que celebra máis dunha misa, aplicándoas por estipendio, só pode quedar con un, e debe destina-los demais ós fins determinados polo Ordinario (c. 951.1). De conformidade coas normas diocesanas, os estipendios das Misas binadas e trinadas, débense entregar na Curia Diocesana onde se destinarán ó Fondo Común Diocesano, de conformidade co artigo 3.d) do Regulamento (cfr. BOA de Santiago de Compostela, 1983, p. 341). Así mesmo, por razóns de molestias e gastos de desprazamento, pódense quedar co 50% de cada un destes estipendios os párrocos e cregos que teñan que celebrar unha segunda ou unha terceira Misa en parroquia distinta da localidade de residencia. Por unha segunda misa concelebrada non se pode recibir estipendio baixo ningún concepto. (c. 951.2).
g) Misas vespertinas e actividades pastorais. O c. 1248.1 dispón: “Cumpre o precepto de participar na Misa, quen asiste a ela, onde se celebre nun rito católico, tanto o día da festa como o día anterior pola tarde”. Ampliando o espazo temporal que ofrece o c. 202.1 (segundo o cal o día conta desde a medianoite á medianoite), o calendario romano lémbranos que “a celebración do domingo e das solemnidades empeza na tarde do día anterior”. Para axudar a concretar cando se pode chegar a considerar ese tempo vespertino, o “día anterior pola tarde”, a comisión redactora do vixente CIC manifestou: “Expresamente emprégase unha fórmula xeral para evitar casuísmos e ansiedades. Con toda certeza cúmprese co precepto mediante a participación en calquera Misa do sábado pola tarde” (cfr. Relatio, 227). Lémbraselles ós sacerdotes que, inculquen ós fieis a garda e conservación do sentido sagrado do domingo, ofrecendo o sábado a celebración da Misa propia do domingo ou do día festivo, coa homilía e a oración dos fieis, dándolle o ton festivo que relembre o domingo. Certamente resulta difícil de comprender que as Misas celebradas nas “horas do mediodía e inmediatamente despois” poidan ser consideradas como celebradas “o día anterior pola tarde”.
A nosa diocese ten unha moi fermosa e rica tradición catequética. Na memoria de tódolos sacerdotes diocesanos están os nomes de beneméritos catequetas que nos serven de estímulo. Por iso, coa finalidade de poder atender á celebración digna das Misas vespertinas e vigoriza-la formación catequética-relixiosa de tódolos membros do Pobo de Deus, así como atender a moitas outras actividades pastorais (reunións de grupos, ensaios, etc.), É NECESARIO DEIXAR LIBRES AS TARDES DOS SÁBADOS NON OCUPÁNDOAS CON ANIVERSARIOS OU ACTOS SIMILARES CELEBRADOS COA ASISTENCIA DE CREGOS DE FÓRA DA PARROQUIA, para que uns e outros se poidan dedicar ás actividades sinaladas. Ese foi tamén o criterio maioritario dos membros do Consello Presbiteral en varias reunións.
h) Programación de misas dominicais e festivas.- Ante a escaseza de sacerdotes, e coa finalidade de que as igrexas parroquiais non se vexan privadas da presenza dun sacerdote que celebre a Eucaristía dominical, cómpre facer as programacións que resulten axeitadas naquelas freguesías do mundo urbano que dispoñan de varios sacerdotes. O nº 35 da Carta Apostólica “Dies Domini” do Papa Xoán Paulo II, de 31 de maio de 1998, lémbranos que “…no domingo, día da asemblea, non han de fomentarse as misas para grupos pequenos…” (cfr. BOA de Santiago de Compostela, agosto-setembro 1998, pp. 401-458); o motivo fundante é dobre: a) que ás asembleas parroquiais non lles falte o ministerio sacerdotal; b) salvagardar e promove-la unidade da comunidade eclesial. Para colaborar nesta urxencia somos invitados na nosa diocese tanto os sacerdotes diocesanos coma os sacerdotes relixiosos, de cara a que nas nosas parroquias, por sinxelas que sexan, poida seguir conservándose a celebración da Eucaristía nos domingos e nos días de precepto.