1. PARTE SACRAMENTAL
-
Sacramentos da iniciación cristiá
O Directorio dos Sacramentos de Iniciación Cristiá, promulgado na nosa diocese o ano 1997, determina con amplitude os principios doutrinais e as disposicións normativas que se deberán ter en conta nas celebracións e nas etapas preparatorias. Aquí explicítanse soamente algúns aspectos de máis inmediata aplicación.
1.1.1- SACRAMENTO DO BAUTISMO
1.1.1. a) Sacramento do Bautismo de persoas menores de sete anos.
Preparación. A celebración do sacramento deberá estar precedida dunha preparación dos pais, que tamén se debería ampliar ós padriños. Para iso poden ser útiles: visitas domiciliarias, encontros na igrexa, reunións familiares, entregas de folletos, libros, catecismos, etc. O Ritual do Bautismo de nenos ofrece material para explica-lo “ministerio e as funcións dos pais no bautismo dos fillos”.
Padriños. “Para que a graza bautismal poida desenvolverse é importante a axuda dos pais. Ese é tamén o papel do padriño ou da madriña, que deben ser crentes sólidos, capaces e prestos a axudar ao bautizado, neno ou adulto, no seu camiño da vida cristiá. A súa tarefa é unha verdadeira función eclesial (officium). Toda a comunidade eclesial participa da responsabilidade de desenvolver e gardar a graza recibida no bautismo” (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1255). Seguidamente fanse unhas consideracións:
a) Vertente pastoral.- Está ben contemplada nos números 17, 18 e 20 das Orientacións Doutrinais e Pastorais do Ritual do Bautismo de Nenos: “o padriño intervén na celebración do Bautismo para profesar, xunto cos pais, a fe da Igrexa na que é bautizado o neno (número 17); “por tanto, é conveniente que o padriño elixido pola familia reúna a xuízo dos pastores, as calidades requiridas para que poida realizar os ritos que lle corresponden” (número 18); “os pais han de tomar en serio a elección de bos padriños para os seus fillos, a fin de que o padriñado non se converta nunha institución de puro trámite e formalismo. Non deben deixarse guiar unicamente por razóns de parentesco, amizade ou prestixio social, senón por un desexo sincero de asegurar ós seus fillos uns padriños que, pola súa idade, proximidade, formación e vida cristiás, sexan capaces de influír, no seu día, de xeito eficaz na educación cristiá daqueles” (número 20).
b) Vertente Canónica.- Está normada no canon 874.1: 1º) Que foxe elixido por quen vai a bautizarse ou polos pais do neno ou por quen ocupe o seu lugar, ou faltando estes, polo párroco ou ministro; e que teña capacidade para esta misión e intención de desempeñala; 2º) cumprise 16 anos, agás que o Bispo diocesano estableza outra idade, ou que, por causa xusta o párroco ou o ministro consideren admisible unha excepción; 3º) sexa católico, estea confirmado, teña recibido xa o santísimo Sacramento da Eucaristía, e leve, ó mesmo tempo, unha vida congruente coa fe e coa misión que vai desempeñar; 4º) non estea afectado por unha pena canónica, lexitimamente imposta ou declarada; 5º) non sexa o pai ou a nai do bautizando. Este mesmo canon no apartado 2 dispón: “o bautizado que pertence a unha comunidade eclesial non católica só pode ser admitido xunto cun padriño católico, e exclusivamente en calidade de testemuño do bautismo”.
Sen embargo, un cristián oriental ortodoxo pode ser padriño, xunto a outro católico, tal como consta no n. 98b do Directorio para a Aplicación dos Principios e Normas sobre Ecumenismo, do Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns, marzo de 1993: “Por razón da estreita comuñón existente entre a Igrexa católica e as Igrexas orientais ortodoxas, está permitido que por unha razón xusta se admita a un fiel oriental coma padriño ao mesmo tempo que un padriño católico (ou madriña católica) para o bautismo dun neno ou adulto católico, a condición de que se provea de xeito suficiente á educación do bautizado e que sexa recoñecida a idoneidade do padriño.”
c) Aplicacións desde a doutrina para a congruencia coa fe: levar unha vida congruente coa fe significa estar vivindo, publicamente e privadamente, en conformidade coa Doutrina e Moral da Igrexa Católica; é vivir tódalas dimensións existenciais en conformidade coa fe. A este respecto o Prof. José San José Prisco comenta: “Polo que non deberán ser admitidos (coma padriño/madriña) os pecadores notorios e aquelas persoas que provocaron escándalo público pola súa vida ou conduta moral…; parécenos suficiente lembrar o principio xeral de que se trata dun ministerio que esixe a plenitude do testemuño cristián e que as decisións sobre este punto en concreto se deixan para a lexislación particular”, (cfr. El padrino del Bautismo y su recuperación jurídico Pastoral, en Revista Española de Derecho Canónico 61 (2004) 51). As esixencias canónicas e a situación de coherencia de vida afecta a padriño e madriña, non sendo suficiente que as teña só un.
Trátase de recupera-la figura do padriñado para que deixe de ser mera convención social e recobre o sentido relixioso e cristián. É necesario que ó longo do ano o párroco recorde nas exhortacións ós fieis estas condicións que pide a Igrexa e que llelas faga presentes ós pais cando soliciten o bautismo para un fillo.
d) Verificación da incongruencia de vida nalgúns casos.- Cando haxa un rumor público de que a persoa proposta para padriño/madriña está levando “unha vida que non é congruente coa fe (católica) e coa misión que vai asumir” (c. 876.1º-3º) procede que o sacerdote actúe coa conveniente delicadeza no diálogo con esa persoa. Á persoa afectada corresponde probar de xeito adecuado a inexactitude deses comentarios. Se persiste a dúbida, o Sr. Cura remitirá a cuestión ao Sr. Vicario Territorial respectivo ou ao Sr. Vicario Xeral, por se deciden solicitar outras probas antes de tomar a resolución.
OBSERVACIÓNS:
1ª) Aportar documentación.- De cara a previr situacións anómalas, cómpre que o sacerdote, cando non teña coñecemento directo dos propostos para padriño ou madriña, recabe a presentación das pertinentes certificacións bautismais na Igrexa Católica e asemade solicite testemuño da súa vivencia relixiosa. Procure facer estas peticións coa debida antelación á celebración do bautismo.
2ª) Evitar situacións equívocas.- Parece ser que nalgunha ocasión, coa finalidade de compracer peticións das familias, algún sacerdote transixe que “unha persoa que non reúne as condicións requiridas polas disposicións da Igrexa para ser padriño ou madriña, se coloque á beira dos pais e do neófito semellando ser padriño ou madriña”. Non cabe dúbida que a veracidade do acto sacramental e a necesidade de afastar situacións equívocas para os fieis participantes na celebración, esixen que esa forma de actuar sexa rexeitada con total claridade, xa que esta solución atópase fóra das previsións que contempla o c. 874.2.
3ª) Número de padriños/madriñas.- O c. 873 do Código de Dereito Canónico é taxativo e claro neste punto: “Téñase un só padriño ou unha soa madriña, ou un e unha”. Por conseguinte cómpre respectar esta norma e o ministro do sacramento debe rexeitar con claridade aquelas peticións que se lle podan presentar para que admita varios padriños/madriñas. É esta un costume que provén do norte de Europa e de Confesións xurdidas da Reforma do século XVI, pero que non ten consistencia no Dereito Canónico. Para evitar confusións respéctese o normado na observación anterior con relación á colocación do padriño/madriña durante a cerimonia, evitando situacións dubidosas. Tamén recordar que os “padriños” nas vodas non teñen un oficio canónico, senón que son reflexo sociolóxico y e non lles afecta a normativa codicial.
Calendario. Cada parroquia establecerá, conforme ás súas características, un calendario de celebracións, do que debe informar ós fieis, sinalando os días e as horas dos bautismos. Se algunha familia pide outra data ou outra hora distintas das previstas, estúdense con obxectividade e comprensión as razóns aducidas.
Situacións especiais da fe ou vida dos pais. As situacións especiais que aquí se contemplan refírense a aqueles casos nos que os que piden o bautismo para os fillos son pais pouco crentes ou practicantes só ocasionais, ou persoas que viven nunha situación canónica irregular, ou que incluso se manifestan ou declaran non crentes.
Para proceder á celebración do bautismo no contexto destas situacións especiais, a Igrexa debe ter “esperanza fundada de que o neno vai ser educado na relixión católica; se falta por completo esa esperanza, debe diferirse o bautismo, conforme ás disposicións do dereito particular, facéndolles sabe-la razón ós pais” (c. 868, 1-2º). No diálogo cos pais convén deixar claro que a negativa non é unha sanción nin unha coacción, senón unha invitación a reflectir sobre a incoherencia entre as actitudes ou vida persoal deles e a petición do bautismo para o fillo.
Os nenos son bautizados na fe da Igrexa. Non cabe, logo, nega-lo bautismo cando existe unha promesa seria dun membro da familia, máxime se ten a conformidade dos pais, ou cando unha persoa cualificada da comunidade asume ese compromiso (cfr. Congregación para a Doutrina da Fe, Instrución para o Bautismo dos nenos, de 30 de outubro de 1.980 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, xaneiro 1.981, pp. 30-42).
Se acaso algún deles ou os dous, non poden, por fidelidade á propia conciencia, facer profesión de fe, chegado ese momento na celebración, deben gardar silencio. Neste caso, só se lle pide que cando presente o fillo para ser bautizado, prometa seriamente que non se opoñerá a que o fillo sexa educado na fe católica. Sería conveniente que no arquivo parroquial quede proba documental desta promesa asinada polos pais.
En resume: a acollida cordial e o diálogo sereno son presupostos esenciais neste punto. O sacerdote tratará de evitar dous extremos igualmente malos: o dunha permisividade que pasa por todo, e o dunha intransixencia total que se contradí cunha actitude de acollida evanxélica. Se o párroco prevé que o caso é complexo, cómpre que considere esa situación co respectivo Vicario Episcopal (cfr. Directorio Diocesano, nº 6).
Asento bautismal. a) Situacións irregulares. Nos casos en que non consta suficientemente o matrimonio canónico dos pais entre si, para que exista a adecuada concordancia entre o asento parroquial e o Rexistro Civil, cómpre que o párroco solicite dos pais que aporten certificación literal de nacemento do neno/a expedida polo Rexistro Civil, antes de face-lo asento no libro de bautizados.
b) Adopción. Para aplicar correctamente o canon 877,3 e o Artigo 9 do Primeiro Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113) no referente tanto ó asento dos nenos que no momento de seren adoptados non estaban bautizados, como á modificación do asento bautismal se xa estaban bautizados cando se produciu a adopción, os sacerdotes enviarán á Vicaría Xeral a documentación civil da adopción acompañada dun escrito explicativo desa situación, e ateranse á resolución que dite a Vicaría Xeral. Débese lembrar que os datos da adopción son confidenciais e o acceso ós mesmos debe estar xustificado por quen teña un interese lexítimo, circunstancia que require o permiso escrito do Ordinario do lugar.
c) Inscricións de Bautismos “sen datos de familia”.- Xorden con algunha frecuencia casos de peticións de Bautismo para nenos que foron recibidos por unha familia “en réxime de acollemento familiar”, isto é, sen que haxa unha sentencia firme de adopción. Nestes casos, si o solicita a familia “acolledora” abrirase un expediente en Vicaría Xeral para considerar as diversas posibilidades. O asentamento do Bautismo farase sen reseñar os apelidos da familia “acolledora”, porque aínda non hai sentencia firme de adopción. Celebrado o bautismo, inscribirase no libro correspondente o nome, data de nacemento, lugar de nacemento, data de Bautismo, ministro e padriños da celebración. En nota marxinal farase constar “que este neno/a atópase en réxime de acollemento familiar”. Logo, cando haxa a adopción plena, será tramitado no Arcebispado o correspondente expediente de cara a “completa-los datos da inscrición bautismal”. Estas advertencias, cómpre darllas a coñecer á familia acolledora.
d) Verificación da data de nacemento.- Coa finalidade de evitar errores de transcrición, procede que, cando os pais soliciten o día do bautismo, o sacerdote que os atenda recabe dos mesmos fotocopia do Libro de Familia ou mellor o certificado literal de nacemento. Deste xeito conservarase a debida harmonía de datos no Rexistro Secular e no Eclesiástico, o que redundará nunha maior seguridade xurídica.
1.1.1. b) Sacramento do Bautismo de persoas maiores de sete anos.
O Boletín Oficial del Arcebispado correspondente ó mes de febreiro do ano 2003, pp. 130-152 (texto en castelán e en galego), recolle as disposicións que conteñen as “ORIENTACIÓNS PARA A INICIACIÓN CRISTIÁ DE PERSOAS MAIORES DE SETE ANOS NON BAUTIZADAS”. Estas disposicións contemplan as seguintes situacións: a) Persoas maiores de 18 anos; b) Adolescentes e mozos de 13 a 18 anos; c) Nenos/as entre 7 e 13 anos. Cómpre coñecelo e aplicalo, debendo ser materia de reflexión nos arciprestados.
A LXXXIII Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española aprobou o día 26 de novembro de 2004 as “ORIENTACIONES PASTORALES PARA LA INICIACIÓN CRISTIANA DE NIÑOS NO BAUTIZADOS EN SU INFANCIA”. Importante documento que é necesario coñecer de cara a unha correcta aplicación e configuración do catecumenado de nenos non bautizados que sobrepasan os sete anos.
1.1.1.c) Orientacións para a atención pastoral dos católicos orientais en España.
A LXXXI Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española na súa reunión celebrada nos días 17-21 de Novembro de 2003 aprobou unhas “ORIENTACIÓNS” de cara a presta-la pertinente atención relixiosa-pastoral ós católicos orientais residentes en España e que teñen dificultades para acceder ós sacerdotes do seu propio rito. Estas disposicións regulamentan a celebración dos sacramentos e, asemade, outras actividades. Dada a mobilidade da xente nos nosos tempos, cómpre que estas “ORIENTACIÓNS” sexan debidamente estudiadas polos sacerdotes na súas reunións mensuais de cara a facer unha correcta e respectuosa aplicación das mesmas. O texto atópase publicado no Boletín Oficial deste Arcebispado correspondente ó mes de Decembro do ano 2003, pp. 587-597.
Nota importante. – Bautismo de nenos/ás provenientes do estranxeiro e/ou doutras partes de España. Deberanse cumprir os seguintes requisitos:
1.- Solicitude asinada polo pai e a nai: nomes e apelidos; número de DNI ou Pasaporte; lugar de nacemento; parroquia de residencia e nome do Sr. Cura Párroco; obxecto da petición e razóns que presentan para que o bautismo se celebre na parroquia sinalada.
2.- Estado civil: Se están casados: certificación literal do matrimonio, tanto civil coma da Igrexa (caso de haber matrimonio canónico). Se non están casados, achegar Certificado de Vida e Estado (ou similar, se proceden do estranxeiro).
3.- Preparación catequética dos pais: Será impartida na parroquia do seu domicilio e constará mediante unha acreditación do Sr. Cura Párroco desta.
4.- Autorización: o Sr. Cura Párroco do domicilio dos pais dará a autorización para que o bautismo se celebre na parroquia proposta polos pais do neno/a pertencente á Diocese de Santiago de Compostela.
5.- Padriños: Declaración e proba documental de que os padriños reúnen as condicións que esixe a Igrexa Católica no apartado 1 do c. 874 do Código de Dereito Canónico.
6.- Compromiso: os pais formularán por escrito (ou a parte católica) o compromiso de preocuparse pola formación relixiosa e catequética do neno/a e que non poñerán impedimento para que o fillo/a reciba a catequese cos demais nenos e adolescentes da parroquia.
7.- Párroco ou sacerdote encargado da parroquia na cal se desexa celebrar o bautismo: este sacerdote non comprometerá nin autorizará a celebración dese bautismo mentres non teña a autorización da Vicaría Xeral.
8.- Documentación a Vicaría Xeral.- Toda a documentación salientada nos apartados anteriores estará na Vicaría Xeral do Arcebispado de Santiago de Compostela, polo menos, tres meses antes da data desexada para o bautismo, a cal non será firme ata tanto a documentación non sexa aprobada polo Sr. Vicario Xeral. Así mesmo, a documentación proveniente tanto do estranxeiro coma doutras partes de España virá legalizada pola Autoridade competente.
-
SACRAMENTO DA CONFIRMACIÓN
Idade. O costume da Igrexa de Rito Latino, dende hai séculos, indica “a idade do uso de razón”, como punto de referencia para recibir a confirmación. Non obstante, en perigo de morte, débese confirmar os nenos mesmo se non alcanzaron aínda a idade do uso de razón (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1307).
O c. 891 do vixente Código de Dereito Canónico norma que o Sacramento da Confirmación se debe administrar ós fieis ó redor da idade da discreción, a non ser que a Conferencia Episcopal determine outra idade ou aparezan circunstancias de perigo de morte ou outra causa grave.
No desenvolvemento deste c. 891, a Conferencia Episcopal Española establece como idade para recibi-lo Sacramento da Confirmación a situada ó redor dos 14 anos (cfr. BOCEE 1, 1984, 95-113).
O Directorio dos Sacramentos da Iniciación Cristiá da nosa diocese no n.º 3.7, na parte dedicada ao sacramento da confirmación, exprésase así: “non obstante, valorando a realidade e práctica habitual da nosa diocese,» este Directorio propón como momento idóneo para recibir este sacramento entorno aos dezaseis anos, co fin de que o mozo teña oportunidade de adquirir un nivel máis alto de decisión persoal”.
Preparación. O Directorio Diocesano distingue diversos supostos en función dos que procede arbitra-la catequese dos confirmandos. Esta catequese debe levar a un meirande crecemento da fe, a unha certa experiencia de oración persoal e comunitaria, a unha vivencia máis intensa da Penitencia e da Eucaristía, sobre todo pola participación na Misa dominical, e a unha axeitada formación da conciencia moral e do compromiso social. Para que esta preparación sexa máis profunda, convén que se imparta ó longo de dous cursos. E, salvo situacións de persoas maiores que foron quedando “descolgadas” de celebracións anteriores, debe evitarse a preparación en forma de “cursiños acelerados”. Considérese, non obstante, como preparación normal, a descrita polo Directorio Diocesano (cfr. Directorio Diocesano, nº 3.6).
Téñase especial coidado en integra-los mozos confirmados en grupos xuvenís para prosegui-lo seu crecemento na fe e incorporalos a diversas tarefas pastorais e apostólicas.
Lugar. O lugar propio da celebración deste sacramento é a igrexa parroquial na que o confirmando recibiu a preparación. Se esta preparación se quere levar a cabo en algún Colexio da Igrexa Católica ou de tipo confesional e desexen celebra-lo sacramento nas dependencias do mesmo, deberán solicita-la oportuna autorización ó respectivo Vicario Territorial, especificando o modo e o tempo da celebración así como a conexión coa parroquia do confirmando. Esta autorización debe ser solicitada antes de comeza-la preparación e no desenrolo da mesma serán tidos en conta os criterios subliñados no Directorio Diocesano da Iniciación Cristiá e mailas indicacións provenientes da parroquia.
Padriños. Os padriños dos confirmandos deberán reuni-las mesmas cualidades relixioso-morais que se esixen para seren padriños no bautismo. É conveniente que os párrocos traten de coñecer coa debida antelación os “padriños propostos” para evitar sorpresas desagradables de última hora. Procedería ir institucionalizando unha preparación catequética para pais e padriños dos confirmandos, así como a información ós confirmandos xa no empezo da preparación con total claridade acerca das condicións ou requisitos do vixente Ordenamento Canónico para ser padriños neste sacramento. Ler con atención a observación 3ª nos padriños do Bautismo.
De cara a previr situacións anómalas, cómpre que o sacerdote, cando non teña coñecemento directo dos propostos para padriño ou madriña, recabe a presentación das pertinentes certificacións bautismais na Igrexa Católica. Procure facer esta petición coa debida antelación á celebración da confirmación1. O canon 876, cando no se constata o asento, norma o procedemento para probar a recepción do mesmo. Nesta situación acudir a Vicaría Xeral e facer o pertinente expediente declarativo. Non son suficientes avais os testemuños dalgúns sacerdotes manifestando “que el ten a certeza moral do feito da Confirmación”.
Ministro. Cómpre recordar que na Igrexa Católica de rito latino só o Bispo é ministro ordinario do sacramento da confirmación (c. 882 do vixente CIC); para que poida administrar este sacramento un presbítero necesita ter unha facultade especial que é concedida ou polo propio dereito ou ben pola autoridade competente. No primeiro caso, o dereito contempla estas tres posibilidades: a) presbítero equiparado ó Bispo diocesano, a tenor do c. 381 cos seus concordantes; b) presbítero que por razón do seu cargo ou por mandato do Bispo administra o sacramento do Bautismo a un que sobrepasou a idade da infancia ou é admitido á plena comuñón da Igrexa Católica cando foi bautizado noutra Igrexa ou Confesión cristiá; c) atoparse un fregués ou un fiel en perigo de morte. No segundo caso, concede esta facultade a autoridade competente a algún o algúns presbíteros (p.e., na nosa diocese teñen esta facultade os Vicarios Episcopais perante o tempo que desempeñen este oficio canónico). Fóra das situacións anteriores o presbítero, aínda que sexa o párroco, non pode administra-la confirmación (cfr. tratamento deste apartado exposto mais longamente no BOA de Santiago de Compostela, decembro 2000, pp. 642-643).
Suplencia de preparación doutrinal. Aqueles confirmandos que non cursaron Formación Relixiosa Católica nos seus estudios deberán suplir esa carencia de formación doutrinal cunha preparación máis intensa e prolongada no tempo antes de seren admitidos á recepción do Sacramento da Confirmación.
Documentación. Procuren os párrocos recadar documentación suficiente do bautismo daqueles que non foron bautizados na propia parroquia e non admitan fregueses doutras parroquias, a non ser que fosen presentados polos párrocos respectivos e teñan recibido a preparación axeitada (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 1996, p. 682; ídem, decembro 1997, p. 596).
1.1.3. PRIMEIRA COMUÑÓN
A catequese de preparación para a Primeira Eucaristía é unha etapa importante na educación na fe do neno. Por iso non debe ser contemplada como un momento illado na vida, senón que debe ser inserida no proceso continuo de maduración da fe.
Idade. Respectando o normado nos cc. 913, 1 e 914 do vixente Código, o noso Directorio Diocesano recomenda celebra-la primeira Eucaristía ó redor dos 8-9 anos. (cfr. Directorio Diocesano nº 3.2. e). A celebración da Primeira Comuñón a idade temperán terá moi en consideración a vivencia da fe por parte dos pais.
Non é razón suficiente para adiantar ou retrasa-la participación nos Sacramentos o desexo familiar de que o reciban ó mesmo tempo varios irmáns. Cando se dea esta circunstancia é preferible que o irmán maior espere polo máis pequeno, se isto se pode facer sen grave prexuízo para a familia, pois cada neno convén que acceda á Primeira Eucaristía no momento máis oportuno do proceso de maduración da propia fe.
Preparación. A preparación catequética previa debe durar ordinariamente ao menos, dous cursos, con preferencia a que fosen tres. Durante ela háselle de facilitar ó neno unha meirande conciencia de inserción na parroquia e a necesaria continuidade da catequese no proceso global do crecemento cristián. Esta etapa da preparación é unha boa ocasión para lembrarlles ós pais a súa misión e a súa responsabilidade como educadores primeiros da fe dos fillos e para animalos a que eles mesmos sexan os catequistas, sempre que teñan a preparación axeitada. Con relación á duración e ós contidos véxase Directorio Diocesano… nº 3.2.
-
O párroco determinará a idade do comezo da preparación catequética e deixará constancia desto na propia ficha de inscrición.
Lugar da celebración. O lugar propio da celebración, así coma da preparación, é a parroquia na que vive o neno e seguirá, mentres resida nela, celebrando a fe de xeito habitual. Os colexios confesionais e os da Igrexa Católica han de animar ós seus alumnos e ós pais a que participen nas súas respectivas parroquias na catequese da infancia e na celebración dos primeiros sacramentos.
Admisión á Primeira Comuñón de nenos/as provenientes doutras parroquias.- Se por circunstancias especiais os pais queren que o seu fillo celebre a primeira comuñón noutra parroquia, é necesario que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Antes de acepta-la petición desa familia, o sacerdote da parroquia elixida debe poñer de modo inmediato ese feito en coñecemento do párroco da freguesía na que ese neno/a está asistindo á catequese, recabando o pertinente informe acerca da preparación e madurez humana e relixiosa do neno/a, coa constancia de que foi bautizado na Igrexa Católica.
b) O sacerdote da parroquia elixida, ademais de aplicar a ese neno/a os criterios programáticos que el ten nesa parroquia, debe respectar estritamente os cursos catequéticos sinalados na parroquia de orixe e os criterios comúns vixentes nela. O incumprimento deste punto conleva unha indebida intromisión nas actuacións pastorais do sacerdote elixido na parroquia do domicilio dese neno/a, e pode chegar a crear enfrontamentos con algúns fregueses.
c) O sacerdote da parroquia elixida debe manifestar xa no primeiro momento con toda claridade e precisión os puntos anteriores cando a familia solicitante lle pida a celebración da primeira comuñón, e non facelo nas vésperas da cerimonia ocasionando entón a esas persoas serios prexuízos.
Situacións especiais. A carencia de actitudes claras e moitas veces pouco coherentes nalgúns bautizados que piden a Primeira Comuñón para os fillos, fai difícil discernir entre o que é fe persoal e o que é costume social. Nestas circunstancias, o sacerdote acollerá sempre a persoa que pide o sacramento, procurará escoitala con espírito aberto e estará máis disposto a completa-lo que falta que a esixi-lo sen ofrecer axuda. Nos casos máis difíciles debe contrasta-lo seu proceder cos outros sacerdotes do arciprestado e co Vicario Episcopal respectivo.
Fillos de emigrantes. Os pais emigrados, coincidindo co período de vacacións na súa parroquia, adoitan pedir ó párroco da freguesía de orixe que os fillos poidan facer alí a Primeira Comuñón. No diálogo que se establece convén que este párroco recomende a eses fregueses que os nenos fagan a Primeira Comuñón cos seus compañeiros de clase e de catequese na parroquia onde residen habitualmente. Os cregos poden acceder á petición, sempre que lles conste por escrito que recibiron a axeitada preparación na parroquia de residencia e tomen parte na preparación inmediata que se organice na parroquia vacacional. Téñase presente que tanto estas normas coma outras deben ser interpretadas e aplicadas respectando sempre os dereitos que a lexislación xeral da Igrexa lles recoñece, neste caso segundo o c. 913,1. As programacións parroquiais deben estar enmarcadas dentro das normas do dereito común e do dereito diocesano, e deben ser comunicadas ós fieis coa debida antelación.
Comuñón de nenos discapacitados. Débese coidar con especial sensibilidade o achegamento ós nenos afectados destas minusvalías, prestándolles con delicadeza a catequese axeitada ás súas posibilidades, e tendo en conta que o Sacramento é un don de Deus expresivo tamén do amor da Igrexa a estes fillos seus.
Documentación. Ó mesmo tempo que se inscribe o neno na catequese, procede pedirlle ós pais a partida de bautismo ou documento suficientemente válido. A actual mobilidade da poboación, a aparición de familias descoñecidas na parroquia e o feito de que van quedando moitos nenos sen bautizar, fai necesario toma-las debidas precaucións.
1.2 SACRAMENTO DA PENITENCIA
“Os que se achegan ó sacramento da Penitencia obteñen da misericordia de Deus o perdón da ofensa a El feita e a reconciliación coa Igrexa, a que feriron pecando, e que colabora á súa conversión coa caridade, co exemplo e as oracións” (LG 11, e Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1423).
a. Celebración ordinaria da Penitencia. De conformidade co c. 960 e a praxe da Igrexa, “a confesión individual e íntegra e a absolución constitúen o único modo ordinario polo que un fiel consciente de que está en pecado grave se reconcilia con Deus e coa Igrexa. Só a imposibilidade física ou moral exclúe esa confesión. Neste caso a reconciliación pódese obter tamén por outros medios”.
É obriga dos pastores, en relación cos fieis que teñen encomendados, oílos en confesión, por si ou por outros, sinalando para iso días e horas que resulten asequibles para os fieis, dándose prioridade na celebración, sempre que sexa posible, á fórmula B do Ritual do Sacramento da Penitencia.
O tempo de Coresma é o máis axeitado para celebra-lo sacramento da Penitencia. Convén, por tanto, ofrecerlles ós fieis medios máis abundantes para participaren no Sacramento da Reconciliación. A forma tradicional dos chamados “Preceptos pascuais”, adaptada á fórmula B do ritual, é dicir, mediante Celebracións Penitenciais comunitarias con confesión e absolución individual, segue sendo un medio sumamente válido para ofrecerlles ós fieis esta participación no Sacramento. Para iso organícense os sacerdotes das distintas zonas e arciprestados, de xeito que estas celebracións poidan contar co número suficiente de cregos. Da mesma forma deben aproveitar outros tempos litúrxicos tales como o Advento e celebracións especiais da Parroquia.
Lugar da celebración. “O lugar propio para oír confesións é unha Igrexa ou oratorio” (c. 964.1). Desta forma a reconciliación con Deus e coa Igrexa celébrase no lugar no que se reúne a comunidade cristiá no nome da súa fe para acoller na celebración litúrxica o encontro co Señor misericordioso.
O art. 7 do Segundo Decreto Xeral da CEE recórdanos: “De conformidade co establecido no c. 964.2, nas igrexas e oratorios existirá sempre en lugar patente o confesionario tradicional, que poidan utilizar libremente os fieis que así o desexen. Existirá, ademais, na medida en que, por razóns de espacio, se poida facer así, a sede alternativa prevista no canon, para tódolos fieis que expresamente a pidan e que ha de estar reservada en exclusiva para este ministerio. En canto á forma concreta, deberanse ter en conta as condicións de cada lugar e as directrices diocesanas sobre arte sacra e liturxia, garantindo, en todo caso, tanto a facilidade e a reserva do diálogo entre o penitente e o confesor coma o carácter relixioso e sacramental do acto” (cfr. BOCEE 2, 1985, p. 62).
Procurarán os párrocos e reitores de igrexas ter debidamente limpa e conservada a sede penitencial, de xeito que o fiel poida percibir así a manifestación do signo que nos invita ó encontro con Cristo no sacramento do perdón.
b. A absolución xeral. A absolución xeral non se pode dar a varios penitentes á vez sen previa confesión individual (c. 961), a non ser que ameace un perigo de morte ou haxa unha necesidade grave, correspondéndolle ó Bispo diocesano xulgar se esas condicións de necesidade grave se dan (c. 961.2). A Conferencia Episcopal Española sinalou que “no conxunto do seu territorio non existen casos xerais e previsibles nos que se dean os elementos que constitúen a situación de necesidade grave na que se poida facer uso da absolución xeral” (cfr. BOCEE 6, 1989, p. 59). No caso de que se dese algunha das circunstancias que requiran a Absolución sacramental colectiva, débese ter en conta que entre as cautelas requiridas hai que lembrar particularmente o seguinte:
1) A imposibilidade de recibi-la absolución sacramental válida por parte dos que, tendo pecado gravemente, non están dispostos a repara-los danos causados ou a cambiar de vida.
2) Tamén cómpre recordar a esixencia que norma o c. 962 para que un fiel reciba VALIDAMENTE a absolución sacramental dada a varios fieis á vez: “requírese non só que estea debidamente disposto, senón que se propoña á vez facer no seu debido tempo confesión individual de tódolos pecados graves que nas presentes circunstancias non puido confesar dese modo”. Recordemos: isto é para validez da absolución sacramental dos pecados graves, que logo complementa un pouco máis o c. 963 no referente ó tempo, normando, así mesmo, que non se poderá participar noutra absolución sacramental xeral se non se acercou ese fiel á confesión individual, “sempre que non se interpoña causa xusta” (c. 963 in fine), polo que, o propósito da confesión individual ó seu debido tempo é necesario para a validez desa absolución. Neste mesmo senso pronunciouse o Consello Pontificio para a Interpretación dos Textos Lexislativos o ano 1996: como requisito para a validez desa absolución xeral “requírese, ademais das disposicións necesarias para a confesión no modo ordinario, o propósito de confesar de maneira individual tódolos pecados graves que non se puideron confesar a causa do estado de grave necesidade” (cf. Ius Ecclesiae 9 (1997), pp. 818-821, nº 5). Non cabe dúbida que o confesor que dirixe unha absolución xeral ten a obriga grave de informar adecuadamente ós fieis dos requisitos que contempla a vixente lexislación canónica, sobre todo nos aspectos que se refiren á validez das confesións posteriores.
3) Firme o propósito requirido no c. 962.1 e tendo o fiel as debidas disposicións, o pecado grave perdoado nunha absolución xeral queda perdoado de forma directa e total, pero subsisten graves obrigacións que o fiel debe satisfacer posteriormente: cumpri-la penitencia imposta e manifestar nunha confesión íntegra os pecados que non foi posible manifestar na confesión xeral, e isto, antes de recibir outra absolución xeral (cf. J. Manzanares, “comentario ó c. 962, en CIC Salamanca”).
O cumprimento desta norma grava seriamente a conciencia do sacerdote, xa que se trata dun dos seus ministerios fundamentais, pois este terceiro rito de reconciliación non se pode contemplar coma unha alternativa á vía ordinaria. A confesión individual e íntegra non só é un deber “senón tamén un dereito inviolable e inalienable, ademais dunha necesidade da alma” (cfr. Reconciliación e Penitencia, nº 33). “Nada podería perdoar a Igrexa sen Cristo: nada quere perdoar Cristo sen a Igrexa. Nada pode perdoar a Igrexa, senón ó que se arrepinte, ou sexa, ó que foi tocado por Cristo. Nada quere manter perdoado Cristo ó que despreza a Igrexa” (cfr. Beato Isaac, abade do mosteiro de Stella, Sermón 11, Segunda Lectura do Oficio de Lectura do Venres da Semana XXIII do Tempo Ordinario)
ADVERTENCIAS IMPORTANTES:
Primeira.- O Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela correspondente ao mes de maio do ano 2002, pp. 413-420, publica a “Carta Apostólica do Papa Xoán Paulo II en forma de “Motu Proprio” MISERICORDIA DEI sobre algúns aspectos da celebración do Sacramento da Penitencia”. Estamos, pois, ante unha interpretación auténtica feita polo propio Lexislador no que se refire á concretización do canon 961 polo que respecta á absolución xeral.
Segunda.- “Xulgar se as condicións requiridas se dan segundo o c. 961.1,2º non corresponde ao confesor, senón ao Bispo diocesano” (cf.c. 961.2 e MISERICORDIA DEI, nº 5). Avaliadas as circunstancias existentes na nosa diocese e tendo en conta a súa organización pastoral e a posibilidade dos fieis de acercarse ó sacramento da Penitencia mediante a confesión individual, o Señor Arcebispo declarou que non existen casos nos que se dean os elementos que constitúen a “situación de necesidade grave”, a tenor do normado no nº 4 do documento MISERICORDIA DEI. Polo que na nosa diocese non se pode facer uso da absolución xeral ou colectiva.
Terceira.- Asemade, tamén “se reproba calquera uso que restrinxa a confesión a unha acusación xenérica ou limitada só a un ou máis pecados considerados máis significativos. Por outra banda, tendo en conta a vocación de tódolos fieis á santidade, recoméndaselles confesar tamén os pecados veniais” (cf. MISERICORIDA DEI, nº 3).
1.3 Sacramento da eucaristÍa
a) Misa pro populo. A teor do c. 534, o párroco está obrigado a aplicar a Misa polo pobo que ten encomendado tódolos domingos e festas de precepto. Por esta celebración non debe percibir estipendio ningún. Cando un mesmo sacerdote rexenta varias parroquias cumpre esta obriga ofrecendo unha soa misa por tódalas parroquias encomendadas, e pode percibir estipendio pola segunda Misa que celebre (cfr. Comunicacións 15, 1983, pp. 200-201).
Esta norma vale tamén cando varios sacerdotes rexen solidariamente varias parroquias: de conformidade co c. 543 un só aplica a intención por tódalas parroquias, e os sacerdotes do equipo concretarán co moderador a orde segundo a cal irán eles aplicando pro populo. Neste apartado debemos lembrar que xa hai tempo cesou na nosa diocese a dispensa que reducía a aplicación da Misa pro populo a un só día ao mes.
b) Número de misas ao día. O c. 905.1 dispón que non é lícito a un crego celebrar máis dunha misa ao día. Desta norma exceptúanse: o día de Nadal e a Conmemoración dos Fieis Defuntos, nos que se poden celebrar tres Misas, e o Domingo de Resurrección, se celebrou ou concelebrou a Vixilia Pascual, tamén cando se concelebra co Bispo diocesano, ou na Misa conventual, ou en reunións sacerdotais.
É absolutamente reprobable a celebración de “misas encadeadas”, é dicir, as celebradas polo mesmo sacerdote sen saír do altar, enlazando unha misa coa seguinte. A dignidade do sacrificio eucarístico e a debida consideración que se lles debe ós fieis prohiben esta corruptela.
Recórdaselles tamén aos párrocos a improcedencia de ter Misas cantadas os domingos e festivos, con cambio do horario habitual, para compracer peticións dalgunha familia particular.
O Ordinario pode conceder, que, con causa xusta, un sacerdote celebre dúas veces no día, e incluso, cando o esixe unha necesidade pastoral, tres veces os domingos e festas de precepto (c. 905.2). A mera petición ou encargo particular dunha Misa, non é, en ningún caso, razón suficiente para a binación. Non está permitida a celebración de catro Misas a non ser co permiso especial da Santa Sé, aínda que se celebre en domingos ou festivos. “Enténdese que contan coa autorización do Prelado para binar nos días feriados e para celebrar tres Misas os domingos e festivos de precepto, tódolos sacerdotes con cura de almas que rexentan unha parroquia cun considerable número de fieis ou dúas ou máis parroquias, así mesmo, tódolos sacerdotes con cura de almas cando teñan de celebrar a Misa das vodas, exequias e aniversarios. En tódolos demais casos e sempre que se trate dunha cuarta Misa os días de precepto, ha de solicitarse expresamente o oportuno permiso do Ordinario” (cfr. Decreto sobre a actualización dos Aranceis e Normas Litúrxicas, en BOA de Santiago de Compostela, 1980, p.48).
Ante a escaseza de sacerdotes, urxe unha organización máis racional do número e dos horarios das Misas nas parroquias e noutros lugares de culto, principalmente nas cidades e nas parroquias grandes con abundancia de clero, así coma unha meirande dispoñibilidade dos sacerdotes que non teñen ministerio parroquial ou outro compromiso semellante. Neste punto resulta de suma utilidade ler de novo os apartados b), c), d) da Disposición Transitoria das “Normas para a provisión do oficio parroquial” na nosa diocese (cfr. BOA de Santiago de Compostela, 1993, pp. 248-249). Convén regular aquelas Misas que non están xustificadas por un verdadeiro motivo pastoral ou que figuran como simple elemento integrante ou decorativo dalgunhas festas, máxime se as piden para seren celebradas fóra de lugar sagrado.
c) Acumulación de intencións na concelebración da Misa exequial ou outra semellante. Igualmente non é admisible o costume, que parece introducirse nalgunhas parroquias da diocese, consistente en que con ocasión dun funeral ou doutros actos concelebran co párroco algúns dos sacerdotes asistentes para facer presentes outras intencións usuais alí, tales como “Misa de ánima”, “Misa de entrada” ou de “chegada”, “Misa de confraría”, etc. Este modo de actuar preséntase como unha forma puramente pragmática, carente de fundamentación teolóxica e pastoral, con independencia de que por esa segunda Misa concelebrada non se podería percibir estipendio ningún (c. 951.2). “Entre a Misa e o sacrificio redentor de Cristo existe unha identidade non só específica senón numérica, o que supón que non hai moitos sacrificios senón moitas presenzas do mesmo sacrificio” (cfr. J.A. Abad Ibáñez y M. Garrido Boraño, Iniciación a la Liturgia de la Iglesia, p. 413).
Celebracións dominicais e festivas en ausencia do Presbítero. A Congregación para o Culto Divino publicou o 2 de xuño de 1988 un “Directorio para as celebracións dominicais en ausencia de presbítero”, que foi reeditado no 2007. A carencia de sacerdotes, sobre todo no mundo rural, motivará que se vaia implantando esta modalidade pastoral, que ten por finalidade facer un esforzo para que o domingo siga conservando o seu carácter sagrado e relixioso como Memorial do Señor Resucitado. Naquelas zonas onde sexa necesario establecer estas Celebracións, o sacerdote responsable acudirá ó Bispo diocesano para recibi-las oportunas instrucións. Os párrocos non teñen facultades para establecer pola súa conta estas Celebracións. “Para anima-las mencionadas celebracións o fiel non ordenado deberá ter un mandato especial do Bispo, quen determinará as oportunas indicacións acerca da duración, lugar, as condicións e o presbítero responsable” (cfr. Instrución sobre algunhas cuestións encol da colaboración dos fieis laicos no sagrado ministerio dos sacerdotes, Art. 7)
e. Tamén lembrar aquí que Mons. Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago de Compostela, publicou un interesante estudo sobre Vivir de la Eucaristía. Las celebraciones dominicales en ausencia de presbítero. Está editado no ano 2012 en PPC.
f. Misas colectivas ou plurintencionais. No BOA de Santiago de Compostela correspondente ó mes de abril do ano 1991, pp. 160-164, inclúese o Decreto promulgado pola Congregación para o Clero o 22 de Febreiro de 1991 sobre as denominadas “MISAS COLECTIVAS”.
De conformidade con este Decreto disponse:
Estas Misas colectivas soamente se poden celebrar dous días cada semana na mesma igrexa, indicando publicamente o lugar e a hora da celebración.
Os fieis deben estar previamente advertidos desta acumulación de intencións e de estipendios, e manifestaren eles mesmos a súa conformidade.
O sacerdote que celebre a Misa aplicándoa simultaneamente por diversas intencións e teña recibido unha ofrenda dos fieis por cada unha delas, soamente deberá percibir como estipendio a cantidade sinalada na diocese para as chamadas Misas manuais, que na actualidade son 10 €. A cantidade restante será remitida á Curia Diocesana, que a distribuirá da seguinte forma: o 50% para ingresar na Colecturía Diocesana e o outro 50% para os fins específicos do Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC). A aplicación deses estipendios a outras finalidades necesita a autorización do Sr. Arcebispo.
A tenor do art. 5 do citado Decreto, aqueles sacerdotes que reciben gran número de ofrendas para intencións particulares e que non as poden cumprir persoalmente dentro do ano, en lugar de rexeitalas (e podemos dicir tamén, en vez de forza-la acumulación de intencións), frustrando así a pía vontade dos oferentes e apartándoos do seu bo propósito, débenllelas pasar a outros sacerdotes. Isto requirirá a oportuna advertencia do crego e a libre aceptación dos fieis.
“Aos Bispos diocesanos, principalmente, incumbe o deber de dar a coñecer con prontitude e claridade estas normas ós cregos tanto do clero secular coma do relixioso, pois son obrigatorias para todos e deben preocuparse de que sexan observadas” (Art. 6).
Finalmente, a debida coordinación pastoral da zona reclama que a celebración destas Misas colectivas non se implante sen estudar seriamente a cuestión cos párrocos e reitores de igrexas do arciprestado. Recoméndaselles aos Srs. Arciprestes axuden a cumprir fielmente o determinado no Decreto da Congregación para o Clero.
NOTA: Encarécese aos sacerdotes que atenden varias parroquias procuren compracer as peticións dos seus fregueses coa finalidade de respectar o seu dereito a ofrecer intencións particulares. Este dereito dos fieis veríase limitado na práctica “se o sacerdote que vai un ou dous días á semana a cada parroquia aplica soamente intencións de misas colectivas”.
-
Estipendio das Misas binadas e trinadas. Pódese recibir estipendio pola Misa que se celebra ou concelebra (c. 945.1). Hase de aplicar unha Misa distinta por cada intención (c. 948). Nesta materia hase de evitar incluso a máis leve aparencia de comercio (c. 947). Tan só pode reservar o sacerdote para si un estipendio no día, a excepción do día de Nadal (c. 951.1.). A Igrexa, pois, non só aproba senón que “promove a práctica do estipendio” (Paulo VI, Firma in traditione, de 13 de xuño de 1.974).
O sacerdote que celebra máis dunha misa, aplicándoas por estipendio, só pode quedar con un, e debe destina-los demais ós fins determinados polo Ordinario (c. 951.1). De conformidade coas normas diocesanas, os estipendios das Misas binadas e trinadas, débense entregar na Curia Diocesana onde se destinarán ó Fondo Común Diocesano, de conformidade co artigo 3.d) do Regulamento (cfr. BOA de Santiago de Compostela, 1983, p. 341). Así mesmo, por razóns de molestias e gastos de desprazamento, pódense quedar co 50% de cada un destes estipendios os párrocos e cregos que teñan que celebrar unha segunda ou unha terceira Misa en parroquia distinta da localidade de residencia. Por unha segunda misa concelebrada non se pode recibir estipendio baixo ningún concepto. (c. 951.2).
-
Misas vespertinas e actividades pastorais. O c. 1248.1 dispón: “Cumpre o precepto de participar na Misa, quen asiste a ela, onde se celebre nun rito católico, tanto o día da festa como o día anterior pola tarde”. Ampliando o espazo temporal que ofrece o c. 202.1 (segundo o cal o día conta desde a medianoite á medianoite), o calendario romano lémbranos que “a celebración do domingo e das solemnidades empeza na tarde do día anterior”. Para axudar a concretar cando se pode chegar a considerar ese tempo vespertino, o “día anterior pola tarde”, a comisión redactora do vixente CIC manifestou: “Expresamente emprégase unha fórmula xeral para evitar casuísmos e ansiedades. Con toda certeza cúmprese co precepto mediante a participación en calquera Misa do sábado pola tarde” (cfr. Relatio, 227). Lémbraselles ós sacerdotes que, inculquen ós fieis a garda e conservación do sentido sagrado do domingo, ofrecendo o sábado a celebración da Misa propia do domingo ou do día festivo, coa homilía e a oración dos fieis, dándolle o ton festivo que relembre o domingo. Certamente resulta difícil de comprender que as Misas celebradas
- nas “horas do mediodía e inmediatamente despois” poidan ser consideradas como celebradas “o día anterior pola tarde”.
A nosa diocese ten unha moi fermosa e rica tradición catequética. Na memoria de tódolos sacerdotes diocesanos están os nomes de beneméritos catequetas que nos serven de estímulo. Por iso, coa finalidade de poder atender á celebración digna das Misas vespertinas e vigoriza-la formación catequética-relixiosa de tódolos membros do Pobo de Deus, así como atender a moitas outras actividades pastorais (reunións de grupos, ensaios, etc.), É NECESARIO DEIXAR LIBRES AS TARDES DOS SÁBADOS NON OCUPÁNDOAS CON ANIVERSARIOS OU ACTOS SIMILARES CELEBRADOS COA ASISTENCIA DE CREGOS DE FÓRA DA PARROQUIA, para que uns e outros se poidan dedicar ás actividades sinaladas. Ese foi tamén o criterio maioritario dos membros do Consello Presbiteral en varias reunións.
-
Programación de misas dominicais e festivas.- Ante a escaseza de sacerdotes, e coa finalidade de que as igrexas parroquiais non se vexan privadas da presenza dun sacerdote que celebre a Eucaristía dominical, cómpre facer as programacións que resulten axeitadas naquelas freguesías do mundo urbano que dispoñan de varios sacerdotes. O nº 35 da Carta Apostólica “Dies Domini” do Papa Xoán Paulo II, de 31 de maio de 1998, lémbranos que “…no domingo, día da asemblea, non han de fomentarse as misas para grupos pequenos…” (cfr. BOA de Santiago de Compostela, agosto-setembro 1998, pp. 401-458); o motivo fundante é dobre: a) que ás asembleas parroquiais non lles falte o ministerio sacerdotal; b) salvagardar e promove-la unidade da comunidade eclesial. Para colaborar nesta urxencia somos invitados na nosa diocese tanto os sacerdotes diocesanos coma os sacerdotes relixiosos, de cara a que nas nosas parroquias, por sinxelas que sexan, poida seguir conservándose a celebración da Eucaristía nos domingos e nos días de precepto.
1.4. CELEBRACIÓNS EN CAPELAS DE PAZOS E/OU CASAS SOLARIEGAS
A celebración do matrimonio canónico terá lugar de modo ordinario nos templos parroquiais como determina a vixente lexislación canónica contida no c. 1.118 en relación co c. 1.115 e concordantes. O mesmo afecta á celebración doutros sacramentos.
Dada a frecuencia con que chegan peticións de parellas que solicitan celebrar a cerimonia relixiosa en capelas privadas, sexan ou non anexas a pazos, casas solariegas de turismo rural, etc. recórdase o apartado 3º das normas vixentes na Diocese desde o un de xaneiro de dous mil cinco: “se algún familiar do titular da capela, en grado de parentesco ata o cuarto grado de consanguinidade, desexa ter algunha desas celebracións en capela de titularidade familiar, deberá: 1) solicitar o pertinente permiso á Curia diocesana, facéndoo coa debida antelación que permita estudar as circunstancias que concorran nese caso e acreditar que algún dos contraentes é familiar directo ata o cuarto grado do propietario do pazo ou casa; ou que sexa o propio titular; 2) que teña en vigor o indulto ou licenza de oratorio; 3) que ese pazo ou casa solariega sexa anterior ó século XVIII. Finalmente, tanto os titulares do pazo ou casa coma os beneficiarios da concesión deberán estar en plena comuñón coa Igrexa Católica”. A capela deberá estar debidamente restaurada e ter a amplitude suficiente. Esta disposición ten carácter temporal, xa que o principio de igualdade dos fieis ante as normas canónicas oponse ó chamado principio de singularidade, que se trataría de impor coas continuas excepcións e dispensas do dereito común. Esta limitación afecta de igual modo a outros actos de culto. Esta normativa é igualmente aplicable ás peticións para outros actos familiares (p.e.: Bodas de Prata, de Ouro,…).
1.5. CELEBRACIÓNS EN IGREXAS CONVENTUALES E/O DE RELIXIOSAS
As celebracións de bautismos e de vodas nas igrexas referenciadas soamente serán autorizadas cando tales actos afecten a irmás ou sobriñas de relixiosas que estean nesa comunidade. Deste xeito trátase de respectar o carácter específico deses lugares de culto en beneficio da comunidade relixiosa.
1.6. SACRAMENTO DO MATRIMONIO
“A alianza matrimonial, pola que o varón e a muller constitúen entre si un consorcio de toda a vida, ordenado pola súa mesma índole natural ao ben dos cónxuxes e á xeración e educación da prole, foi elevada por Cristo Noso Señor á dignidade de sacramento entre bautizados» (Canon 1055 e Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1061).
«A Sagrada Escritura ábrese co relato da creación do home e da muller a imaxe e semellanza de Deus (Xn 1,26- 27) e péchase coa visión das «vodas do Cordeiro» (Ap 19,7.9). Dun extremo a outro a Escritura fala do matrimonio e do seu «misterio», da súa institución e do sentido que Deus lle deu, da súa orixe e do seu fin, das súas realizacións diversas ao longo da historia da salvación, das súas dificultades nacidas do pecado e da súa renovación «no Señor» (1 Co 7,39) todo iso na perspectiva da Nova Alianza de Cristo e da Igrexa (cf Ef 5,31-32) » (Catecismo da Igrexa Católica, n.º 1062).
Preparación.- A preparación é de todo punto necesaria. Noutros tempos considerábase que a preparación ao matrimonio estaba suficientemente garantida polo ambiente, a orixe cristiá da familia, a educación e a catequese recibidas. Apenas se dubidaba de que todo bautizado era un crente efectivo.
Hoxe, en cambio, a Igrexa, respectando sempre aqueles casos especiais dunha esmerada preparación ambiental, cultural e relixiosa, considera que as condicións reais en que moitos noivos chegan ao matrimonio non son suficientes, e, polo tanto, se require unha axeitada preparación.
¿En que consiste esta preparación? Fundamentalmente consiste en: acoller os noivos e axudarlles a buscar na sinceridade e o diálogo o camiño a seguir; descubrirlles os valores humanos e transcendentais do amor, de maneira que sexa estable, permanente, indisoluble non só como “proxecto de vida” senón tamén “de por vida”; espertar, alimentar e madurar a súa fe; facer o posible para que se movan dentro dunha opción libre, consciente e sincera; poñelos en contacto con outras persoas para compartir outras experiencias con encontros a nivel persoal e comunitario; axudar a comprender e a vivir o rito da celebración sacramental.
En xeral, trátase dunha catequese prematrimonial segundo as distintas situacións persoais dos contraentes e segundo os distintos niveis en que se queira insistir:
– Catequeses básicas sobre as verdades relixiosas fundamentais.
– Catequese ou curso prematrimonial sobre aspectos teolóxicos e morais do Matrimonio.
– Catequeses litúrxicas sobre o Ritual do Sacramento do Matrimonio.
A preparación inmediata ao matrimonio. A preparación ao matrimonio é un proceso gradual e continuo que ten unha etapa remota (na infancia e adolescencia), outra próxima (o período de noivado) e unha inmediata (para os que están a punto de casarse). Mediante os cursos prematrimoniais preténdese espertar, alimentar e madurar a fe dos noivos para que reciban o sacramento do matrimonio de xeito consciente, voluntario e libre.
En calquera caso, non poden faltar nunca encontros persoais do sacerdote responsable cos contraentes para considerar os diferentes aspectos deste sacramento e da vida en familia.
Débese urxir, cada día máis, unha coidadosa preparación para o matrimonio. Porque as relacións interpersoais son nel complexas e profundas. Por outra parte, se se queren previr tantas situacións irregulares como hoxe se dan na vida matrimonial, non hai mellor camiño que este. Ademais, como lograr doutro modo aquela madureza humana e de fe que é necesaria para afrontar as responsabilidades familiares e sociais que comporta o matrimonio?
A preparación para o matrimonio non é só un período de tempo, senón un proceso gradual e continuo. Debe comezar no seo da familia e da Igrexa, coa mesma iniciación cristiá. Adquirir unha maior intensidade, mesmo con certa programación sistemática, nos anos de noivado. E culminar coa preparación inmediata e o Curso de preparación para o matrimonio. (do Directorio de Pastoral Familiar – Diocese de Santiago de Compostela), ou ben a preparación específica impartida polo párroco e/ou outros axentes de pastoral.
1.- Incorporación da certificación de bautismo no expediente matrimonial.- Vixiando pola necesaria seguridade xurídica da documentación que debe aportarse á tramitación do expediente previo ó matrimonio canónico, lémbrase ós Rvdos. Srs. Curas Párrocos e responsables de parroquias, que o noso dereito particular ten disposto que a partida ou certificación do bautismo debe adxuntarse ó expediente matrimonial, cando este non queda arquivado na parroquia propia na que conste inscrito o bautismo ou cando os expedientes se remitan desde a parroquia de orixe a outra. A devandita certificación debe incluír as notas marxinais preceptuadas polo dereito, e a data da súa expedición debe estar dentro do semestre previo, segundo disposición da Sagrada Congregación de Sacramentos na “Instrucción sobre expedientes matrimoniais”, de 29 de xuño de 1941 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, de 10 e 25 de novembro de 1941, pp. 173-193 e 197-217).
2.- Apertura do expediente.- Corresponde ó párroco de cada un dos contraentes (cfr. cc. 1066-1070) a preparación do expediente do seu fregués ou freguesa, así coma velar para que os noivos reciban a conveniente preparación pastoral. Cada contraente fará o seu medio expediente na parroquia onde teña o seu domicilio, ou cuasi-domicilio ou ó menos a residencia dun mes (c.1115).
O párroco da noiva, unha vez teña o expediente completo, será o que se relacione coa sección correspondente da Curia Diocesana. Cando a documentación matrimonial deba ser remitida a outra diocese,serán previamente enviados a este Arcebispado de Santiago de Compostela os expedientes matrimoniais orixinais e os documentos alí aportados.
Recórdase tamén que o noso dereito particular segue outorgando certa preferencia á freguesía da noiva para abrir o expediente matrimonial e/ou para que a voda se celebre nela, aplicada esta preferencia dentro do contexto da lexislación común que contempla o c. 1115, quedando arquivados os expedientes orixinais na parroquia da noiva. Se algunha parella opta por celebra-la voda noutra parroquia distinta á da noiva, o párroco desta poderá remitir ó párroco en cuxa freguesía se celebre o chamado ESTADILLO (cf. BOA de Santiago, ano 1941, pp. 211-213), ou ben pasa-los devanditos expedientes, debidamente dilixenciados, para que sexan arquivados alí. Cando os expedientes saian da parroquia na que deberían ser conservados, estímase procedente que o sacerdote encargado dese arquivo deixe unha constancia de tal feito dentro do cartafol dos expedientes coa seguinte nota: “Os expedientes matrimoniais de Don … e Dona … foron remesados á parroquia de … porque alí tivo lugar a celebración da voda”, subliñando data, mes e ano.
3.- Outros aspectos a ter en conta.- Canto queda disposto da partida de bautismo, servatis servandis, debe aplicarse á partida de defunción, no caso de viuvos/as que pasan a novas nupcias.
Coiden os Srs. Curas ser dilixentes, unha vez tivo lugar a celebración canónica da voda, para efectua-las comunicacións pertinentes que prevé a normativa vixente. Cando a comunicación sexa do matrimonio dun viúvo/a ou dun matrimonio declarado nulo polo competente Tribunal Eclesiástico en sentenza firme, de cara a evitar ulteriores investigacións, cómpre que esa circunstancia sexa referenciada na comunicación.
Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias doutras Dioceses como as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelá.
Notas importantes: De cara a evitar dificultades ós contraentes cómpre cumprir por parte dos reitores de parroquias as seguintes indicacións:
a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de solteiría sen seren legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están sendo devoltos eses documentos para a debida tramitación. Igual cabe aplicar na xurisdición castrense.
Lembrar que as certificacións ou documentacións que se expidan para a xurisdición castrense desde as parroquias deben ir legalizadas. Con mais frecuencia da desexada as mesmas están a ser reenviadas a esta Vicaría Xeral para o seu debido cumprimento.
b) Os expedientes matrimoniais non deben ser remesados ás outras dioceses; logo de ser tramitados na parroquia preséntanse no Arcebispado para proceder a face-lo pertinente ATESTADO, que terá de ser enviado a diocese na que será celebrado o matrimonio, agás que así o teña disposto esa diocese.
c) Os pais, os irmáns e os parentes próximos non deben ser admitidos como testemuñas para cumprimenta-lo expediente matrimonial.
Outra cousa é cando se tramita o expediente de solteiría por ausencias do domicilio.
d) Procede que os expedientes e a documentación unida sexa estendida e presentada de forma correcta, ben sexa escrita a máquina ou a ordenador, ou ben sexa escrita a man, en cuxo caso convén facelo con caligrafía clara e intelixible.
4.- Arquivo e custodia do expediente matrimonial
a) Custodia do expediente. O responsable directo da garda e custodia do expediente será o párroco da noiva a tenor do dereito consuetudinario vixente na nosa diocese; a el ten que ser remitido o expediente orixinal do noivo coa debida antelación, é dicir, un mes antes da voda. Cando o matrimonio se celebre noutra parroquia, o párroco autorizante poderá enviar os expedientes orixinais a esa parroquia ou ben enviar o estadillo, coma xa se mencionou no apartado anterior. Nada obsta para que o párroco do noivo deixe no seu arquivo unha copia do expediente do seu fregués.
b) Documentación para outras dioceses. Tamén recordar que tanto as documentacións que veñen de parroquias doutras Dioceses coma as que saen das parroquias da nosa Diocese para outras, deben ser dilixenciadas na Curia Compostelá.
Para evitar dificultades aos contraentes fai falta cumprir por parte dos reitores de parroquias as seguintes indicacións:
a) Non enviar a outras dioceses as certificacións bautismais e os informes de solteiría sen ser legalizados no Arcebispado. Con demasiada frecuencia están a ser devoltos eses documentos para a debida tramitación.
b) Polo que respecta ao envío da documentación matrimonial a outras dioceses, a Conferencia Episcopal dispuxo: “As copias dos expedientes matrimoniais destinados a outras Dioceses enviaranse a través da propia Curia diocesana, que será quen os transmita á Curia de destino”. (Cf. CEE, Instrución/Orientacións acerca dos libros sacramentais parroquiais, de 18 de febreiro de 2010, en BOA de Santiago de Compostela, abril 2010, especialmente páx. 343 e o número 22).
Seguindo a tradición da nosa Diocese de Santiago de Compostela, mentres a disposición anterior non se vaia xeneralizando, dende a Curia poderase preparar o Atestado, que será enviado á Curia de destino.
5.- Certificacións civís nos expedientes matrimoniais
Coa finalidade de prever situacións delicadas que están aparecendo na tramitación das documentacións matrimoniais no intre de prepara-los expedientes canónicos, ou, o que aínda é máis conflitivo, cando o matrimonio xa foi celebrado, cómpre que os encargados da tramitación soliciten coa debida antelación dos noivos que incorporen ós respectivos expedientes a certificación literal de nacemento expedida polo Rexistro Civil con data recente.
Cando as dúas partes, ou unha delas, tivera celebrado un matrimonio anterior, que fora declarado nulo ou houbo dispensa pontificia de matrimonio rato e non consumado se é matrimonio canónico, ou obtivo o divorcio se é matrimonio civil, os contraentes aportarán a certificación literal de nacemento e a certificación literal do matrimonio anterior, de cara a verificar se foron incorporadas as notas marxinais que prevé a vixente lexislación. Estas certificacións deberán ter unha data recente.
Asemade cómpre solicita-la presentación do informe de Fe de Vida e Estado para que conste no expediente matrimonial, ademais de face-la tramitación do expediente canónico de liberdade e solteiría cando sexa procedente.
6.- Celebración do matrimonio canónico de parte española con parte estranxeira
6.1.- Situacións delicadas atendendo á RESIDENCIA OU NON en España da parte estranxeira.
Todas elas necesitan unha tramitación especial que levará a cabo desde Vicaría Xeral, polo que o párroco respectivo non aceptará a fixación de data para a voda ata que os expedientes se atopen completos.
a) Cando a parte española pretenda casar con parte estranxeira que leve residindo en España máis de dous anos. Pode estar nalgunha destas situacións:
-
Pertencer a un país da Unión Europea;
-
Pertencer a algún país de fóra da unión Europea;
-
Que a parte estranxeira estea bautizada na Igrexa católica;
-
Que estea bautizada noutra Igrexa ou nunha Confesión proveniente da Reforma;
-
Que non estea bautizada.
b) Que a parte estranxeira leve menos de dous anos de residencia en España. As figuras situacionais serían similares ás do apartado precedente.
c) Que a parte católica española pretenda casar con parte estranxeira non residente en España. Os casos situacionais serían do tenor do apartado a).
d) Que sexan dous estranxeiros que, tendo a documentación canónica e a civil do seu país respectivo, pretendan casar canonicamente en España.
Notas.-
Primeira: En cada un dos casos, o párroco da parte española solicitará instrucións concretas de Vicaría Xeral para a tramitación da documentación.
Segunda: Prestarase especial atención á documentación matrimonial de estranxeiros provenientes de fóra da Unión Europea.
6.2.- Situacións delicadas cando houbo un matrimonio anterior da parte estranxeira, seguido de divorcio.
Hai que prestar atención ao caso en que a parte non católica contraese un matrimonio anterior sexa civil ou relixioso porque, en principio este matrimonio é válido e non poden volver casar mentres subsista esa situación. Como é sabido, a Igrexa católica recoñece como válido o matrimonio civil celebrado polos bautizados non católicos occidentais ou por dous non bautizados. Para acceder ao matrimonio canónico deberán tramitar a declaración de nulidade ante os Tribunais da Igrexa Católica. Caso diferente sería o matrimonio de dous acatólicos de rito oriental, que deberá ser analizado desde outras referencias canónicas.
Antes de proceder á apertura do expediente matrimonial da parte católica, o sacerdote informaralles que deben presentar en Vigairía xeral do Arcebispado a documentación seguinte:
A).- Documentación eclesial para bautizados: Se a parte estranxeira está validamente bautizada: (sexa na Igrexa católica ou nunha Igrexa non Católica ou ben nalgunha Confesión proveniente da Reforma):
* Certificación actualizada do bautismo, legalizada pola correspondente Autoridade da súa Igrexa ou Confesión. Deberá presentarse acompañada da tradución ao castelán ou ao galego, por tradutor xurado.
* Certificación de liberdade, solteiría e capacidade para contraer matrimonio canónico expedida pola competente Autoridade relixiosa, traducida ao castelán ou ao galego por tradutor xurado. A devandita certificación non será de data anterior a seis meses. Convén recordar que algunhas Igrexas e/ou Confesións da Reforma remiten aos testemuños emanados das Autoridades civís, non expedíndoas o Pastor.
* Para os non católicos: prestar as caucións que norma a lexislación canónica, previa á concesión da licenza que outorgará o Ordinario para proceder a este Matrimonio Mixto. Caucións que tamén deberán prestar as partes cando unha non estea bautizada para dispénsaa do impedimento de disparidade de cultos.
* Para deixar constancia das circunstancias, tramitaráselle na parroquia da parte católica o expediente supletorio.
B).- Documentación civil.- O estranxeiro/a debe presentar a seguinte documentación para que sexa recoñecida en Vigairía Xeral antes de sinalar data para a voda:
* Certificación literal de nacemento, debidamente legalizada pola autoridade competente. Entregarase a certificación orixinal e a tradución ao castelán ou ao galego, por tradutor xurado; non anterior a tres meses.
* Certificación de requisitos de capacidade para contraer matrimonio segundo a lexislación dese Estado, expedida polo Consulado ou Embaixada do seu País en España. Traducida como no caso anterior.
* Certificación de liberdade e solteiría expedida pola Autoridade competente. Se o promotor residise no seu País dentro dos dous últimos anos, deberá presentar Certificación do Consulado ou da Embaixada que manifeste “se conforme á lexislación do seu País é necesaria ou non a publicación de Edictos, anunciando a pretensión de celebrar matrimonio”. Traducido como nos casos anteriores.
* Fotocopia do Pasaporte ou documento identificativo actualizados.
* Tarxeta actualizado de residente en España.
* Certificado de empadroamento actual do concello dos dous últimos anos, así como fe de vida e estado.
* No caso de que haxa divorcio e de que a sentenza estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar obter o exequatur pola Sala 1ª do Tribunal Supremo, ou do Xulgado que teña a competencia obxectiva e territorial.
NOTA: No Boletín Oficial de novembro de 2006 contéñense outras aclaracións, pp. 643-644. Así como no Boletín Oficial deste Arcebispado do mes de decembro de 2007 referente ás chamadas “vodas de conveniencia ou de compracencia”. Tamén hai disposicións nos Boletíns Oficiais dos meses de xaneiro e febreiro de 2008 e anos sucesivos.
7.- Resumen dos documentos necesarios para o expediente matrimonial
A) Para o expediente matrimonial de cidadáns españois:
1.- Documentación canónica:
-
Partida de bautismo, non anterior a seis meses
-
Solteiría e liberdade, de data recente
-
Testemuño acreditativo de preparación catequética
-
Dispensa de impedimentos, caso de existir.
2.- Documentación civil:
-
Certificado literal de nacemento, de data recente
-
Certificado de empadroamento dos DOUS últimos anos
-
Fe de vida e estado, de data recente
-
Fotocopia do DNI.
B) Para o expediente matrimonial de cidadáns estranxeiros:
-
Certificado de nacemento legalizado ou apostillado e, no seu caso, traducido por tradutor oficial. A data dentro dos tres meses anteriores.
-
Certificado de empadroamento que xustifique os dous últimos anos de residencia
-
Certificado de estado civil
-
Certificado de capacidade matrimonial segundo a lexislación do seu Estado, con expresión de se é necesario ou non a publicación de Edictos
-
Fotocopia do pasaporte
-
Tarxeta de residencia.
NOTA.— Para a documentación canónica, se a parte está bautizada na Igrexa Católica, debe presentar a documentación referida máis arriba, debidamente legalizada ou apostillada, e, no seu caso, traducida ó castelán ou galego por tradutor oficial.
Se a parte está bautizada noutra Igrexa ou Confesión non católica, solicitará a documentación na súa Igrexa e/ou Confesión, debidamente legalizada ou apostillada, e, no seu caso, traducida ó castelán ou galego.
C) Documentación civil para persoas divorciadas que desexan casarse pola Igrexa:
a) Se só houbo matrimonio civil, ademais do sinalado no apartado A, deberán presentar: Certificado literal do matrimonio anterior no que conste a disolución do mesmo por anotación á marxe do asento matrimonial.
No caso de que a sentenza de divorcio estea ditada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar que obtivo o execuatur da Sala l.ª do Tribunal Supremo (ou do Xulgado de l.ª Instancia competente).
b) Se houbo matrimonio canónico recordar que o divorcio civil non o disolve, senón que será necesaria a declaración de nulidade con dúas sentenzas conformes dos Tribunais Eclesiásticos. Cómpre prestar atención ao determinado neste punto polo Motu Proprio Mitis Iures Dominus Iesus do Papa Francisco, de data 15 de agosto de 2015. Nestas situacións convén consultar ao Tribunal Eclesiástico. A tenor do art. 80 do Código civil y 778 da Lei de Enxuizamento Civil, as resolucións ditadas polos Tribunais eclesiásticos sobre nulidade do matrimonio canónico ou as decisións pontificias sobre matrimonio rato e non consumado terán eficacia na orde civil se se declaran axustadas ó Dereito do Estado mediante resolución ditada polo Xuíz Civil competente.
8.- Presentación de documentación civil esixida polo Estado español cando os expedientes veñen do estranxeiro.
1) As parroquias e Curias diocesanas de fóra de España tramitarán o concernente ao ATESTADO MATRIMONIAL (ou documentación canónica).
2) A DOCUMENTACIÓN CIVIL será esixida polo sacerdote responsable da parroquia na que se celebrará o matrimonio canónico solicitado. Por esta circunstancia, ese sacerdote non poderá comprometer a data da voda ata tanto non teña no seu poder a documentación que esixe o Estado Español.
3) En España, o matrimonio canónico ten efectos civís (a diferenza doutras nacións). Polo cal, desde a Igrexa católica debemos ser respectuosos con esta lexislación.
4) Recibida a documentación civil (o mesmo que a canónica) na parroquia, a devandita documentación será recoñecida pola Vicaría Xeral do Arcebispado, máxime ao haberse acrecentado o fenómeno sociolóxico das chamadas “vodas de conveniencia”.
5) A documentación civil requirida debe ser achegada tanto pola parte española como pola parte estranxeira e esta virá debidamente traducida por tradutor oficial e legalizada.
6) O estranxeiro que vén a España para casar canonicamente con parte desta nacionalidade ten que tramitar a documentación civil que esixe a lexislación española: partida literal do nacemento de data recente; certificado de requisitos de capacidade conforme á lexislación dese país para contraer matrimonio no estranxeiro; informe de liberdade e solteiría así como da necesidade ou non da publicación de edictos para o matrimonio; certificación de empadroamento (ou similar) dos dous últimos anos; fotocopia compulsada do pasaporte ou do D.N.I.
Estes documentos presentaranse legalizados e traducidos ao castelán ou ao galego por tradutor oficial. Para maior facilidade solicitarán a información na Embaixada de España nese país ou no Consulado.
7) Matrimonio canónico de dous estranxeiros en España: polo que respecta á lexislación civil poderán acollerse á lexislación vixente en España ou á lexislación propia do seu país (isto é á súa Lei persoal). Neste sentido exprésase o artigo 50 do Código Civil Español.
9.- Comunicación ao xulgado.
Con data 7 de xullo de 2008, Prot. N223/08, o Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española comunicaba ás Dioceses de España o Acordo alcanzado co Instituto Nacional de Estatística polo que se regula a comunicación de datos estatísticos sobre matrimonios canónicos.
O Encargado do Rexistro Civil solicitará aos contraentes os datos estatísticos que pide a lexislación cando acudan a inscribir o matrimonio no Xulgado.
Polo cal, ata que se elaboren novos impresos, os Párrocos, ao comunicar a celebración do matrimonio canónico ao Rexistro Civil, eliminarán a segunda folla, de cor verde, destinada ao Instituto Nacional de Estatística. Isto é, farase como na actualidade.
Nota importante: os rexistros civís están a devolver aos Srs. Párrocos certificacións de matrimonios por conter datos incompletos ou erróneos en apelidos, ou en algún número do DNI, tachaduras, enmendas, datas, etc. Faise unha chamada a evitar todas estas situacións.
ANEXO 1. “VODAS DE CONVENIENCIA OU DE COMPRACENCIA”.
Enténdese por “vodas de conveniencia ou de compracencia” o fenómeno sociolóxico polo cal inmigrantes chegados a España programan (ben eles directamente ou ben pola intermediación de grupos dedicados a estes mesteres) a celebración dunha voda con parte española, coa finalidade de obter o permiso de residencia e/ou de amplialo, accedendo así máis facilmente a un contrato de traballo e a unha estancia prolongada.
Ante varias situacións irregulares que se están producindo segundo informacións provenientes doutras dioceses e as propias experiencias habidas no noso Arcebispado de Santiago de Compostela, estímase necesario comunicar aos Srs. curas párrocos e encargados de freguesías:
Primeiro.- Detectouse a falsificación de certificacións de bautismo e de testemuños de solteiría. Ante estas circunstancias procede actuar con extrema cautela. Por iso é polo que soamente admitirase a documentación matrimonial que veña de Bispado a Bispado.
Segundo.- A xeneralización do fenómeno referido obriga a ser moi cautos na tramitación de expedientes matrimoniais daqueles inmigrantes que non teñan o domicilio ou permanencia estable na parroquia á que acoden para casar. Esta permanencia deberá ser acreditada mediante certificación do censo municipal. Constatáronse casos de inmigrantes que andaron “peregrinando” de parroquia en parroquia tratando de buscar un sacerdote que fóra “comprensivo e menos esixente”. A parte española deberá tramitar o expediente na parroquia do seu domicilio e desde o seu Bispado será reenviado ao Arcebispado de Santiago de Compostela o pertinente atestado canónico.
Terceiro.- A documentación civil da parte estranxeira deberá comprender: a) certificación literal, debidamente legalizada e traducida ao castelán ou ao galego por tradutor xurado; b) constancia dos requisitos de capacidade e testemuño da necesidade ou non de publicitar Edictos anunciando a pretensión de celebrar matrimonio, expedidos polo Consulado ou a Embaixada do respectivo Estado, tamén traducidos ao español ou ao galego por tradutor xurado, e que sexan de data recente; c) fotocopia compulsada do pasaporte e do permiso de residencia en España.
Esta documentación civil da parte estranxeira deberá ser presentada nas Oficinas da Policía, Sección de Estranxeiría, para verificar se os datos achegados son correctos e que non existe fraude de lei.
Cuarto.- Se a parte estranxeira está bautizada na Igrexa católica: a petición da documentación canónica actualizada farase desde o Arcebispado de Santiago de Compostela ao Bispado desa parte.
Se a parte estranxeira foi bautizada noutra Igrexa ou Confesión cristiá, unha vez recoñecida esa documentación en Vicaría Xeral, concretarase o procedemento a seguir. Pode consultarse: Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela: xaneiro de 2007, pp. 54-55; febreiro 2007, pp. 173-174 e 192-193.
Quinto.- Coas disposicións precedentes non se trata de “sancionar” á inmensa maioría dos inmigrantes que, neste fluxo histórico das correntes migratorias, aflúen a España, como multitude de compatriotas nosos, e ata de familiares, desprazáronse a outras partes do mundo en tempos non afastados. Trátase de defender a propia dignidade do inmigrante e de evitar a extorsión de grupos de presión.
Os inmigrantes seguirán atopando nas institucións da nosa Diocese as atencións humanas, pastorais e relixiosas que sexan propias da Igrexa católica.
Sexto.- Encarécese aos sacerdotes encargados da pastoral parroquial o fiel cumprimento das disposicións canónicas e da lexislación civil no referente ao matrimonio canónico, ao ter este efectos civís en España.
Sétimo.- Cando un cidadán/a estranxeiro/a solicite recibir o Sacramento do Bautismo na Igrexa católica, faise necesario aplicar as disposicións canónicas vixentes na nosa Diocese para procurarlle a debida preparación relixiosa e pastoral, tal como se contén no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela do mes de Febreiro do ano 2003
ANEXO 2. SÍNTESE DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA
PARA O MATRIMONIO CIVIL
Documentación necesaria para iniciar o expediente:
1.- SOLTEIROS, MAIORES DE IDADE E ESPAÑOIS
a)- Certificación literal de nacemento (solicítase no Rexistro Civil do lugar de nacemento).
b)- Fe de vida e estado (solicítase no Rexistro Civil do lugar de residencia).
c)- Certificación de empadroamento da poboación onde residisen os dous últimos años (solicítase nos Concellos correspondentes).
2.- DIVORCIADOS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal de matrimonio onde conste a anotación marxinal do Divorcio (solicítase no Rexistro Civil do lugar de matrimonio).
b) Testemuño da Sentencia de Divorcio, en onde conste a firmeza da mesma (solicítase Xulgado no que se promoveu o Divorcio).
3.- VIÚVOS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal do matrimonio (solicítase no Rexistro Civil do lugar do matrimonio).
b)- Certificación literal de Defunción doutro cónxuxe (solicítase no Rexistro Civil do lugar da defunción).
4.- ESTRANXEIROS
Ademais dos documentos do apartado 1º, necesitan:
a)- Certificación literal de nacemento, debidamente legalizada e traducida ó castelán, polas autoridades competentes.
b)- Certificación do Consulado ou Embaixada do seu país en España, na que se especifiquen cales son os requisitos de capacidade para contraer matrimonio, segundo a lexislación actual.
c)- Se o promotor residise no seu país dentro dos dous últimos anos, deberá presentar certificación do Consulado ou Embaixada que determine se conforme á lexislación do seu país é necesario ou non a publicación de Edictos, anunciando a pretensión de celebrar matrimonio.
d)- Fotocopia do DNI ou do Pasaporte.
e)- Testemuño actualizado de residencia en España ou tarxeta de residencia.
f)- Fe de vida e estado ou equivalente.
g)- Certificado de empadroamento dos dous últimos anos.
OBSERVACIÓNS
No suposto de que a sentencia de Divorcio estea dictada por un Tribunal estranxeiro, deberase acreditar ter obtido o execuatur pola Sala 1ª do Tribunal Supremo ou do Xulgado que teña a competencia obxectiva e territorial.
1.7. CELEBRACIÓNS CULTUAIS E LITÚRXICAS EN LINGUA GALEGA
Para xeral coñecemento, relaciónanse seguidamente o estado das edicións litúrxicas en galego:
Misal Romano
Misal Romano (Edición en tamaño máis manual)
Misal Romano. Propio das dioceses de Galicia.
Ritual do Bautismo de nenos.
Ritual da Confirmación.
Ritual das Exequias.
Cantoral para a celebración das Exequias.
Ritual para os ministerios do Lector e do Acólito.
Ritual do Matrimonio.
Ritual das Ordenacións.
Directorio e ritual para os Ministros Extraordinarios da Eucaristía.
Cantoral Litúrxico Galego. Dez anos de encontros de música relixiosa en Pontevedra. (Casettes, Partituras, Letras).
Leccionario I. Ciclo A.
Leccionario I. Ciclo B.
Leccionario I. Ciclo C.
Leccionario II (*). Feiras de Advento, Coresma e Pascua.
Leccionario II.(**) Feiras do tempo ordinario.
Leccionario III. (*) Propio dos Santos.
Leccionario III (**) Misas rituais, votivas e por algunhas necesidades
Diurnal.
Oración dos fieis.
Oracional Galego
A Santa Misa (tríptico para os fieis coas respostas da Misa).
1.8. Abandono da Igrexa Católica.
a) Procedemento.- Principia por unha instancia que esa persoa envía ao Excmo. Sr. Arcebispo, ou ben a dirixe ao sacerdote encargado da parroquia do domicilio, para que a faga chegar ás instancias diocesanas.
b) Tramitación do expediente.- O procedemento tramitarase ante o Ordinario propio do ou da solicitante, que é o lugar do seu domicilio, do cuasidomicilio (c. 107), para facilitar o encontro co fiel e establecer o necesario diálogo pastoral.
c) Finalizado o expediente, a resolución comunicarase directamente á persoa do solicitante.
Convén lembrar que “un dos dereitos recoñecidos a todos os fieis é o dereito á protección da súa propia intimidade2 (cfr. c. 220). Por iso a Igrexa sempre procurou que os datos persoais dos fieis que obran no seu poder a través dos diversos libros parroquiais, fosen dilixentemente custodiados e só se puidesen proporcionar a quen tivese un interese lexítimo no seu coñecemento”. (Orientacións acerca dos libros sacramentais Parroquiais, CEE, 23 de abril de 2010, parte introdutoria).
2.- PARTE ADMINISTRATIVA
2.1.- Visita arciprestal
Disponse que os Srs. Arciprestes fagan a Visita Arciprestal ás parroquias do seu distrito ó longo do ano 2014, remesando á respectiva Vicaría Territorial un informe do estado do arquivo parroquial e da vida pastoral de cada unha das freguesías. As parroquias das que son titulares os Sres. Arciprestes serán visitadas polo Sr. Vicario Episcopal Territorial respectivo. Preténdese que a visita vaia máis alá dun mero formulismo; para iso tratarase de coñece-la vivencia pastoral da parroquia e a súa inserción no Plano Pastoral Diocesano. No vixente Estatuto do Arcipreste incorpórase un ANEXO co esquema dos puntos que debe ter en conta a devandita visita.
A administración económica das parroquias e entidades afectadas será contrastada anualmente polo arcipreste, a quen corresponde o deber e o dereito de que se cumprimenten e garden convenientemente os libros parroquiais, se administren con dilixencia os bens eclesiásticos e se conserve a casa parroquial coa debida atención (c. 555,1.3º e Estatuto do Arcipreste da Diocese de Santiago).
2.2.- Atención ás parroquias vacantes
Perante moitos séculos á atención urxente canónico-pastoral as parroquias vacantes ou a aquelas que a imposibilidade do sacerdote non lle permitía actuar estivo prestada pola benemérita institución do “Sacerdote Sacramentario” polo que respecta a nosa Diocese con gratitude queda constancia das seguintes disposicións: Circulares de 30 de outubro de 1902; 10 de decembro de 1908; 28 de febreiro de 1919, e apartado 4 das Normas para a provisión do Oficio Parroquial na Arquidiocese de Santiago de Compostela do B.O.A. de abril de 1993, pp. 247 e 259.
A modificación substancial das circunstancias históricas, a carencia de sacerdotes, a necesidade de agrupar varias freguesías nunha unidade parroquial (aínda que conservando cada unha a súa personalidade xurídica) conlevan a necesidade de modificar o réxime desa atención dispoñendo que nesas situacións de urxencia asuma inicialmente o Arcipreste á atención canónico-pastoral, ata tanto o Prelado Diocesano non proceda a nomear Administrador Parroquial, en caso de haber vicario parroquial, por disposición canónica este asume a devandita atención. O apartado 2.3 do Estatuto do Arcipreste concreta estas atribucións.
2.3.- Presentación das contas parroquiais
Para que a economía da diocese teña a transparencia necesaria e tamén para lograr que a Administración diocesana poida presentar uns balances e presupostos debidamente consolidados de toda a diocese, cómpre que tódalas e cada unha das institucións eclesiásticas que teñan personalidade xurídica pública e estean baixo a xurisdicción do Bispo diocesano cumpran coa obriga de presentar anualmente as contas, segundo determina o c. 1287. Neste sentido, é xa práctica diocesana que nos comezos de cada ano a Delegación Diocesana de Economía solicite o cumprimento desta obrigación, cada vez de máis obrigado cumprimento dadas as esixencias das autoridades civís.
Así mesmo, os administradores deben render contas ós fieis acerca dos bens que estes entregan á Igrexa (c. 1287.2).
2.4.- Libretas bancarias co CIF do Arcebispado
As contas bancarias que conteñen os fondos parroquiais terán o CIF do Arcebispado de Santiago de Compostela e non un número do DNI do sacerdote ou doutra persoa. Nesta libreta deberán ser anotados tódolos ingresos e gastos da entidade. Con esta disposición trátase:
a) de diferenciar o que é propio da entidade do que é propio do sacerdote;
b) e, polo mesmo, evitar diferenzas de interpretación cos familiares do sacerdote en caso de falecemento e/ou de incapacidade dispositiva. A titularidade dos depósitos e contas da Igrexa ou do Santuario debe ser sustentada por esa persoa xurídica, e, en ningún caso, por outras persoas físicas, sexan estes fondos conservados en cartillas de aforro, contas correntes, valores do Estado, etc..
2.5.- Depósitos en Parroquias.- En orde a unha mellor administración do patrimonio financeiro, cada entidade poderá ter na súa conta bancaria corrente unha cantidade que será concretada anualmente polo Sr. Ecónomo diocesano. Os depósitos financeiros que sobrepasen o importe sinalado, serán ingresados na Administración Diocesana ó nome da Parroquia ou do Santuario, coas garantías necesarias de rendibilidade a favor da entidade titular. Caso de ser necesario, a entidade titular poderá dispoñer destes fondos, total ou parcialmente, se os necesita, previo escrito dirixido ó Sr. Arcebispo.
2.6.- Concesións de axudas e subvencións.- Para acceder ás subvencións e/ou ás axudas provenientes dos fondos diocesanos, é necesario, ademais da correcta tramitación do expediente, ter presentado as contas dos exercicios anteriores e ter actualizado o abono da cota institucional que afecta ó Instituto de Sustentación do Clero (ISC). A cantidade concedida será remesada á libreta subliñada no apartado 2.4.
2.7. Arquivos parroquiais
Encaréceselles ós encargados e responsables dos arquivos parroquiais que se esmeren en prestárlle-los coidados axeitados para evita-la perda ou destrución dos libros ou documentos obrantes nos mesmos, así como ter ó día as anotacións e asentos.
No ano 1977 dispúxose que se fosen concentrando no Arquivo Histórico Diocesano os arquivos parroquiais cos libros e documentos anteriores ó ano 1.900. (cfr. BOA de Santiago de Compostela 1975, pp. 225-226; ano 1976, pp. 435-437; ano 1977, p. 536).
É de todos coñecido que cada vez son máis as parroquias que non teñen sacerdote residente e que, por unha parte as reitorais deshabitadas carecen das necesarias medidas de seguridade, e por outra as reitorais habitadas non sempre dispoñen de espazos apropiados para concentrar alí os diversos arquivos que ten ó seu cargo o sacerdote. Para remediar esta situación, proseguirase a campaña de recolle-los arquivos parroquiais coa finalidade de incorporar ó Arquivo Histórico Diocesano os libros e documentos anteriores ó ano 1900 existentes nos arquivos parroquiais. Nestes testemuños documentais temos un patrimonio que prioritariamente é do pobo cristián, pero que tamén ten a súa incidencia na sociedade civil. Axudando a conserva-lo recibido, seguimos facendo presente a memoria histórica.
Nos arquivos parroquiais, a tenor do c. 535, procurarase coidar con esmero os libros parroquiais de bautizados, de matrimonios e de defuntos, debendo o párroco ou encargado do arquivo facer con dilixencia as anotacións prescritas nos cc. 877.1, 895, 535.1.2, 1121, 1182. Ós libros anteriores débeselles engadir por dereito particular: libro de culto e fábrica, de inquilinato, de confirmados, e de confrarías, así como copia dos documentos que acreditan a titularidade dos bens. A devandita relación deberá ser complementada cun libro específico para reseñar as Visitas Pastorais e outros acontecementos parroquiais de singular releve.Tamén se conservarán os expedientes relativos á celebración dos sacramentos, licencias para dar sepultura en cemiterios parroquiais, relación de expedición dos títulos de usufruto para sepulturas subterráneas e/ou para panteóns aéreos. Igualmente cómpre lembra-la obriga de conserva-los Boletíns Oficiais do Arcebispado e encadernalos axeitadamente. As parroquias que non teñan sacerdote residente non recibirán a partir de agora o Boletín Oficial do Arcebispado.
Lémbraselles ós encargados dos Arquivos Parroquiais a obriga de asentar nos libros correspondentes as partidas sacramentais, procurando facelo con pluma e tinta indeleble, con letra clara e fidelidade nos datos. O feito de non asenta-las partidas nos libros ou deixando constancia dos datos soamente no ordenador, é un grave incumprimento dunha parte do Ministerio Parroquial e pode ademais causarlles ós fieis serios prexuízos. Os Sres. Arciprestes vixiarán con frecuencia o cumprimento desta disposición.
2.8.- Expedición de certificacións, informes, etc.
O sacerdote encargado do arquivo parroquial é o responsable de velar polo coidado dos libros e documentos obrantes no mesmo, así como de acreditar axeitadamente a expedición das certificacións e informes solicitados por persoas interesadas. Desde hai algún tempo constátase como unha “delegación” desta responsabilidade administrativa en persoas que non están debidamente acreditadas nin son suficientemente coñecidas na Curia Diocesana. O asinamento (i.e. a firma) dos documentos expedidos debe ser cometido específico do sacerdote responsable do arquivo; se ten un laico en funcións de secretario, deberá comunicarlle á Curia os datos identificativos e a rúbrica que emprega usualmente. “Non fan fe as inscricións orixinais non firmadas, os testemuños ou certificacións non expedidos con firma e selo, nin as copias non conformadas nin visadas” (cfr. Tomás Muníz Pablos, Procedementos Administrativos 111, Sevilla 1926, p. 300).
2.9.- Instituto de Sustentación dos Clérigos (ISC)
A aplicación á nosa diocese das disposicións previstas nos cc. 1272 e 1274.1 do vixente CIC, referente ós Igrexarios e outros bens afectados ó sustento dos cregos ó servizo da diocese conlevará unha transformación radical da forma usual de como vimos actuando desde tempo inmemorial. Estes canons, en sintonía cos principios do Concilio Vaticano II, introducen profundas innovacións ó transcenderen o chamado “sistema beneficial” en favor dunha concepción ministerial dos sacerdotes. Na vixente normativa canónica rómpese o nexo que tradicionalmente existía entre o oficio canónico e o dereito a percibi-las rendas anexas ó oficio polo dote. Hoxe ningún eclesiástico vive do que renda o beneficio, senón que vive do que se lle retribúe como contrapartida á prestación do seu servizo ministerial. As rendas orixinadas polos bens beneficiais están destinadas a complementa-la gratificación que se lles pasa ós sacerdotes para constituí-la remuneración congrua dos clérigos ó servizo da diocese.
As experiencias levadas a cabo na nosa diocese durante os pontificados de Mons. Don Ángel Suquía Goicoechea e de Mons. Don Antonio María Rouco Varela, coas denominadas “explotacións económicas modernas”, necesitan ser retomadas e ser aplicadas ó conxunto dos bens que teñen como función axudar ó sostemento dos cregos, de xeito que se manifeste a solidariedade entre as institucións e as persoas. As reformas feitas enmárcanse dentro dos criterios que contempla o “Segundo Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española sobre Normas Complementarias ó Novo Código de Dereito Canónico” (cfr. BOCEE 2, 1985, pp. 6065) e restante normativa emanada da mesma. A acomodación da nosa praxe tradicional á normativa canónica vixente foi estudada polo Consello Presbiteral ó longo de diversas sesións perante os anos 1997 e 1998, propostas que foron sancionadas polo Arcebispo, Mons. Don Julián Barrio Barrio, en Decreto asinado o 18 de novembro de 1998, complementadas logo por outro Decreto asinado polo Arcebispo o 26 de xaneiro de 1999 (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 1998, pp. 645-660, e BOA de Santiago de Compostela, xaneiro 1999, pp. 36-43). A Delegación Diocesana de Economía está a considerar a actualización do Decreto de 26 de xaneiro de 1999.
Mentres esta nova Normativa vai sendo aplicada (isto conleva analiza-la natureza xurídica dos bens tradicionalmente afectados ó sostemento dos clérigos), pídeselles ós párrocos e responsables de parroquias coiden adecuadamente as documentacións e escrituras dos bens inmobles e mobles, impidan a introdución de servidumes; vixíen a defensa das augas de regadío e das traídas das reitorais, estean atentos á lexislación sobre os arrendamentos e procuren ter ó día os contratos de aluguer ou arrendamento; presten especial atención cando se elaboren as Normas Urbanísticas nos respectivos Concellos, etc.
Nota: Inscrición dos bens inmobles no Rexistro da Propiedade. Nos últimos anos levouse a cabo a inscrición de moitos bens inmobles das entidades eclesiásticas, acolléndonos ña lexislación civil vixente nese intre. No ano 2015, o Goberno modificou os criterios para acceder ao rexistro da propiedade dos bens inmobles eclesiásticos, polo que é necesario ter en conta dita lexislación.
Nota: Inscrición dos bens inmobles no Rexistro da Propiedade. Nos últimos anos levouse a cabo a inscrición de moitos bens inmobles das entidades eclesiásticas, acolléndonos á lexislación civil vixente nese momento. O ano 2015, o Goberno modificou os criterios para acceder ao rexistro da propiedade os bens eclesiásticos, polo que é necesario ter en conta dita lexislación.
2.10.- Xubilación dos sacerdotes.
Por Acordo da Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española, do mes de novembro de 1994, os sacerdotes diocesanos que teñan cumpridos 65 anos de idade e reúnan os requisitos regulamentarios que contempla a vixente lexislación poderán solicita-la xubilación civil, acolléndose ós beneficios do Réxime da Seguridade Social do Estado. Esta xubilación civil obtida ós 65 anos non conleva a xubilación canónica, á que se accederá unha vez cumpridos os 75 anos, momento no que, di o Art. 3 do devandito Decreto Xeral da Conferencia Episcopal Española: “A xubilación canónica dos presbíteros procederá segundo a lexislación prevista no c. 538,3 para os párrocos”. Cando haxa de mediar proposta do Ordinario para que a Administración Pública proceda ó nomeamento dun sacerdote para o servizo dalgunha actividade docente ou de convenio administrativo, esa proposta será examinada detidamente.
3.- INTERVENCIÓNS EN CEMITERIOS PARROQUIAIS.
Con relación á problemática que se está presentando nestes cemiterios, é necesario que os señores curas con cargo parroquial recorden os seguintes aspectos da vixente lexislación:
3.1.- Lexislación canónica. Está contida nos cc. 1240-1243 do vixente Código de Dereito Canónico e nas Normas Xerais sobre cemiterios parroquiais da diocese de Santiago de Compostela (cfr. BOAS de Santiago de Compostela, 1981, 290-295). Resúmese o máis principal:
-
Para que un cemiterio poida te-la condición de cemiterio parroquial católico debe cumpri-los seguintes requisitos: que o terreo sexa propiedade da Igrexa Católica; que reúna as condicións esixidas tanto pola lexislación canónica como pola civil vixente en cada momento; sexa administrado, coidado e conservado baixo a vixilancia da Igrexa.
-
Non se autorizará a construción ou ampliación dun cemiterio parroquial en terreos de propiedade de persoas, institucións ou asociacións distintas da Igrexa parroquial ou diocesana. Tampouco se autorizará a construción dun cemiterio parroquial en terreos cedidos por testamento ou con promesa de entrega ou en masas comúns procedentes da Concentración Parcelaria ou similares, mentres a Igrexa non adquira a plena posesión dos mesmos. Así mesmo non será autorizada a construción de panteóns ou de sepulturas soterradas en terreos particulares, anexos ó cemiterio, co fin de incorporalos posteriormente.
-
A administración dos cemiterios parroquiais correspóndelle ó Párroco, asistido polo consello parroquial de economía. A asesoría técnica é competencia da Delegación Diocesana de Economía e da Comisión de Arte Sacra. O párroco e o consello parroquial darán as oportunas orientacións para a conservación e o coidado dos cemiterios, determinando os achegamentos económicos dos propietarios de panteóns.
-
Para a construción, ampliación ou reforma dun cemiterio parroquial requírese a licenza escrita do Ordinario, previos os trámites que contempla o art. 13, apartados 2 e 3, das Normas Xerais da diocese.
-
A concesión de títulos de usufruto axustarase ós arts. 15-18 das Normas Xerais da diocese. As solicitudes serán firmadas directamente polos propios interesados; esta esixencia administrativa trata de evitar ulteriores reclamacións, como, p.e. “que o párroco non transmitiu axeitadamente a petición do solicitante”, etc. No informe, o sacerdote encargado do cemiterio parroquial especificará o número da parcela que se constrúe, e elaborará, se non o ten xa presentado na Curia, un sinxelo plano do cemiterio no que se detallen as parcelas ocupadas, as edificables, e as que deben quedar libres.
-
Cando a construción ou ampliación do cemiterio se leve a cabo en terreos pertencentes a fincas do igrexario, o importe dos solares dos panteóns e/o das sepulturas soterradas pasará ó Instituto para o sostemento dos cregos, aínda que para a fábrica do templo poderá ser incorporada unha cantidade adicional.
3.2.- Lexislación Civil.- Con data 11 de decembro do ano 2014, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o novo Decreto da Consellería de Sanidade (Decreto 151/2014, do 20 de novembro de Sanidade Mortuoria de Galicia), e que xa está en vigor a partir do 12 de xaneiro deste ano 2015, derrogando o Decreto 134/1998, do 23 de abril. O Boletín do Arcebispado do mes de xaneiro 2015, na sección do poder civil (pp. 91-109), publica o que atinxe especificamente á lexislación sobre cemiterios.
O preámbulo do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, remarca: “Nesta liña, é necesario destacar o papel que desenvolveron os cemiterios parroquiais, a gran maioría dos cales datan de épocas moi anteriores a calquera normativa reguladora, o que produciu non poucas incidencias na aplicación desta, xa que as características daqueles non resultan de doada modificación ou adaptación a criterios técnicos, ao situarse en espazos con moitas limitacións espaciais, de conservación patrimonial e de desenvolvemento potencial.
Estes factores, limitacións e usos abriron progresivamente unha brecha entre a realidade social e a normativa, que en moitas ocasións precisou do pronunciamento xudicial para restablecer a necesaria correlación entre os mínimos criterios sanitarios e as necesidades e usos sociais.
No presente decreto supérase a anterior distinción entre cemiterios parroquiais, confesionais e particulares, entendendo que o determinante dende o punto de vista xurídico é o uso da instalación o que debe prevalecer e ser examinado, máis alá da súa consideración como confesional ou non”. O futuro dirá se esta unificación normativa foi acertada ou non, en virtude do principio filosófico xurídico quen distingue non confunde.
3.3- Conceptos: Seguidamente faise un breve resumo de conceptos referenciando os artigos do Decreto:
Artigo. 1.c (O Decreto ten tamén por obxecto fixar) “as condicións técnico sanitarios que teñen que cumprir os cemiterios e demais lugares de enterramentos”.
O art.º 2 norma as inspeccións para os cemiterios.
1. As funerarias, tanatorios, velorios, crematorios, cemiterios, así como toda clase de medios ou prácticas sanitarias sobre cadáveres, poderán ser inspeccionados polas autoridades sanitarias competentes da Administración autonómica e da municipal.
2. Estableceranse programas de vixilancia dos devanditos establecementos para os efectos de comprobar o cumprimento das especificacións do presente regulamento.
O art. 3 concreta diversas definicións, das que se subliña:
“1.- Ampliación dun cemiterio: incremento da capacidade de enterramentos que leva consigo a extensión fora dos seus muros de peche, de maneira que o recinto orixinal e a ampliación formen unha unidade.
3.- Cemiterio: o recinto pechado adecuado para inhumar restos humanos, que conta coa oportuna licenza municipal e demais requisitos regulamentarios. Dentro dos seus límites poderán existir instalacións ou establecementos funerarios descritos neste decreto.
4. Cinceiro: depósito para os restos cadavéricos.
5. Cinzas: o que queda dun cadáver, restos humanos ou restos cadavéricos tras a incineración.
6. Columbarios: depósitos para urnas coas cinzas procedentes da incineración.
27. Sepultura: calquera lugar destinado á inhumación dun cadáver ou restos humanos dentro dun cemiterio ou lugar de enterramento especial autorizado. Inclúense neste concepto:
a) Foxas: escavacións practicadas directamente en terra.
b) Nichos: cavidades construídas artificialmente, que poden ser subterráneas ou aéreas, simples ou múltiples.
35. Velorios: establecementos para a exposición de cadáveres que contan cos requisitos regulamentarios”.
“Artigo 22. Exhumación e reinhumación
1. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade autorizarán a exhumación e transporte de cadáveres do grupo 2º do artigo 4 para a súa reinhumación no mesmo cemiterio utilizando féretro común, ou en cemiterio distinto empregando para iso hucha de traslado. O mesmo sucederá no caso de restos cadavéricos, que poderán ser depositados en caixas de restos. En caso de que o destino final sexa a incineración, utilizarase féretro común ou de incineración.
2. A tal efecto, dirixirase unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo III (SA666A) á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, acompañando a partida de defunción literal do cadáver que se pretenda exhumar e o xustificante de pagamento da taxa.
3. Cando exista ou existise un procedemento xudicial en relación ao falecemento, terá que solicitarse previamente a autorización xudicial.
Artigo 23. Incineración de cadáveres
1. A incineración de cadáveres poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, a excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto.
2. As cinzas resultantes da incineración colocaranse en urnas destinadas ao efecto, figurando obrigatoriamente no exterior o nome do defunto, e serán entregadas á familia ou ao seu representante legal para o seu posterior depósito en sepultura, columbario, propiedade privada ou outro destino compatible coas normas ambientais e sanitarias vixentes”.
3.4.- Problemática recente nalgunhas ampliacións. – Preséntase cando as ampliacións se proxectan en masas comúns ou fondos provenientes da concentración parceira. Nestes casos as administracións civís veñen acudindo á figura xurídica dunha «cesión-concesión demanial» que como máximo podería chegar aos 75 anos (cfr. Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das Facendas Públicas, especialmente nos artigos 67, 71, 93, 137 e art.º 77 do R. D. 1372/1986, do 13 de xuño).
Esta cesión-concesión neses termos oponse á praxe tradicional e á normativa diocesana que vén esixindo dende tempo inmemorial “que o cemiterio parroquial novo e/ou a ampliación se faga en terreo que sexa de titularidade dominical da Igrexa Católica”. Proseguirase a reflexión doutrinal sobre este tema novo.
4.- ANOTACIÓN DOS ENTERRAMENTOS NOS LIBROS SACRAMENTAIS DA PARROQUIA.
4.1.- Para seguir conservando a fiabilidade histórica dos nosos libros sacramentais, é necesario que o Sr. Cura reitor da freguesía inscriba no libro de defuncións os enterramentos dos seus fregueses, deixando constancia no asentamento ou partida se o sepelio tivo lugar no cemiterio parroquial, ou no cemiterio municipal, ou no cemiterio veciñal (caso de existir tamén na parroquia estes últimos). Igualmente quedará constancia de todos aqueles enterramentos de fieis católicos provenientes de outras parroquias e que reciban sepultura ben no cemiterio parroquial ou ben en cemiterios propios de algunha outra entidade (p.e., Concello, Asociacións, etc.), sempre que as familias afectadas fagan a pertinente comunicación de datos.
4.2.- Asento de incineracións.- Coa finalidade de deixar o oportuno testemuño procede que no correspondente folio do libro actual de defuncións fágase unha anotación á marxe, que poderá ter a seguinte redacción: Cando as cinzas se depositan no panteón ou sepultura familiar: “O cadáver de D./D.ª …, fillo/a de D. … e D.ª …, de … anos de idade, foi incinerado o día … de … do ano … e as súas cinzas foron depositadas no cemiterio desta parroquia”.
4.3.- Normativa canónica acerca da sepultura e conservación das cinzas incineradas.- Está contida na instrución “Ad resurgendum cum Christo”, do 15 de agosto de 2016. Foi publicada pola Congregación para a Doutrina da Fe e desenvolve o modelo tradicional dos enterros e a nova modalidade das cremacións, dando disposicións relativas á conservación das cinzas no caso da cremación. A cremación non está prohibida “a non ser que fose elixida por razóns contrarias á doutrina cristiá” (CIC, c. 1176.3). Os fieis defuntos son parte da Igrexa, que cre na comuñón “dos que peregrinen na terra, dos que se purifican despois de mortos e dos que gozan da benaventuranza celeste, e que todos se unen nunha soa Igrexa” (Catecismo da Igrexa católica, n. 922). “A conservación das cinzas nun lugar sacro pode axudar a reducir o risco de subtraer aos defuntos da oración e o recordo dos familiares e da comunidade cristiá”. Porque é oportuno lembrar que a obra de misericordia que nos convida a “enterrar aos mortos” segue vixente, tamén para as cinzas incineradas.
O número 6 da Instrución dispón “que non está permitida a conservación das cinzas no fogar… nin tampouco ser divididas entre os diferentes núcleos familiares e débeselles asegurar respecto e condicións adecuadas de conservación”.
O número 7 norma: “…non sexa permitida a dispersión das cinzas no aire, na terra ou na auga ou en calquera outra forma, ou a conversión das cinzas en recordos conmemorativos, en pezas de xoiería ou noutros artigos…”.
Este ensino da Igrexa non pretende turbar a paz que quen preferiu esparexer as cinzas dos seus deudos. Lembremos que cada norma vai respondendo o seu momento. A fe cristiá tamén se expresa en signos, e a renuncia aos mesmos pode chegar a escurecer a nosa fe co paso do tempo. E un destes signos é a referencia do columbario.
O Ritual de Exequias nas páxinas 263-271 contempla a celebración das exequias en caso de cremación do cadáver.
5.- CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DA IGREXA.
Ao longo dos séculos, e dentro das súas posibilidades económicas, a Igrexa, creou, conservou e transmitiu un valioso Patrimonio Cultural, certamente ó servizo da Fe Cristiá, pero tamén aberto ós valores da Arte, da Cultura, da Historia, etc. Desde hai anos, as Autoridades Civís, os expertos e a sociedade en xeral séntense tamén motivados para que ese Patrimonio poida ser conservado e ofrecido á consideración do pobo. Por este motivo, recórdaselles os cregos encargados da súa custodia que non procedan á realización de reformas ou de restauracións sen o debido asesoramento técnico dos Organismos competentes e a preceptiva autorización diocesana. Cando sexa necesario recadar informes e/ou licencias da Consellería de Cultura para as intervencións que se teñan que levar a cabo, a tramitación farase desde a Comisión Diocesana de Arte Sacra ós Organismos competentes da Xunta de Galicia. Tanto a lexislación canónica coma a civil tratan de protexer este Patrimonio e recordan a seria responsabilidade dos encargados da súa custodia. Neste punto lembrar que a Consellería de Cultura está sancionando severamente as intervencións que se levan a cabo sen os correspondentes permisos da mesma.
6.- OUTRAS DISPOSICIÓNS ANTERIORES
-
Celebración do matrimonio canónico con estranxeiro/a (BOA de Santiago de Compostela, decembro 1998, p. 663).
-
Celebracións Litúrxicas en Sábado Santo (BOA de Santiago de Compostela 1989, p. 77).
-
Certificacións civís nos expedientes matrimoniais (cfr. BOA de Santiago de Compostela, novembro 2002, p. 687; ídem, novembro 2004, p. 565).
-
Circular do Ministerio de Xustiza sobre duplicidade de matrimonios (BOA de Santiago de Compostela 1986, p. 82).
-
Decreto de Constitución do Instituto Canónico para o Sostemento dos Clérigos (BOA de Santiago de Compostela decembro 1998, pp. 645-660).
-
Decreto de homologación de títulos de párroco (BOA de Santiago de Compostela 1994, pp. 467-468).
-
Decreto de retribucións: Normativa diocesana para o ano 1999 en materia económica (BOA de Santiago de Compostela xaneiro 1999, pp. 36-43).
-
Decreto sobre actualización dos Aranceis Diocesanos e Normas Litúrxicas (BOA de Santiago de Compostela 1980, pp. 43-50).
-
Decreto sobre Cemiterios Parroquiais (BOA de Santiago de Compostela 1981, pp. 290-295).
-
Directorio Diocesano de Confirmación (BOA de Santiago de Compostela 1987, pp. 531-547).
-
Disposicións de Vicaría General: BOAS de xaneiro 2005, pp. 42-68; xaneiro 2006, pp. 27-66; xaneiro 2007, pp. 29-73; febreiro 2007, pp. 150-193; xaneiro 2008, pp. 36-82; febreiro 2008, pp. 164-209; noviembre 2008, pp. 655-668, 671-685; xaneiro 2009, pp. 85-135; febreiro 2009, pp. 197-247; xaneiro 2010, pp. 42-104; febreiro 2009, pp. 178-236; xaneiro 2011, pp. 38-101; febreiro 2009, pp. 159-224; xaneiro 2012, pp. 36-100; febreiro 2012, pp. 150-214, xaneiro 2013, pp. 38-102; febreiro 2013, pp. 146-209; xaneiro 2014, pp. 34-99; febreiro 2014, pp 156-220; xaneiro 2015, pp.24-90; febreiro 2015, pp. 140-204.
-
Documentación Canónica para la admisión a la Primera Comunión, (BOA de Santiago de Compostela 1996, p. 281).
-
Expediente matrimonial e partida de Bautismo (BOA de Santiago de Compostela 1996, p. 682 e BOA de Santiago de Compostela 1997 p. 596).
-
Expedientes matrimoniais e certificacións (B.O.A. de Santiago, novembro 2007, pp. 780-784).
-
Lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia sobre Cemiterios (BOA de Santiago de Compostela 1999, p.p. 619-632) e unhas aclaracións provenientes da Vicaría Xeral (idem, p. 633).
-
Matrimonio con parte non bautizada na Igrexa Católica (cfr. B.O.A. de Santiago, novembro 2006, pp. 643-644).
-
Matrimonios Mixtos: Motu Proprio do papa Paulo VI polo que se establecen Normas sobre os matrimonios mixtos, de 31 de marzo de 1970 (BOA de Santiago de Compostela 1970, pp. 256-264) e Normas da Conferencia Episcopal Española sobre esa mesma materia (BOA de Santiago de Compostela 1971, pp. 82-88).
-
Ministro do Sacramento da Confirmación (cfr. BOA de Santiago de Compostela, decembro 2000, pp. 642-643; ídem, novembro 2002, pp. 684-685; ídem, B.O.A. novembro 2004, pp. 560-562).
-
Normas para a provisión do Oficio Parroquial na Arquidiocese de Santiago de Compostela (BOA de Santiago de Compostela 1993, pp. 238-264).
-
Normativa diocesana sobre fotografías nos actos de culto (BOA de Santiago de Compostela 1990, pp. 432).
-
Nota da Vicaría Xeral sobre o Bautismo de nenos (BOA de Santiago de Compostela 1982, pp. 107-108; véxase tamén “Instrucción sobre o Bautismo de nenos” da Congregación para a Doutrina da Fe, de 20 de outubro de 1980, en BOA de Santiago de Compostela 1981, pp. 30-42.
-
Nota sobre cuestacións nos templos (BOA de Santiago de Compostela 1996 p. 281).
-
Orientacións para a atención pastoral dos católicos orientais en España (cf. BOA de Santiago de Compostela, decembro 2003, pp. 587-597)
-
Orientacións para a Iniciación Cristiá de persoas maiores de 7 anos non bautizadas e Decreto do Sr. Arcebispo (textos en castelán e galego: BOA de Santiago de Compostela, febreiro 2003, pp. 130-152).
-
Partida de Bautismo no expediente matrimonial (cfr. BOA de Santiago de Compostela, novembro 2002, p. 682-683; ídem, B.O.A. novembro 2004, p. 563).
-
Partida de Bautismo para padriños/madriñas en bautismos e confirmacións (cfr. BOA de Santiago de Compostela decembro 2001, p. 596; idem, novembro 2002, pp. 685; ídem, novembro 2004, pp. 563).
-
Presentación do Directorio de Pastoral Familiar (BOA de Santiago de Compostela 1981, pp. 235). Este Directorio foi publicado en separata.
-
Recomendacións acerca do modo de proceder en materia de protección de datos persoais dos fieis de la Junta Episcopal de Asuntos Jurídicos (cfr..B.O.A. de Santiago de Compostela, novembro 2004, pp. 547-553).
-
Recomendacións sobre protección de datos, presentadas polo Director da Oficina Diocesana de Socioloxía e Estatística (cfr. B.O.A de Santiago, decembro 2004, pp. 639-641).
-
Regulamento do Fondo Común Diocesano de Bens (BOA de Santiago de Compostela 1983, pp. 339-346).
-
Trámite de asuntos na Delegación Diocesana de Economía (BOA de Santiago de Compostela 1990, pp. 248-249; véxase tamén BOA de Santiago de Compostela 1980, p. 690).
-
Vodas de conveniencia ou de compracencia (B.O.A. de Santiago, decembro 2007, pp. 913-918).
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2017.
Asdo./Víctor B. Maroño Pena,
Vicario Xeral-Moderador de Curia.