O 14 de xullo, a Xunta de Galicia facía público o Decreto 128/2022, polo que se concedía a Medalla de Galicia na súa categoría de ouro. Nesta edición foronlle concedidas a: Mons. Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago, D Paolo Caucci von Saucken, D.ª Begoña Valdomar Insua, en nome dos hospitaleiros do Camiño de Santiago, Asociación Discamino e a D. José Carro Otero, a título póstumo.
O 24 de xullo, tivo lugar a cerimonia de entrega das Medallas na Cidade da Cultura, destacando que o Sr. Arcebispo recibía esta distinción pola súa contribución á promoción do Camiño e á colaboración na restauración da Catedral.
O Presidente da Xunta dedicáballe ao Sr. Arcebispo estas palabras no acto de entrega:
“O Camiño supón, por riba de todo, unha espiritualidade integradora sen a cal todo o demais ou non se entendería ou non sería posible. Un dos grandes artífices deste logro é don Julián Barrio Barrio que, dende 1996, desenvolve un traballo xeneroso e incesante que consegue que a efeméride xacobea manteña o seu fundamento cristián, sen excluír outras manifestacións espirituais. Velaí outra integración que amplía o atractivo do Camiño.
Ese mérito do arcebispo de Santiago vese incrementado polo seu talante, eu son testemuña directa, sempre amable e disposto á colaboración coas Administracións públicas a prol desta obra común. Porque entende sempre que é posible unha vertente de desenvolvemento socieconómico e turístico do Xacobeo que, é tanto dicir cono de Galicia, sen perder as esencias cristiás que el preserva e garante.”
O Sr. Arcebispo estivo acompañado pola súa familia e as consagradas que o atenden no día a día, o Nuncio da Súa Santidade en España, o Sr. Bispo Auxiliar e o Sr. Bispo de Astorga e membros da Curia Diocesana.
Discurso do Sr. Arcebispo
O meu agradecemento á Xunta de Galicia e ao seu presidente que me distinguiron con tan grande honra da Medalla de Galicia 2022. Parabéns a todos os que foron tamén distinguidos con este galardón: don Paulo Caucci von Saucken, dona Begoña Valdomar Insua, Asociación Discamino e don José Carro Otero, quen alcanzou xa a meta última e definitiva da súa peregrinación terrea. Grazas a todos vostedes e a miña familia.
A comunicación desta concesión causoume admiración comprendendo que a vosa consideración, Sr. Presidente da Xunta, vai máis aló do que razoablemente cabería esperar. Con humildade, na misión que a Igrexa me confiou na Diocese compostelá, tratei de ir labrando o respecto sen pretender contar coa admiración, que sempre depende máis da bondade de quen admira que do esforzo de quen quere ser admirado. A resposta pola miña banda é a gratitude sincera e oxalá fose tanta como o pobo galego se merece.
“Quen pensou o máis fondo, ama o máis vivo, e quen queira percibir o invisible co corazón ha de observar o visible” (Hölderlin). Creo que este é o momento providencial para agradecer a todos os que me axudaron a realizar de diferentes modos a misión que a Igrexa me encomendou e que alcanza a todo home, pois o home é o camiño que a Igrexa ten que percorrer calquera que sexan as súas circunstancias. A isto tentei colaborar, tendo sempre en conta que “a Igrexa non é soño de grandeza, senón de disposición de servizo ata dar a vida”, e sabendo que xeralmente gañamos a confianza daqueles en quen poñemos a nosa, pois “dá máis forza saberse amado que saberse forte” (Goethe), aínda que ás veces haxa que camiñar á intemperie. A miña preocupación foi ser ponte, consciente de que a ponte debe estar unido ás dúas beiras, para que poida servir. Do que non puidese conseguir nestes años o responsable son eu, do conseguido dou grazas a Deus e a aos que me tedes acompañado.
Viña de Castela onde a luz madura con forza e onde as noites escuras fan visible a vía láctea, que se fai camiño de terra para chegar a Santiago. Sendo admirable esta comunidade galega nas súas xentes, na súa capacidade para mirar sempre adiante, por graza desde o primeiro momento tiven conciencia do feito diferencial de Galicia, para min tanto máis significativo e importante canto que non separa, senón que complementa no contexto autonómico, nacional e internacional.
Esta honra que se me concedeu é compromiso para testemuñar o meu agradecemento a Galicia e, dentro dela, á Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela, meta á súa vez dun camiño de fe e, ao mesmo tempo, de cultura, o acontecemento máis importante na configuración da Europa medieval como cristiandade occidental. Idea que manifesta o Papa Francisco cando escribe: “En Santiago, cidade no extremo occidental de Europa, conflúe todo o Continente. Nela atópanse o centro e a periferia. É por tanto un lugar altamente simbólico para redescubrir a gran riqueza de Europa unida na súa tradición relixiosa e cultural e por iso tan distinta de tantas peculiaridades que constitúen a súa riqueza”.
Tamén hoxe, as persoas emprenden a peregrinación xacobea, porque buscan e porque esperan atopar o que a nosa sociedade non foi capaz de ofrecerlles. O rito e o misterio da peregrinación xacobea aparecen constantes ao longo da historia. A tradición cultural da peregrinación a Santiago de Compostela, segue sendo na terceira década do terceiro milenio un instrumento adecuado, susceptible de expresar o sentido profundo da existencia humana e, polo tanto, da vida de fe cristiá. É verdade que ao home dos nosos días non lle faltan interrogantes e sóbranlle zozobras na procura da Verdade que nos fai libres, sabendo que para chegar á verdade necesítase a liberdade. No sentir do papa emérito Bieito XVI, a Igrexa está chamada a abrir tamén hoxe unha especie de “atrio dos xentís” onde os homes poidan entrar en contacto dalgunha maneira con Deus. A Praza do Obradoiro debe ser o lugar simbólico onde ‑en palabras do papa Bieito XVI‑ “crentes e non crentes reencontren o camiño do diálogo que permita a cada cal vivir o que cre, de acordo con a súa conciencia. Se se trata de construír un mundo de liberdade, igualdade e fraternidade, crentes e non crentes teñen que sentirse libres de selo, iguais nos seus dereitos de vivir a súa vida persoal e comunitaria con fidelidade ás súas conviccións, e teñen que ser irmáns entre si pero sen negar as diferenzas”.
Permítanme que conclúa dicindo que neste ano Santo bianual extraordinario o fenómeno xacobeo segue sendo unha chamada á esperanza cristiá que non é un inxenuo optimismo baseado no cálculo de probabilidades e que ha de ecoar desde a Casa do Señor Santiago, mirando “cara arriba” e camiñando “cara adiante”. Escribiu o autor latino Cayo Salustio Crispo, que “En paz e harmonía as pequenas cousas crecen, en discordia as grandes decaen”. O meu recordo na oración para os que perderon a súa vida por causa dos incendios forestais e dos naufraxios no mar. A miña solidariedade con que perdeu os seus bens e coas súas familias. A concesión da Medalla de Galicia sempre será motivo de agradecemento onde me atope, sendo o peregrino “para o que o día non comeza onde acaba outro día e ao que ningunha aurora atopa onde o deixou o atardecer” (Khalil Gibran). Comparto esta distinción coa miña familia, con Vostedes, con toda a Igrexa compostelá e con toda Galicia. Moitísimas grazas!