1.1.1. a) Sacramento do Bautismo de persoas menores de sete anos.
Preparación. A celebración do sacramento deberá estar precedida dunha preparación dos pais, que tamén se debería ampliar ós padriños. Para iso poden ser útiles: visitas domiciliarias, encontros na igrexa, reunións familiares, entregas de folletos, libros, catecismos, etc. O Ritual do Bautismo de nenos ofrece material para explica-lo “ministerio e as funcións dos pais no bautismo dos fillos”.
Padriños. “Para que a graza bautismal poida desenvolverse é importante a axuda dos pais. Ese é tamén o papel do padriño ou da madri- ña, que deben ser crentes sólidos, capaces e prestos a axudar ao bautizado, neno ou adulto, no seu camiño da vida cristiá. A súa tarefa é unha verdadeira función eclesial (officium). Toda a comunidade eclesial participa da responsabilidade de desenvolver e gardar a graza recibida no bautismo” (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1255). Seguidamente fanse unhas consideracións:
a) Vertente pastoral.- Está ben contemplada nos números 17, 18 e
20 das Orientacións Doutrinais e Pastorais do Ritual do Bautismo de Nenos3: “o padriño intervén na celebración do Bautismo para profesar, xunto cos pais, a fe da Igrexa na que é bautizado o neno (número 17); “por tanto, é conveniente que o padriño elixido pola familia reúna a xuízo dos pastores, as calidades requiridas para que poida realizar os ritos que lle corresponden” (número 18); “os pais han de tomar en serio a elección de bos padriños para os seus fillos, a fin de que o padriñado non se converta nunha institución de puro trámite e formalismo. Non deben deixarse guiar unicamente por razóns de parentesco, amizade ou prestixio social, senón por un desexo sincero de asegurar ós seus fillos uns padriños que, pola súa idade, proximidade, formación e vida cristiás, sexan capaces de influír, no seu día, de xeito eficaz na educación cristiá daqueles” (número 20).
b) Vertente Canónica.- Está normada no canon 874.1: 1º) Que foxe elixido por quen vai a bautizarse ou polos pais do neno ou por quen ocupe o seu lugar, ou faltando estes, polo párroco ou ministro; e que teña capacidade para esta misión e intención de desempeñala; 2º) cumprise 16 anos, agás que o Bispo diocesano estableza outra idade, ou que, por causa xusta o párroco ou o ministro consideren admisible unha excepción; 3º) sexa católico, estea confirmado, teña recibido xa o santísimo Sacramento da Eucaristía, e leve, ó mesmo tempo, unha vida congruente coa fe e coa misión que vai desempeñar; 4º) non estea afectado por unha pena canónica, lexitimamente imposta ou declarada; 5º) non sexa o pai ou a nai do bautizando. Este mesmo canon no apartado 2 dispón: “o bautizado que pertence a unha comunidade eclesial non católica só pode ser admitido xunto cun padriño católico, e exclusivamente en calidade de testemuño do bautismo”.
Sen embargo, un cristián oriental ortodoxo pode ser padriño, xunto a outro católico, tal como consta no n. 98b do Directorio para a Aplicación dos Principios e Normas sobre Ecumenismo, do Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns, marzo de 1993: “Por razón da estreita comuñón existente entre a Igrexa católica e as Igrexas orientais ortodoxas, está permitido que por unha razón xusta se admita a un fiel oriental coma padriño ao mesmo tempo que un padriño católico (ou madriña católica) para o bautismo dun neno ou adulto católico, a condición de que se provea de xeito suficiente á educación do bautizado e que sexa recoñecida a idoneidade do padriño.”
c) Aplicacións desde a doutrina para a congruencia coa fe: levar unha vida congruente coa fe significa estar vivindo, publicamente e privadamente, en conformidade coa Doutrina e Moral da Igrexa Católica; é vivir tódalas dimensións existenciais en conformidade coa fe. A este respecto o Prof. José San José Prisco comenta: “Polo que non deberán ser admitidos (coma padriño/madriña) os pecadores notorios e aquelas persoas que provocaron escándalo público pola súa vida ou conduta moral…; parécenos suficiente lembrar o principio xeral de que se trata dun ministerio que esixe a plenitude do testemuño cristián e que as decisións sobre este punto en concreto se deixan para a lexislación particular”, (cfr. El padrino del Bautismo y su recuperación jurídico Pastoral, en Revista Española de Derecho Canónico 61 (2004) 51). As esixencias canónicas e a situación de coherencia de vida afecta a padriño e madriña, non sendo suficiente que as teña só un.
Trátase de recupera-la figura do padriñado para que deixe de ser mera convención social e recobre o sentido relixioso e cristián. É necesario que ó longo do ano o párroco recorde nas exhortacións ós fieis estas condicións que pide a Igrexa e que llelas faga presentes ós pais cando soliciten o bautismo para un fillo.
d) Verificación da incongruencia de vida nalgúns casos.- Cando haxa un rumor público de que a persoa proposta para padriño/madriña está levando “unha vida que non é congruente coa fe (católica) e coa misión que vai asumir” (c. 876.1º-3º) procede que o sacerdote actúe coa conveniente delicadeza no diálogo con esa persoa. Á persoa afectada corresponde probar de xeito adecuado a inexactitude deses comentarios. Se persiste a dúbida, o Sr. Cura remitirá a cuestión ao Sr. Vicario Territorial respectivo ou ao Sr. Vicario Xeral, por se deciden solicitar outras probas antes de tomar a resolución.
OBSERVACIÓNS:
1ª) Aportar documentación.- De cara a previr situacións anómalas, cómpre que o sacerdote, cando non teña coñecemento directo dos propostos para padriño ou madriña, recabe a presentación das pertinentes certificacións bautismais na Igrexa Católica e asemade solicite testemuño da súa vivencia relixiosa. Procure facer estas peticións coa debida antelación á celebración do bautismo5.
2ª) Evitar situacións equívocas.- Parece ser que nalgunha ocasión, coa finalidade de compracer peticións das familias, algún sacerdote transixe que “unha persoa que non reúne as condicións requiridas polas disposicións da Igrexa para ser padriño ou madriña, se coloque á beira dos pais e do neófito semellando ser padriño ou madriña”. Non cabe dúbida que a veracidade do acto sacramental e a necesidade de afastar situacións equívocas para os fieis participantes na celebración, esixen que esa forma de actuar sexa rexeitada con total claridade, xa que esta solución atópase fóra das previsións que contempla o c. 874.2.
3ª) Número de padriños/madriñas.- O c. 873 do Código de Dereito Canónico é taxativo e claro neste punto: “Téñase un só padriño ou unha soa madriña, ou un e unha”. Por conseguinte cómpre respectar esta norma e o ministro do sacramento debe rexeitar con claridade aquelas peticións que se lle podan presentar para que admita varios padriños/madriñas. É esta un costume que provén do norte de Europa e de Confesións xurdidas da Reforma do século XVI, pero que non ten consistencia no Dereito Canónico. Para evitar confusións respéctese o normado na observación anterior con relación á colocación do padriño/madriña durante a cerimonia, evitando situacións dubidosas. Tamén recordar que os “padriños” nas vodas non teñen un oficio canónico, senón que son reflexo sociolóxico y e non lles afecta a normativa codicial.
Calendario. Cada parroquia establecerá, conforme ás súas características, un calendario de celebracións, do que debe informar ós fieis, sinalando os días e as horas dos bautismos. Se algunha familia pide outra data ou outra hora distintas das previstas, estúdense con obxectividade e comprensión as razóns aducidas.
Situacións especiais da fe ou vida dos pais. As situacións especiais que aquí se contemplan refírense a aqueles casos nos que os que piden o bautismo para os fillos son pais pouco crentes ou practicantes só ocasionais, ou persoas que viven nunha situación canónica irregular, ou que incluso se manifestan ou declaran non crentes.
Para proceder á celebración do bautismo no contexto destas situacións especiais, a Igrexa debe ter “esperanza fundada de que o neno vai ser educado na relixión católica; se falta por completo esa esperanza, debe diferirse o bautismo, conforme ás disposicións do dereito particular, facéndolles sabe-la razón ós pais” (c. 868, 1-2º). No diálogo cos pais convén deixar claro que a negativa non é unha sanción nin unha coacción, senón unha invitación a reflectir sobre a incoherencia entre as actitudes ou vida persoal deles e a petición do bautismo para o fillo.
Os nenos son bautizados na fe da Igrexa. Non cabe, logo, negalo bautismo cando existe unha promesa seria dun membro da familia, máxime se ten a conformidade dos pais, ou cando unha persoa cualificada da comunidade asume ese compromiso (cfr. Congregación para a Doutrina da Fe, Instrución para o Bautismo dos nenos, de 30 de outubro de
1.980 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, xaneiro 1.981, pp. 30-42).
Se acaso algún deles ou os dous, non poden, por fidelidade á propia conciencia, facer profesión de fe, chegado ese momento na celebración, deben gardar silencio. Neste caso, só se lle pide que cando presente o fillo para ser bautizado, prometa seriamente que non se opoñerá a que o fillo sexa educado na fe católica. Sería conveniente que no arquivo parroquial quede proba documental desta promesa asinada polos pais.
En resume: a acollida cordial e o diálogo sereno son presupostos esenciais neste punto. O sacerdote tratará de evitar dous extremos igualmente malos: o dunha permisividade que pasa por todo, e o dunha intransixencia total que se contradí cunha actitude de acollida evanxélica. Se o párroco prevé que o caso é complexo, cómpre que considere esa situación co respectivo Vicario Episcopal (cfr. Directorio Diocesano, nº 6).
Asento bautismal. a) Situacións irregulares. Nos casos en que non consta suficientemente o matrimonio canónico dos pais entre si, para que exista a adecuada concordancia entre o asento parroquial e o Rexistro Civil, cómpre que o párroco solicite dos pais que aporten certificación literal de nacemento do neno/a expedida polo Rexistro Civil, antes de face-lo asento no libro de bautizados.
b) Adopción. Para aplicar correctamente o canon 877,3 e o Artigo 9 do Primeiro Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113) no referente tanto ó asento dos nenos que no momento de seren adoptados non estaban bautizados, como á modificación do asento bautismal se xa estaban bautizados cando se produciu
a adopción, os sacerdotes enviarán á Vicaría Xeral a documentación civil da adopción acompañada dun escrito explicativo desa situación, e ateranse á resolución que dite a Vicaría Xeral. Débese lembrar que os datos da adopción son confidenciais e o acceso ós mesmos debe estar xustificado por quen teña un interese lexítimo, circunstancia que require o permiso escrito do Ordinario do lugar.
c) Inscricións de Bautismos “sen datos de familia”.- Xorden con algunha frecuencia casos de peticións de Bautismo para nenos que foron recibidos por unha familia “en réxime de acollemento familiar”, isto é, sen que haxa unha sentencia firme de adopción. Nestes casos, si o solicita a familia “acolledora” abrirase un expediente en Vicaría Xeral para considerar as diversas posibilidades. O asentamento do Bautismo farase sen reseñar os apelidos da familia “acolledora”, porque aínda non hai sentencia firme de adopción. Celebrado o bautismo, inscribirase no libro correspondente o nome, data de nacemento, lugar de nacemento, data de Bautismo, ministro e padriños da celebración. En nota marxinal farase constar “que este neno/a atópase en réxime de acollemento familiar”. Logo, cando haxa a adopción plena, será tramitado no Arcebispado o correspondente expediente de cara a “completa-los datos da inscrición bautismal”. Estas advertencias, cómpre darllas a coñecer á familia acolledora.
d) Verificación da data de nacemento.- Coa finalidade de evitar errores de transcrición, procede que, cando os pais soliciten o día do bautismo, o sacerdote que os atenda recabe dos mesmos fotocopia do Libro de Familia ou mellor o certificado literal de nacemento. Deste xeito conservarase a debida harmonía de datos no Rexistro Secular e no Eclesiástico, o que redundará nunha maior seguridade xurídica.
1.1.1. b) Sacramento do Bautismo de persoas maiores de sete anos.
O Boletín Oficial del Arcebispado correspondente ó mes de febreiro do ano 2003, pp. 130-152 (texto en castelán e en galego), recolle as disposicións que conteñen as “ORIENTACIÓNS PARA A INICIACIÓN CRISTIÁ DE PERSOAS MAIORES DE SETE ANOS NON BAUTIZADAS”. Estas disposicións contemplan as seguintes situacións: a) Persoas maiores de 18 anos; b) Adolescentes e mozos de 13 a 18 anos; c) Nenos/as entre 7 e 13 anos. Cómpre coñecelo e aplicalo, debendo ser materia de reflexión nos arciprestados.
A LXXXIII Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española
aprobou o día 26 de novembro de 2004 as “ORIENTACIONES PASTORALES PARA LA INICIACIÓN CRISTIANA DE NIÑOS NO BAUTIZADOS EN SU INFANCIA”. Importante documento que é necesario coñecer de cara a unha correcta aplicación e configuración do catecumenado de nenos non bautizados que sobrepasan os sete anos.
1.1.1.c) Orientacións para a atención pastoral dos católicos orientais en España.
A LXXXI Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española na súa reunión celebrada nos días 17-21 de Novembro de 2003 aprobou unhas “ORIENTACIÓNS” de cara a presta-la pertinente atención relixiosa-pastoral ós católicos orientais residentes en España e que teñen dificultades para acceder ós sacerdotes do seu propio rito. Estas disposicións regulamentan a celebración dos sacramentos e, asemade, outras actividades. Dada a mobilidade da xente nos nosos tempos, cómpre que estas “ORIENTACIÓNS” sexan debidamente estudiadas polos sacerdotes na súas reunións mensuais de cara a facer unha correcta e respectuosa aplicación das mesmas. O texto atópase publicado no Boletín Oficial deste Arcebispado correspondente ó mes de Decembro do ano 2003, pp. 587-597.
Nota importante.- Bautismo de nenos/ás provenientes do estranxeiro e/ou doutras partes de España. Deberanse cumprir os seguintes requisitos:
1.- Solicitude asinada polo pai e a nai: nomes e apelidos; número de DNI ou Pasaporte; lugar de nacemento; parroquia de residencia e nome do Sr. Cura Párroco; obxecto da petición e razóns que presentan para que o bautismo se celebre na parroquia sinalada.
2.- Estado civil: Se están casados: certificación literal do matrimonio, tanto civil coma da Igrexa (caso de haber matrimonio canónico). Se non están casados, achegar Certificado de Vida e Estado (ou similar, se proceden do estranxeiro).
3.- Preparación catequética dos pais: Será impartida na parroquia do seu domicilio e constará mediante unha acreditación do Sr. Cura Párroco desta.
4.- Autorización: o Sr. Cura Párroco do domicilio dos pais dará a autorización para que o bautismo se celebre na parroquia proposta polos pais do neno/a pertencente á Diocese de Santiago de Compostela.
5.- Padriños: Declaración e proba documental de que os padriños reúnen as condicións que esixe a Igrexa Católica no apartado 1 do c.
874 do Código de Dereito Canónico.
6.- Compromiso: os pais formularán por escrito (ou a parte católica) o compromiso de preocuparse pola formación relixiosa e catequética do neno/a e que non poñerán impedimento para que o fillo/a reciba a catequese cos demais nenos e adolescentes da parroquia.
7.- Párroco ou sacerdote encargado da parroquia na cal se desexa celebrar o bautismo: este sacerdote non comprometerá nin autorizará a celebración dese bautismo mentres non teña a autorización da Vicaría Xeral.
8.- Documentación a Vicaría Xeral.- Toda a documentación salientada nos apartados anteriores estará na Vicaría Xeral do Arcebispado de Santiago de Compostela, polo menos, tres meses antes da data desexada para o bautismo, a cal non será firme ata tanto a documentación non sexa aprobada polo Sr. Vicario Xeral. Así mesmo, a documentación proveniente tanto do estranxeiro coma doutras partes de España virá legalizada pola Autoridade competente.