Con relación á problemática que se está presentando nestes cemiterios, é necesario que os señores curas con cargo parroquial recorden os seguintes aspectos da vixente lexislación:
3.1.- Lexislación canónica. Está contida nos cc. 1240-1243 do vixente Código de Dereito Canónico e nas Normas Xerais sobre cemiterios parroquiais da diocese de Santiago de Compostela (cfr. BOAS de Santiago de Compostela, 1981, 290-295). Resúmese o máis principal:
a) Para que un cemiterio poida tela condición de cemiterio parroquial católico debe cumpri-los seguintes requisitos: que o terreo sexa propiedade da Igrexa Católica; que reúna as condicións esixidas tanto pola lexislación canónica como pola civil vixente en cada momento; sexa administrado, coidado e conservado baixo a vixilancia da Igrexa.
b) Non se autorizará a construción ou ampliación dun cemiterio parroquial en terreos de propiedade de persoas, institucións ou asociacións distintas da Igrexa parroquial ou diocesana. Tampouco se autorizará a construción dun cemiterio parroquial en terreos cedidos por testamento ou con promesa de entrega ou en masas comúns procedentes da Concentración Parcelaria ou similares, mentres a Igrexa non adquira a plena posesión dos mesmos. Así mesmo non será autorizada a construción de panteóns ou de sepulturas soterradas en terreos particulares, anexos ó cemiterio, co fin de incorporalos posteriormente.
c) A administración dos cemiterios parroquiais correspóndelle ó Párroco, asistido polo consello parroquial de economía. A asesoría técnica é competencia da Delegación Diocesana de Economía e da Comisión de Arte Sacra. O párroco e o consello parroquial darán as oportunas orientacións para a conservación e o coidado dos cemiterios, determinando os achegamentos económicos dos propietarios de panteóns.
d) Para a construción, ampliación ou reforma dun cemiterio parroquial requírese a licenza escrita do Ordinario, previos os trámites
que contempla o art. 13, apartados 2 e 3, das Normas Xerais da diocese.
e) A concesión de títulos de usufruto axustarase ós arts. 15-18 das Normas Xerais da diocese. As solicitudes serán firmadas directamente polos propios interesados; esta esixencia administrativa trata de evitar ulteriores reclamacións, como, p.e. “que o párroco non transmitiu axeitadamente a petición do solicitante”, etc. No informe, o sacerdote encargado do cemiterio parroquial especificará o número da parcela que se constrúe, e elaborará, se non o ten xa presentado na Curia, un sinxelo plano do cemiterio no que se detallen as parcelas ocupadas, as edificables, e as que deben quedar libres.
f) Cando a construción ou ampliación do cemiterio se leve a cabo en terreos pertencentes a fincas do igrexario, o importe dos solares dos panteóns e/o das sepulturas soterradas pasará ó Instituto para o sostemento dos cregos, aínda que para a fábrica do templo poderá ser incorporada unha cantidade adicional.
3.2.- Lexislación Civil.- Con data 11 de decembro do ano 2014, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o novo Decreto da Consellería de Sanidade (Decreto 151/2014, do 20 de novembro de Sanidade Mortuoria de Galicia), e que xa está en vigor a partir do 12 de xaneiro deste ano 2015, derrogando o Decreto 134/1998, do 23 de abril. O Boletín do Arcebispado do mes de xaneiro 2015, na sección do poder civil (pp. 91-109), publica o que atinxe especificamente á lexislación sobre cemiterios.
O preámbulo do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, remarca: “Nesta liña, é necesario destacar o papel que desenvolveron os cemiterios parroquiais, a gran maioría dos cales datan de épocas moi anteriores a calquera normativa reguladora, o que produciu non poucas incidencias na aplicación desta, xa que as características daqueles non resultan de doada modificación ou adaptación a criterios técnicos, ao situarse en espazos con moitas limitacións espaciais, de conservación patrimonial e de desenvolvemento potencial.
Estes factores, limitacións e usos abriron progresivamente unha brecha entre a realidade social e a normativa, que en moitas ocasións precisou do pronunciamento xudicial para restablecer a necesaria correlación entre os mínimos criterios sanitarios e as necesidades e usos sociais.
No presente decreto supérase a anterior distinción entre cemiterios parroquiais, confesionais e particulares, entendendo que o determinante dende o punto de vista xurídico é o uso da instalación o que debe prevalecer e ser examinado, máis alá da súa consideración como confesional ou non”. O futuro dirá se esta unificación normativa foi acertada ou non, en virtude do principio filosófico xurídico quen distingue non confunde.
3.3- Conceptos: Seguidamente faise un breve resumo de conceptos referenciando os artigos do Decreto:
Artigo. 1.c (O Decreto ten tamén por obxecto fixar) “as condicións técnico sanitarios que teñen que cumprir os cemiterios e demais luga- res de enterramentos”.
O art.º 2 norma as inspeccións para os cemiterios.
1. As funerarias, tanatorios, velorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de medios ou prácticas sanitarias sobre cadáveres, po- derán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.
2. Estableceranse programas de vixilancia dos devanditos establecementos para os efectos de comprobar o cumprimento das especifica- cións do presente regulamento.
O art.º 3 concreta diversas definicións, das que se subliña:
“1. Ampliación dun cemiterio: incremento da capacidade de enterramentos que leva consigo a extensión fora dos seus muros de peche, de maneira que o recinto orixinal e a ampliación formen unha unidade.
2. Cemiterio: o recinto pechado adecuado para inhumar restos humanos, que conta coa oportuna licenza municipal e demais requisitos regulamentarios. Dentro dos seus límites poderán existir instalacións ou establecementos funerarios descritos neste decreto.
3. Cinceiro: depósito para os restos cadavéricos.
4. Cinzas: o que queda dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos tras a incineración.
5. Columbarios: depósitos para urnas coas cinzas procedentes da incineración.
6. Sepultura: calquera lugar destinado á inhumación dun cadáver ou restos humanos dentro dun cemiterio ou lugar de enterramento es- pecial autorizado. Inclúense neste concepto:
a) Foxas: escavacións practicadas directamente en terra.
b) Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.
35. Velorios: establecementos para a exposición de cadáveres que contan cos requisitos regulamentarios”.
“Artigo 22. Exhumación e reinhumación
1. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade autorizarán a exhumación e transporte de cadáveres do grupo
2º do artigo 4 para a súa reinhumación no mesmo cemiterio utilizando féretro común, ou en cemiterio distinto empregando para iso hucha de traslado. O mesmo sucederá no caso de restos cadavéricos, que poderán ser depositados en caixas de restos. En caso de que o destino final sexa a incineración, utilizarase féretro común ou de incineración.
2. A tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo III (SA666A) á persoa titular da xefatura territorial correspon- dente da consellería competente en materia de sanidade, acompañando a partida de defunción literal do cadáver que se pretenda exhumar e o xus- tificante de pagamento da taxa.
3. Cando exista ou existise un procedemento xudicial en relación ao falecemento, terá que solicitarse previamente a autorización xudicial.
Artigo 23. Incineración de cadáveres
1. A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, a excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.
2. As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas destinadas ao efecto, figurando obrigatoriamente no exterior o nome do defunto, e serán entregadas á familia ou ao seu representante legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes”.
3.4.- Problemática recente nalgunhas ampliacións. – Preséntase cando as ampliacións se proxectan en masas comúns ou fondos provenientes da concentración parceira. Nestes casos as administracións civís veñen acudindo á figura xurídica dunha “cesión-concesión demanial” que como máximo podería chegar aos 75 anos (cfr. Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das Facendas Públicas, especialmente nos artigos 67, 71, 93, 137 e art.º 77 do R. D. 1372/1986, do 13 de xuño).
Esta cesión-concesión neses termos oponse á praxe tradicional e á normativa diocesana que vén esixindo dende tempo inmemorial “que o cemiterio parroquial novo e/ou a ampliación se faga en terreo que sexa de titularidade dominical da Igrexa Católica”. Proseguirase a reflexión doutrinal sobre este tema novo.